Concello da Coruña

Concello da Coruña

Visitas escolares

OFERTA ESCOLAR CURSO 2024/2025

CASA DAS CIENCIAS

  • EXPOSICIÓNS
  • Auroras boreais. NOVO. Na primavera de 2024 unha fortísima tormenta solar provocou auroras boreais que se puideron ver dende Galicia. Esta exposición recolle algunhas das imaxes tomadas eses días.
  • Exploratorium. Módulos interactivos nos que explorar fenómenos relacionados coa luz, o son, a cor ou as forzas magnéticas. E tamén para aprender a facer preguntas e buscarlles resposta.
  • Pitiños. A nova incubadora de ovos permite ver o proceso de eclosión do ovo e o nacemento de pitiños de galiña.
  • A astronomía como cha contan. Meteoritos, fósiles de dinosauro, fragmentos dunha nave espacial soviética ou dos paneis do telescopio espacial Hubble forman parte desta exposición sobre a forma en que asimilamos noticias de astronomía a través dos medios de comunicación.
  • Puro Swing. Unha exposición sobre péndulos cos que xogar e aprender a facer música, randearse dunha maneira diferente ou sentir no teu corpo as propiedades dos sistemas caóticos. Ademais dunha explicación do funcionamento do famoso botafumeiro.
  • PLANETARIO

O novo planetario dixital ofrece mellor calidade de imaxe e recursos espectaculares para viaxar polo sistema solar ou explorar as profundidades do universo. E por suposto, para coñecer os segredos na noite estrelada tal e como a vemos dende a Terra.

  • Astronomía en directo. Unha sesión de planetario para descubrir os astros que podemos observar na época na que facedes a visita. Ademais respondemos as vosas preguntas nunha charla ilustrada con todos os recursos audiovisuais do planetario. Duración: 45 minutos. Idade: maiores de 8 anos
  • Hazelnuts. A historia relata como dous esquíos, Nino e Lilli, farían calquera cousa por conseguir abelás (hazelnuts, en inglés). E máis aínda por conseguir superabelás, que é o que cren que haberá nos brillantes planetas que poden ver todas as noites no firmamento. Así que se embarcan nunha aventura para tentar alcanzalos. Duración: 25 minutos. Idade: de 4 a 7 anos.

  • Biosfera escura. Un percorrido polos descubrimentos máis recentes sobre a emerxencia da vida no universo, desde os organismos que habitan no interior da Terra e nunca entran en contacto coa luz do Sol ata as lúas xeadas de Júpiter e Saturno e os confíns da nosa galaxia. Duración: 28 minutos. Idade: maiores de 10 anos.

Dispoñemos doutros programas adaptados a calquera nivel.

DOMUS

  • EXPOSICIÓNS
  • Bocados: unha exposición sobre a nutrición e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Todas as persoas teñen dereito a unha alimentación adecuada. Por este motivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU comprométennos a actuar a favor de cambios globais e integrados que permitan poñer fin á fame e á malnutrición antes de 2030. Esta exposición aborda temas que van dende a vida urbana e a educación ata o acceso á auga, a saúde ou a igualdade de xénero. Os ODS son 17 obxectivos que están relacionados, de forma directa ou indirecta, coa nutrición. Unha boa nutrición constitúe a base para garantir o benestar e o potencial humano. Non é só un produto do desenvolvemento, senón tamén a semente que posibilitará un futuro mellor. O reto é pensar en global e actuar en local para a transformación cara a unha nutrición, e un mundo, máis sostible.
  • CINEMA

«Claqueta científica». Asómate á pantalla xigante da Domus. Gratuíto.

Ofrécense estes títulos:

  • Planeta fráxil. NOVO. Deixa atrás o planeta Terra e voa ata os confíns do Universo. Frota a través da atmosfera terrestre e goza como ve un astronauta o teu fogar, o único planeta que actualmente alberga vida. A continuación, viaxa á Lúa, Marte e mesmo máis aló da Vía Láctea en busca de hábitats que poidan albergar vida extraterrestre. Aínda que a maioría deses mundos estarían demasiado lonxe para que os humanos os visitasen. Por tanto, depende de nós garantir a continuidade da vida na Terra, o noso único fogar. Unha película da California Academy of Sciences. Duración: 25 minutos. Versión en inglés con subtítulos en español. Nivel educativo: 5.º e 6.º de educación primaria, educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos.

  • Descubre con Tadeo. Tadeo Jones é un guía ideal, entrañable, divertido e popular que nos mostra o traballo que realizan os centros de investigación en España. O intrépido explorador, protagonista da película de animación que máis entradas vendeu da historia do cinema español, viaxará a diversos enclaves nacionais como as Covas de Altamira, o Parque Natural de Doñana, a Serra de Atapuerca, o Buque de Investigación Oceanográfico ou o Gran Telescopio de Canarias, entre outros. Duración: 20 minutos. Nivel educativo: educación infantil e ata 4.º de educación primaria.

TALLERES E ACTIVIDADES

>> LABORATORIO ABERTO

Un espazo para vestir a bata de laboratorio, poñer as lentes de seguridade e manexar os instrumentos que utilizan os/as científicos/as no seu día a día, desde micropipetas a centrifugadoras, pasando por axitadores, básculas, tubos e moito máis.

A capacidade máxima é de 30 persoas por taller

  • PCR: Investigamos a escena do crime. Experimentando coa técnica da PCR (reacción en cadea da polimerasa), o estudantado poderá simular a elaboración de perfís de ADN tal e como se realizan habitualmente nos laboratorios forenses. Duración: 2 horas e media. Nivel educativo: bacharelato e ciclos formativos.
  • Xperimenta coas flores. Cada estudante realizará a súa propia disección de flores con todo o equipo científico que se utiliza ao investigar a natureza. Duración: 1 hora. Nivel educativo: 3.º a 6.º de primaria.
  • Bocados. Un taller para descubrir a nutrición como nunca a vías. Exploraremos os cereais, faremos cociña molecular e aceptaremos o reto dun concurso moi saboroso. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: 5.º de primaria a 2.º de ESO.
  • Como se desenvolven os fármacos? Para participar na síntese dun novo fármaco que se está investigando para o párkinson. Duración: 2 horas. Nivel educativo: educación secundaria (3.º e 4.º de ESO), bacharelato e ciclos formativos.
  • Diseccións en directo. Duración: 1 hora. Nivel educativo: educación primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.
  • Artistas da prehistoria. Un taller no que converterse nun artista prehistórico e coñecer os materiais, técnicas e temas favoritos do noso antepasados. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: educación primaria (3.º a 6.º) e educación secundaria (1.º e 2.º).
  • ExploraDomus Escola. A cociña é un laboratorio de ciencia! Un taller para explorar a ciencia máis próxima. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: educación primaria (1.º e 2.º)

>> ESPAZO MAKER@DOMUS

O espazo da Domus para experimentar a cultura maker, aprender tecnoloxía con materiais sinxelos e sobre todo con moita imaxinación. Unha oportunidade única para «pensar coas mans».

Impartimos os talleres adaptándoos ás necesidades, coñecementos e habilidades de cada grupo e de cada alumna e alumno.

Ademais destes talleres "listos para usar", o profesorado interesado noutros talleres ou temáticas concretas pode poñerse en contacto co equipo de maker@domus para estudar outras posibles opcións.

Dispoñibles os seguintes talleres "listos para usar":

  • circuitos@domus. Un taller para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e moitos outros compoñentes eléctricos. Axúdalle ao alumnado a comprender o mundo da electricidade, e descubrir como funcionan obxectos cotiáns. Martes das 11.00 ás 12.30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º e 2.º de ESO.
  • robots_garabateadores@domus. O taller empeza construíndo un dispositivo móbil baseado nun motor vibrador, que rexistra o seu percorrido sobre a mesa, describindo formas caóticas inesperadas e garabatos incribles. Un reto é conseguir "domar" o seu funcionamento traballando con pesos e contrapesos, modificando a súa forma e aspecto, o seu equilibrio ou variando calquera outro parámetro físico. Martes das 11.00 ás 12.30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º e 2.º de ESO.
  • electrónica_textil@domus. Neste taller, o alumnado traballa con materiais novos e sofisticados como fío condutor ou LEDs, para deseñar e construír unha creación que ten elementos de arte, tecnoloxía e artesanía. Durante a actividade poden ir definindo e afinando o aspecto final que terá a súa creación. Para aproveitar mellor o taller, é aconsellable (aínda que non imprescindible) que o alumnado teña uns coñecementos básicos de electricidade. Martes das 11.00 ás 13.00 h. Duración: 120 minutos. Nivel educativo: 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de ESO.
  • autómatas_de_cartón@domus. Deseña e constrúe un mecanismo con levas e seguidores que che pode servir de base para contar unha historia. O taller é un camiño de ida e volta continua entre a historia que queremos contar e o deseño do mecanismo que mellor se adapte ao relato que imaxinas. Martes das 11.00 ás 13.00 h. Duración: 120 minutos.Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de ESO.
  • materiais espaciales@domus. O alumnado debe elixir o material máis axeitado para empregalo nunha parte dun proxecto espacial. Para iso terá que analizar as propiedades dun conxunto de probetas de materiais. Quizais ningún dos materiais cumpra completamente con todos os requisitos do proxecto, polo que terán que ser creativos e establecer un compromiso valorando cales son as propiedades máis importantes para este proxecto. Martes das 11.00 ás 12.30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º de ESO.

AQUARIUM FINISTERRAE

  • EXPOSICIÓNS

SALA MAREMAGNUM. Ademais de grandes acuarios, contén decenas de elementos museísticos que propoñen experiencias interactivas. Seguimos renovando os seus contidos, como o tanque cilíndrico, o acuario de augas profundas e a OceanoSfera (proxector esférico que permite simular fenómenos naturais a escala planetaria).

NOVO. Leva o póster "Preguntas indiscretas do acuario".

Só tes que traernos e entregar en recepción un conxunto de preguntas que o teu alumnado fai na aula e que están relacionadas coa crise ambiental , especialmente a mariña, que estamos a vivir.

SALA ISABEL CASTELO

«Fotografías da natureza 2024». NOVO. Contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso «GDT European Wildlife Photographer of the Year». De xuño a decembro de 2024.

«A pegada do desxeo». NOVO. Unha exposición fotográfica que comeza mostrando as paisaxes de xeo formadas nunha época inmemorial e que camiñan cara á desaparición. De xaneiro a xuño de 2025.

SALA HUMBOLDT

«Sexo azul». Presenta unha selección curiosa e divertida de especies que representan a variedade de estratexias reprodutivas dos animais acuáticos. Está formada por 20 módulos que inclúen dez acuarios nos que se mostran peixes e invertebrados mariños especialmente elixidos.

CORREDOR LÓPEZ SEOANE

Contén exposicións fotográficas sobre historia natural cuxo contido cambia periodicamente.

NOVO. Comezamos o curso coa exposición fotográfica titulada «De auga e terra» sobre anfibios galegos; os anfibios son o grupo zoolóxico máis ameazado do planeta.

SALA NAUTILUS

Está mergullada nunha gran piscina de cinco millóns de litros de capacidade e a súa decoración lembra a do gabinete do capitán Nemo a bordo do Nautilus. Arredor da sala nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as quenllas, corvinas, seriolas, douradas, robalizas e chernas. Tamén hai bancos de xardas e xurelos.

EXTERIORES

Neles exponse a áncora do petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 encallou fronte á Torre de Hércules e provocou unha marea negra; e nas piscinas viven tres machos e oito femias de Phoca vitulina.

  • ITINERARIOS E TALLERES

Os grupos escolares poderán reservar unha visita libre ao Aquarium ou complementala con algún dos nosos itinerarios e talleres.

Se o grupo se atrasa máis de 15 minutos na hora de chegada, perde a opción de realizar o itinerario escollido.

ITINERARIOS XERAIS

  • Veñen os peques. Os grupos terán a posibilidade de reservar unha visita guiada, e adaptada ao seu nivel, polos nosos espazos expositivos. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: educación infantil. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Mundo submarino. Os grupos poderán iniciar a súa visita cun itinerario polos acuarios da Sala Maremagnum e finalizar cunha visita á Sala Nautilus. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: educación primaria. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Viaxe ao Nautilus. Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre as especies que habitan o maior tanque do acuario. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.

ITINERARIOS TEMÁTICOS.

  • Reproducirse baixo o mar. Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre os variados procesos de reprodución que empregan as especies mariñas; centrarémonos nas que mantemos na exposición «Sexo Azul». Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación primaria, secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Biodiversidade. Os grupos realizarán un itinerario pola Sala Maremagnum mentres complementan a súa visita cunha charla sobre a biodiversidade e algúns dos conceptos máis importantes relacionados a través dos módulos e especies que mantemos en exposición. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: terceiro ciclo de educación primaria, secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Sinais de alarma. Os grupos realizarán un itinerario pola Sala Maremagnum mentres complementan a súa visita cunha charla sobre algúns dos cambios ambientais que están a sufrir os océanos e que ameazan as especies que os habitan. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación primaria, secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Visita «20.000 leguas de viaxe submarina». PARA CLUBS DE LECTURA. Está dirixida só a clubs de lectura que programen a famosa novela de Xulio Verne entre as súas lecturas. Recibirán unha charla de contextualización e descrición do Gabinete do Capitán Nemo e da Sala Nautilus. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

TALLERES

  • Taller/itinerario Quenllas á vista.

    Preséntanse aspectos curiosos da bioloxía das quenllas e do seu estado de conservación. Para abordar a reprodución destas especies visítase o módulo onde se observa o desenvolvemento embrionario. Termina cunha visita ao Nautilus para identificar e recoñecer as cinco especies de quenllas que mantemos no acuario. Duración: 60 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

  • As focas do acuario. Coincidindo co momento en que se dá para comer ás focas, impártense charlas sobre as características destes mamíferos mariños e sobre o seu adestramento. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

Normas xerais das visitas

  • Ao acceder ao museo, a persoa responsable do grupo dirixirase á recepción para a organización da visita. Mentres tanto, o grupo deberá permanecer no exterior ou no espazo indicado polo persoal de atención ao público.

  • O persoal docente acompañante será o responsable do cumprimento das normas da visita aos Museos Científicos Coruñeses.

>> INFORMACIÓN ADICIONAL

Prezos

Os grupos escolares gozan de importantes descontos no acceso aos Museos Científicos Coruñeses.

Taxas vixentes ata o 31.12.2024 segundo a Ordenanza fiscal núm. 16 do Concello da Coruña

> Gratuíto *

  • Casa das Ciencias: 0 €
  • Planetario: 0 €
  • Domus: 0 €
  • Aquarium Finisterrae: 0 €

* A gratuidade aplícase aos grupos que fagan reserva previa nalgún destes casos:

  • Grupos de centros educativos do Concello da Coruña

  • Grupos que nos visiten en xaneiro e febreiro

  • Centros membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias

  • Profesorado que acompaña o grupo escolar

  • Alumnado con discapacidade física ou psíquica

  • Grupos cuxo profesorado acompañante o día da visita asistise a unha reunión de preparación previa.

  • Menores de 4 anos

> Tarifa reducida*

Casa das Ciencias 1,03 €

Planetario 1,03 €

Domus 1,03 €

Aquarium Finisterrae 4,12 €

*A tarifa reducida aplícase aos grupos que fagan reserva previa e non se axusten a ningún dos casos de gratuidade do apartado anterior.

Se se visitan os tres museos o mesmo día, a sesión de planetario é gratis.

> Xornadas de portas abertas

Os tres museos son gratuítos estes días do curso 2024/2025:

  • Festivos locais do Concello da Coruña
  • Semana da Ciencia: do 9 ao 17 de novembro de 2024
  • Día da Ciencia na Rúa
  • Día dos Museos. 18 de maio

Onde comer?

  • Picnic da Domus

Traede a vosa comida ao picnic da Domus. Haberá catro quendas de luns a venres, ás 12.00, 13.00, 14.00 e 15.00 horas para unha capacidade máxima de 80 persoas.

  • Comedor do Aquarium Finisterrae

Este curso dispoñemos dun comedor para as visitas escolares cunha capacidade para 80 persoas.

Pode reservarse en dúas quendas das 13.00 ás 13.45 horas e das 14.00 ás 14.45 horas.

A asignación do uso e quenda de comedor, tanto da Domus como do Aquarium Finisterrae, estarán suxeitos á dispoñibilidade do espazo na data solicitada.

Como reservar?

1. Escolle as visitas e/ou actividades que queres levar a cabo co teu grupo escolar nos Museos Científicos Coruñeses.

2. Enche a folla de reserva que podes descargar ao final desta páxina web. Neste proceso podes seguir unha destas dúas opcións:

  • Descarga o formulario, ábreo con Adobe Acrobat Reader DC, cúbreo e gárdao.
  • Tamén podes imprimir o formulario, cubrilo á man e dixitalizalo despois para envialo.

3. Envíanos a folla de reserva correspondente cuberta a través deste enderezo de correo electrónico:

> Importante

A reserva só quedará formalizada cando comuniquemos a confirmación do número exacto de prazas reservadas, a data ou datas de visita e o programa detallado.

> Máis información:

Teléfono: 981 189 848

Correo electrónico: reservas@casaciencias.org

Documentos relacionados

  • Formulario de solicitude de reserva de visita (galego) (177 KB)
  • Formulario de solicitude de reserva de visita (castelán) (291 KB)

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión