Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

31 de agosto de 2017

O goberno local traslada a praceiras e comerciantes o plan para a revitalización do mercado de San Agustín e a súa contorna, que comezará en setembro e rematará en 2019

Os concelleiros de Rexeneración Urbana, Emprego e Mobilidade Sostible presentan as tres fases das que constará a intervención e as medidas de mobilidade asociadas, que inclúen o traslado dunha parada de autobús urbano á rúa Sol, a menos de 300 metros do mercado As obras comezarán en setembro coa reurbanización da rúa Juan XXIII e a implantación de beirarrúas de pedra, así como a mellora da visibilidade e a accesibilidade peonil no cruzamento con Pío XII O edil Xiao Varela xa iniciou as xestións necesarias para que o Concello se faga co solar que permitiría conectar o mercado coa rúa Panaderas

O goberno local vén de presentar ás e aos representantes das praceiras e comerciantes do mercado de San Agustín e a súa contorna o plan municipal para revitalizar este espazo, tras a avaliación das achegas e peticións formuladas por estes colectivos durante o último encontro, celebrado hai un mes. A proposta, da que deron conta na tarde de onte e esta mesma mañá os concelleiros de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, pasa por unha intervención que, como salienta o responsable de Rexeneración Urbana, "adapta as súas fases ás propostas recibidas, dentro do clima do diálogo que mantemos cos colectivos, e ten a vontade de potenciar, no menor tempo posible, esta zona da cidade para que gañe en calidade urbana, unha mellora que entendemos que será moi relevante de cara á  revitalización do mercado e a súa contorna, un obxectivo clave para este goberno municipal".

O plan de revitalización para San Agustín contempla tres fases, a primeira das cales comezará neste mes de setembro e suporá a  reurbanización da rúa Juan XXIII, a través da renovación as beirarrúas, que pasarán a ser de pedra para dar continuidade á contorna da igrexa de San Jorge. Esta intervención, que saíu a concurso por un importe de 98.367,25 euros e ten un prazo de execución previsto de en torno a mes e medio, servirá tamén para igualar a altura do firme co das beirarrúas no cruzamento con Pío XII, no lateral do mercado, co obxectivo de  mellorar a visibilidade nese punto e facela máis transitable. Vinculado a esta actuación, o Concello acometerá un cambio para facilitar o acceso por bus á praza de abastos, co traslado da parada situada en rúa Alta -que afecta ás liñas 4, 6 6A e 11- ata a rúa Sol, a 300 metros do mercado, "unha medida que ademais de aproximar a parada en máis de 200 metros propicia un percorrido máis horizontal e máis accesible", salienta o concelleiro de Mobilidade Sostible, quen destaca que con esta modificación, as e os usuarios destas liñas de bus estarán a tres minutos e medio a pé da praza de abastos.

A segunda fase do plan de actuacións para a revitalización de San Agustín supón a reurbanización do frontal do mercado, un proxecto no que a Concellería de Rexeneración Urbana xa está a traballar e que contempla a plataforma única para este espazo, para darlle continuidade coa praza do Humor, unha intervención prevista para a segunda metade do ano 2018. Sería, segundo a proposta trasladada aos colectivos comerciais de San Agustín, unha vez concluídas estas obras cando se acometería a terceira fase do plan, que supón a peonalización da rúa Pontejos -con acceso para vehículos de residentes e carga e descarga- e a apertura dun acceso peonil dende a rúa Panaderas, "o que ampliará de forma notoria as posibilidades de estacionamento, tanto para as persoas residentes como para as e os usuarios do mercado, pola conexión co aparcadoiro do Papagaio, ademais de potenciar o acceso a pé", salienta o concelleiro responsable da área de Mercados, Alberto Lema. Como indica, as xestións para a adquisición do inmoble necesario por parte do Concello xa están en curso, para posibilitar este novo acceso.

Do mesmo xeito, o concelleiro recorda que, xunto cos proxectos de urbanización da contorna do mercado, o Concello xa ten en marcha outras accións encamiñadas igualmente á dinamización de San Agustín, como é o proxecto para levar ao primeiro andar e a entreplanta do mercado dous mercadillos mensuais -xa en licitación-, para complementar a súa oferta habitual e contribuír a dinamizar a súa actividade comercial, como tamén se fai a través da celebración periódica de eventos gastronómicos -tales como o Boucatise, o Festival do Bocata Gourmet, o mercado de produtos de proximidade Labrega Natura ou as xornadas Lacónicas, de exaltación do lacón con grelos- e outros como o Mercado das Nubes.

Documentos:

Plan San Agustín (3 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible