3 de xaneiro de 2018
A edil de Xustiza Social, Silvia Cameán, fixo balance dos primeiros meses desta iniciativa municipal posta en marcha o pasado verán, e que permite aos mozos e mozas participantes conmutar as multas por sesións educativas e de sensibilización. A práctica totalidade das sancións impostas desde agosto están sendo obxecto de permuta
A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, fixo balance este mércores do programa municipal 'Non pases por un mal trago', impulsado polo Concello en colaboración coa entidade social sen ánimo de lucro Adafad (Asociación de Axuda a Familiares de Drogopendentes) co obxectivo de educar, formar e facer reflexionar a menores que foron sancionados por consumo de alcol, a través da substitución das sancións por esta causa por cursos psicoeducativos. Desde o seu inicio, o pasado mes de agosto, a Policía remitiu ao programa a proposta de permuta de 27 sancións, e a día de hoxe os dous primeiros grupos de participantes -con cinco menores cada un- xa remataron o curso, que terá continuidade cun terceiro, con outros cinco participantes. "Sabemos que atallar o consumo de alcohol entre os menores de idade non é unha cuestión doada, mais cremos que programas deste tipo e os seus bos resultados sinalan que o xeito de traballar é dende a sensibilización e a educación", fixo notar a responsable municipal, que indicou que no ano pasado contabilizáronse 79 sancións por estas condutas en menores e que a "a práctica totalidade" das impostas desde o inicio do programa están sendo obxecto de permuta. Como tamén sinalou, o grao de cumprimentación das sesións "é moi alto" e a satisfacción global da mocidade participante oscila "entre notable e sobresaínte", ademais de que nestes primeiros grupos percíbese un nivel moi alto de aceptación por parte dos pais e nais ou titores legais das mozas e mozos participantes.
Tal e como expuxo Cameán, o programa consta de dez horas distribuídas en sesións individuais e en grupos reducidos (non máis de cinco participantes), que se conforman formando en base a criterios homoxéneos de idade e formación. A primeira sesión é individual, de avaliación previa e informativa co mozo ou moza e un representante legal (pais, nais ou titores). As catro seguintes sesións son grupais e nelas abórdanse e debátense temas sobre a normativa e as implicacións legais do consumo e publicidade de bebidas alcólicas dirixidas ao seu colectivo, os efectos do consumo no cerebro e no comportamento, as habilidades de afrontamento e a toma de decisións e as alternativas de ocio que hai na cidade que non están asociadas ao consumo. A última é unha entrevista de avaliación final a cada un dos mozos e mozas.
Segundo observou a concelleira, a avaliación destes primeiros grupos participantes no programa reflicte datos relevantes, como o feito de que as persoas nesta situación son estudantes, tanto de Bacharelato como de ciclos formativos e da Universidade, e que a proporción entre mozos e mozas é de 60% de varóns e 40% de mulleres, entre 16 e 18 anos. Como quixo recalcar, as datas e os horarios das sesións desenvólvense respectando os horarios académicos, de xeito que resulten compatibles.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible