Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

17 de outubro de 2016

O Concello impulsará un proceso participativo coa cidadanía para asentar as bases do Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas

A Concellería de Igualdade e Diversidade busca recoller as ideas, necesidades e propostas concretas da veciñanza a través de mecanismos que garantan a diversidade na participación e a accesibilidadede todos os grupos de poboación, co obxecto de acadar un amplo consenso social

O Concello impulsará un novo proceso participativo dirixido a recoller ideas, necesidades e propostas concretas da cidadanía sobre as que asentar as bases do futuro Pacto Social por unha Cidade libre de Violencias Machistas, que se sustenta sobre a necesidade de acadar un amplo consenso da cidadanía e de rexeitamento social contra este fenómeno, avanzar cara á tolerancia cero ante calquera tipo de violencia machista e promover de forma conxunta modelos alternativos de convivencia. Este documento plasmará o "compromiso consensuado coa cidadanía de adhesión a unha estratexia de intervención municipal e a un plan de trabllo conxunto" e con el buscarase a sensibilización arredor do dereito a unha vida libre de violencias machistas. Nese sentido, e segundo avanza a responsable da Concellería de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, o proceso participativo ponse en marcha para convidar á cidadanía a tomar parte "no reto e a responsabilidade colectiva de facer da Coruña unha cidade libre de violencias machistas e, especialmente, de eliminar da vida cotiá a violencia contra as mulleres". O Pacto será, pois, o resultado deste proceso de innovación democrática, que se abre cos obxectivos prioritarios de rexeitar de forma colectiva a violencia de xénero e calquera outra clase de violencias machistas e de promover modelos alternativos de convivencia que sexan incluíntes das diversidades.

Con esta finalidade, a concellería saca a licitación os traballos de dinamización e mediación social,  a través dun contrato por importe de 21.780 euros (IVE incluído), para artellar a participación da veciñanza, na procura de que este garanta a diversidade na participación e a accesibilidade nas accións, así como a escoita activa e a recollida de opinións e achegas, e co obxecto de promover, en cada unha das fases do proceso, a participación de todos os grupos de poboación: mulleres, homes, menores, mocidade ou familias, tanto a título individual como colectivo, a través de entidades como as veciñais, deportivas, sociais, comerciais, estudiantís, de mulleres, de persoas LGTBQI ou das diferentes diversidades funcionais, culturais, étnicas... O proceso, segundo se fai notar desde o departamento municipal de Igualdade e Diversidade, parte da experiencia metodolóxica do programa municipal 'A Porta Aberta', que dirixe a Concellería de Participación e Innovación Democrática.

O Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas partirá, tal e como se indica no documento marco da proposta, dunha serie de compromisos mínimos, que pasan por facer visibles as dimensións reais das violencias machistas -con especial incidencia en identificar as formas en que se manifesta a violencia sobre as mulleres- e considerar a violencia de xénero e o resto de violencias machistas como un indicador xeral dun  grave problema social que afecta a toda a cidadanía. Entre eses compromisos iniciais cóntase tamén a consideración das situacións de discriminación múltiple asociadas á confluencia de distintas diversidades e como esta circunstancia pode agravar o problema das violencia machistas, e, igualmente, o impulso de iniciativas colectivas de prevención das violencias machistas na cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible