Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

30 de abril de 2018

O Parque de Santa Margarita acolle este sábado o XXIII Día da Ciencia na rúa cunha xornada de actividades divulgativas nas que participa alumnado de 41 centros de ensino

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento anima á veciñanza a participar dunha sesión de “paixón científica”, organizada polos Museos Científicos coruñeses e que se desenvolverá entre as 11.00 e as 19.00 horas, con xornadas de portas abertas e propostas lúdicas e educativas

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o programa co que os Museos Científicos municipais celebrarán o próximo sábado día 5 a XXIII edición do Día da Ciencia na rúa, unha xornada de portas abertas e de actividades dirixidas a público infantil e xuvenil, que terá lugar no Parque de Santa Margarita. Nesta edición participarán cerca de 1.100 alumnos e alumnas de 41 centros educativos de A Coruña, Betanzos, Culleredo, Arzúa, Ferrol, Ribadeo, Cambre, Carral, Laxe, Oleiros, Mugardos, Sada e Pastoriza, que suman nove máis que na pasada edición. O edil fixo un chamamento á veciñanza da cidade para "que participe neste día, que suscita a adhesión incondicional da cidadanía pola súa compoñente de divulgación, de actividade vinculada ao coñecemento e, en definitiva, de paixón científica". As actividades do Día da Ciencia na rúa contan ademais coa colaboración doutras entidades e institucións que desenvolven a súa actividade ao redor da ciencia, ademais da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, que, como destacou o edil, cumpre este ano o seu 25º aniversario.

A xornada comezará ás 11.00 horas e manterá actividades ao longo do día, ata as 19.00 horas. O director dos Museos Científicos da cidade, Marcos Péres Maldonado, explicou que os museos municipais farán xornada de portas abertas. Ademais da Casa das Ciencias, que celebrará un maratón de planetario, Domus, Aquarium Finisterrae, o museo arqueolóxico e a Torre de Hércules, súmanse este ano á iniciativa o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) e a Fundación Gas Natural Fenosa. Mentres, no Parque de Santa Margarita estarán instaladas tendas nas que o alumnado dos centros realizará diversos experimentos científicos, así como o servizo municipal de Educación, a Facultade de Ciencias, o colexio de Enxeñeiros de Camiños, o Centro Oceanográfico, o Muncyt e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña, entidades que realizarán actividades de divulgación científica para todos os públicos baseados na experimentación. O presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, Javier Novelle, repasou as actividades paralelas que se levarán a cabo como un concerto da Banda Municipal de Música, partidas de xadrez organizadas pola Asociación Galega de Xadrezistas ou xogos da man de Ludo Sociedade Deportiva. Entre as novidades para este ano, Novelle destacou o punto de artesanía no parque, no que se ensinará cestería ou a presenza dun equipo de infraestruturas do Concello, que explicará como funciona o sistema eléctrico da cidade.

A xornada completarase con un obradoiro de iniciación á arte urbana, unha exposición de proxectos de electrónica, robótica, impresión 3D, software e hardware libre, demostracións de funcionamento de radio afeccionados e a emisión dun programa de Cuac FM, maxia e malabares ou un punto sobre observación solar, entre outras actividades, todas da man de asociacións con arraigo na cidade.

Documentos:

Programación Día da Ciencia na rúa (3 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible