Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

30 de decembro de 2016

O alcalde apela durante o encontro aberto coa cidadanía en María Pita “ao entendemento nunha administración pública responsable, que quere accións e non bloqueos”

Ferreiro destacou, nun evento que reuniu a numerosos veciños e veciñas, que A Coruña é a cidade galega onde máis baixou a taxa de risco de pobreza no último ano. “O Concello da Coruña está a cumprir coa xente, e seguiremos a cumprir o próximo ano”, dixo

O Pazo de María Pita acolleu esta xornada o encontro aberto ao que estaba invitada toda a cidadanía da Coruña, que puido participar dun acto no que o alcalde, Xulio Ferreiro, ademais de membros da Corporación Municipal, desexáronlle un feliz 2017. No seu discurso de benvida ao Pazo, o rexedor apelou "ao entendemento" de cara ao próximo ano. "Non deixaremos de seguir tentando abrir vías de diálogo e acordo, o sectarismo non forma parte do noso vocabulario", dixo. "A verdade está aí fóra. Na xente á que nos debemos, a que non merece paixóns tristes nin discursos demagóxicos. A que pide entendemento e non liortas absurdas que só prexudican aos que máis precisan dunha administración responsable e eficiente, que queren accións e non bloqueos", explicou.

Ademais, o rexedor fixo balance do ano que remata, e explicou os principais proxectos que o Goberno local quere abordar o próximo exercicio. O mandatario explicou que "o Concello da Coruña está a cumprir coa xente, e seguirá cumprindo máis en 2017". "Deixamos atrás un ano con dificultades, pero tamén abondosos avances. O noso compromiso foi dende o primeiro día con aqueles que peor o están a pasar na actual conxuntura económica. Coñecemos hoxe os datos do IGE, que sitúan A Coruña como a cidade galega onde máis baixou no último ano a taxa de risco de pobreza, situándose no 10,5% fronte 2014 ou ao 16% de 2013, mentres noutras das capitais galegas, agás Ferrol e Santiago, esta cifra segue a subir", dixo. "Nun ano especialmente duro no Estado, na Coruña aumentamos o gasto social e seguimos a contar con acordos entre este Concello e empresas polas que vítimas da pobreza enerxética, por exemplo, non sofren cortes de subministro", comentou.

"Nestes días de Nadal, por primeira vez, comedores de centros escolares manteñen o seu funcionamento para quen o necesita. Camiñamos tamén cara ao Vertido Cero, facendo dende a institución local o que nos corresponde para recuperar a Ría do Burgo", enumerou o primeiro edil, que tamén salientou o crecemento dos servizos públicos postos ao servizo da cidadanía, como é o caso do de canguraxe, ou o novo espazo LGTBQI que existe no Centro Cívico da Cidade Vella. "Este foi o ano tamén no que arrincaron os Dillo ti e o proceso de Orzamentos Participativos, dando máis posibilidades ás persoas de incidir directamente na acción de Goberno. O pobo da Coruña pode preguntar e falar cara a cara, sen obstáculos nin medo, co seu Concello, e decidir sobre o destino de importantes investimentos", destacou Ferreiro, quen tamén fixo fincapé noutras apostas da Administración Local este ano, como "a música e a festa na rúa". "O dereito aos patrimonios tantas veces maltratados disfrutou dun gran impulso grazas tamén ao proceso de recuperación de rías como Feáns ou Quintas, a protección das Illas de San Pedro, o cemiterio de San Amaro ou a potenciación a todos os niveis do Camiño Inglés", salientou o primeiro edil, que tamén destacou os investimentos históricos por parte do Concello nos centros de ensino da cidade, a adxudicación dos postos baleiros dos mercados municipais, e a posta en marcha do Viveiro de Empresas do Papagaio. Durante o acto, que contou, ademais de cun gran número de veciños e veciñas da Coruña, ademais de con representantes das entidades sociais, deportivas e económicas da cidade, Ferreiro tamén fixo fincapé no feito de que este ano A Coruña se converteu "na capital da Memoria Histórica, compromiso inalterable ao que non renunciamos, porque os e as democráticas desta cidade merecemos mirar cara arriba sen ningún tipo de vergoña".

OBXECTIVOS

Entre os obxectivos de traballo para o vindeiro 2017, Ferreiro insistiu "na necesidade de rachar distancias artificiais en base a un desexo colectivo, como é crear a Área Metropolitana da Coruña". "A Administración pode e debe acompañar dende xa a época e a realidade cotiá dos coruñeses e coruñesas, que non só viven en Monte Alto ou o Castrillón, en Labañou ou na Peixería, senón tamén en Sada ou Arteixo, en Oleiros ou en Culleredo". Do mesmo xeito, tamén fixo fincapé no "compromiso no coidado do común, do que pertence a todos e todas por igual, que é inquebrantable". "Por iso nos negamos enerxicamente a que se exerza a especulación cos espazos públicos da nosa cidade. A fachada marítima da Coruña constitúe unha xoia que só ten un lexítimo dono: as xentes da Coruña. Aplicar lóxicas de mercadillo sobre o futuro da cidade é o camiño para curto para conducirnos a un estrepitoso fracaso. Non podemos permitirnos tropezar de novo nas mesmas pedras", dixo, á vez que aludiu á solicitude municipal de adxudicación dos terreos da Solana ou a intención de garantir a apertura dun diálogo entre institucións polo futuro dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.

Ademais, entre os retos do Concello para o próximo ano tamén destacou a promoción de políticas de Mobilidade Sostible e coidado do espazo público, "coa posta en marcha de relevantes actuacións que pasan pola potenciación do transporte público ou a bicicleta", o "combate polo emprego" favorecendo "o cooperativismo, a innovación, a creatividade cultural e empresarial, os dereitos dos traballadores e traballadoras e apoiarse como estamos a facer na Universidade da Coruña, eixos todos irrenunciables nese propósito". Por último, tamén destacou "que os grandes logros en materia social conservarán a súa condición de pedra angular da xestión municipal, que tamén se amplía con forza cara ás políticas de vivenda", así como se manterá a aposta decidida e inquebrantable pola erradicación das violencias machistas. "En 2016 temos posto en marcha programas e campañas que se traduciron en políticas concretas pero tamén na creación dunha cultura social feminista, que combate as violencias pero abrangue todos os eidos da vida, desde darlle visibilidade ao deporte feminino até reunir a toda a cidade detrás dun cartel negro. Non por casualidade, un dos festivos locais do novo ano será o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un símbolo que non puidemos deixar baleiro, senón que temos que encher de contido e igualdade, todas e cada unha das datas do ano", comentou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible