27 de outubro de 2016
Xiao Varela explicou que o Executivo municipal levou a Xunta de Goberno dous modificativos para ampliar o capital da Empresa Municipal de Vivenda, que serán financiados co remanente que non se executará este exercicio da Renda Social Municipal. “Ao estar aínda na fase de valoración de solicitudes, non se executará todo o gasto reservado, polo que podemos destinalo a esta necesidade”, dixo
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifestou hoxe, a preguntas dos medios, que o Executivo municipal levou á Xunta de Goberno local extraordinaria desta xornada dous modificativos de crédito que teñen como obxectivo abordar unha ampliación de capital na Empresa Municipal de Vivenda (Emvsa), de cara a que esta poida levar a cabo "e adicarse definitivamente a impulsar políticas para facilitar o acceso á vivenda". O responsable municipal explicou que cando o grupo de Goberno chegou a María Pita atopouse "cunha empresa de vivenda que servía para calquera cousa menos para esa". "A nosa intención é, e foi sempre, a de transformar esta entidade nunha verdadeira oficina polo dereito á vivenda. Non obstante, atopámonos cunha situación económica moi delicada e que lastraba o seu desenvolvemento", indicou. Co fin de poñer fin a esta situación de desequilibrio, o Goberno local propuxo levar a cabo unha ampliación de capital por valor de 1,2 millóns de euros que terá como finalidade compensar as perdas da sociedade, provocadas por déficits en encomendas de xestión realizadas en lexislaturas pasadas que se lle foron realizando á empresa. "Todo isto vén derivado de encomendas que non se pagaron, 14 en concreto, que van desde, por exemplo, o aparcadoiro das Conchiñas até obras de reestruturación da Fábrica de Armas", salientou.
Para facer posible a realización do modificativo de crédito, que terá que ser ratificado polo Pleno, o financiamento extraordinario será levado a cabo cunha baixa polo mesmo importe nos créditos reservados para abordar neste exercicio o proxecto da Renda Social Municipal. Unha operación que, en ningún caso, trastocará o funcionamento desta pioneira prestación. En concreto, Varela, recordou que existe un informe da área de Xustiza Social e Coidados que explica que esta redución non conleva perturbación algunha de servizo. "A Renda Social tivo unha tramitación complicada, primeiro polo atraso na aprobación dos Orzamentos, e logo porque houbo que esperar ao decreto autonómico que posibilitaba unha ampliación do seu servizo. Neste momento, estase a traballar arreo, e nos atopamos na fase de implantación e valoración das solicitudes, polo que non se executará todo o gasto que estaba previsto para o presente exercicio", explicou, á vez que recordou o fondo compromiso do Goberno local con este proxecto "para o que hai destinados 3 millóns de euros no proxecto de Orzamentos para 2017". O concelleiro engadiu que este modificativo de crédito, que irá a Pleno, "xa foi tratado no Consello de Administración da propia Emvsa".
A maiores, Varela explicou que o Goberno local propón outro modificativo de crédito (que tamén foi aprobado en Xunta de Goberno local) neste caso por 515.000 euros, que tamén se materializará nunha ampliación de capital en Emvsa que, neste caso, terá como obxectivo ampliar e renovar o parque de BiciCoruña. "Cremos que é algo necesario, tendo en conta que para optar a unha mobilidade sostible é necesario dar as ferramentas necesarias á xente. O noso obxectivo está tanto en aumentar as paradas de bicicletas públicas como, do mesmo xeito, en mellorar o parque das mesmas", dixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible