14 de febreiro de 2018
O alcalde e o concelleiro de Rexeneración Urbana visitaron esta mañá algunhas das obras en marcha, así como as ecohortas do barrio, para as que se abrirá nos próximos días a convocatoria de adxudicación á veciñanza e entidades
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitaron esta mañá diversas obras xa rematadas e outras que se están a executar nos barrios de Novo Mesoiro e Feáns, nos que o Goberno local ten iniciado actuacións por máis de 493.299 euros, entre as que destacan a reparación de beirarrúas e a iluminación de camiños no parque en Novo Mesoiro, así como a reurbanización das rúas do Correlo e o camiño do Convento, dirixidas a mellorar a comunicación entre estes dous barrios. A visita incluíu tamén a supervisión das novas ecohortas urbanas impulsadas pola Concellería de Medio Ambiente, para as que o concurso de adxudicación de parcelas se convocará esta mesma semana. "Estas actuacións avanzan na mellora das conexións entre os barrios e a súa accesibilidade, así como no coidado do espazo público", indicou o concelleiro de Rexeneración Urbana.
O parque de Novo Mesoiro conta desde o pasado mércores, día no que se deu por rematada a obra, con unha nova iluminación das sendas. Na actuación, executada no mes de xaneiro cun investimento de 106.991,83 euros, instaláronse 60 novos puntos de luz e substituíronse outros 19 xa existentes, ao mesmo tempo que se construíu unha nova condución para cableado, un centro de mando e se fixo a acometida eléctrica. A finais de xaneiro comezou tamén a reparación de varias beirarrúas, que estaban danadas nas zonas de acceso a 24 garaxes. Cun investimento previsto de 100.800 euros, esta actuación substituirá "o pavimento de baldosas por outro de formigón in situ que garante unha longa durabilidade do firme para o paso do tráfico que entra e sae das vivendas", segundo explicou Varela. Os traballos, que levan xa dúas semanas en execución, continuarán ao longo de mes e medio máis, segundo o calendario previsto por Rexeneración Urbana, comezando pola rúa Fragas do Eume. Continuarán pola rúa Ribeira Sacra para proseguir, finalmente, pola avenida de Novo Mesoiro.
O concelleiro de Rexeneración Urbana recordou ademais que esta semana abrirá o plazo para solicitar a concesión dunha parcela na ecohorta urbana do barrio, impulsada polo departamento de Medio Ambiente que dirixe María García e na que se invertiron 41.000 euros. Varela sinalou que contará con 29 parcelas e catro mesas de cultivo, para uso individual e de entidades que teñan fins terapéuticos e educativos, "que veñen a saldar unha histórica demanda veciñal de creación de espazos destinados a cultivos na cidade". A Concellería de Medio Ambiente está próxima a rematar tamén a plantación de novas árbores na rúa Ribeira Sacra. Varela explicou que quedan pendentes para a súa execución este ano o corredor verde de Novo Mesoiro, cuxo proxecto xa está redactado e en fase de estudo do procemento urbanístico, o acondicionamento das marxes do río entre Feáns e Mesoiro, que ten a proposta xa redactada e se atopa en fase de estudo das expropiacións e deslindes necesarios para acometer a actuación, e o acondicionamento de dous baixos municipais na rúa Ribeira Sacra como locais socio comunitarios do barrio, que se acometerá en próximas datas.
Feáns
O goberno local está tamén a punto de dar por concluídas as actuacións na rúa do Correlo e no camiño do Convento, próximas ao barrio de Feáns, que "forman parte dunha cadea de intervencións neste mandato co obxectivo de crear unha rede de mobilidade, tanto peonil como de vehículos, que conecte os núcleos tradicionais e a súa contorna". A rúa do Correlo convertirase unha vía dunha plataforma única, na que as distintas zonas se diferenciarán polo uso de diferentes materiais. O espazo reservado aos automóbiles será unha superficie asfaltada cunha anchura de 3 metros, mentres que os laterais para o uso peonil quedarán resoltos en formigón. Esta obra, que foi adxudicada por 110.994,51 euros e comezou en outubro de 2017, é un elemento fundamental de unión nos camiños que conectan Feáns con Santa Icía e Pastoriza e cumpre cunha demanda da veciñanza de Feáns. A actuación no camiño do Convento, de 37.444 euros e iniciada o mes pasado, vén a completar esta rede de mobilidade, xa que mellora o enlace do núcleo de Feáns con Novo Mesoiro "fiando cun percorrido peonil seguro dous equipamentos da máxima relevancia, como son o centro cívico e o futuro CEIP de Novo Mesoiro", apuntou Varela. Tras as obras de canalización de pluviais que se realizaron na rúa para recoller as augas da parcela onde se construirá o colexio, o Concello comezou as obras de renovación do pavemento e mellora do seu deseño, coa creación de espazos peonís ao longo do seu percorrido.
Obras xa executadas
Á marxe destas actuacións, no que vai de mandato, o goberno local acometeu, outras actuacións destinadas a solventar as deficiencias atopadas nos barrios. En Novo Mesoiro procedeuse en 2016 á ampliación de beirarrúas e a recolocación dun paso peonil que facilitase o tránsito a pé pola vía principal do barrio cun investimento de 37.793 euros. Na contorna de Feáns executánsonse varias obras de baixo orzamento pero que atendían a reclamacións da asociación veciñal, como son a instalación dunha canle de cantaría na parcela do centro cívico para recoller a auga que vertía dende o monte, a instalación de bolardos na beirarrúa do CEIP Manuel Murguía e a repavimentación do camiño de Campos, levada a cabo pola Concellería de Medio Ambiente en 2016 con unha inversión de 46.699 euros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible