6 de xaneiro de 2017
A edil Rocío Fraga salienta os recursos municipais postos a funcionar para combater situacións como esta e lembra que a Policía Local "está preparada e concienciada para recoller este tipo de denuncias e así poder sumar ao delito de agresión a agravante por delito de odio"
A Concellería de Igualdade e Diversidade vén de difundir este venres un comunicado para facer pública a súa repulsa diante da agresión homófoba denunciada por unha persoa veciña desta cidade e ocorrida na noite de fin de ano. Deste xeito, a área municipal que dirixe a concelleira Rocío Fraga pon a disposición da vítima os recursos públicos dos que dispón o Concello e lembra que a Policía Local "está preparada e concienciada para recoller este tipo de denuncias, e así poder sumar ao delito de agresión a agravante por delito de odio". "É fundamental dar o paso e denunciar para que a lgtbfobia non quede impune e invisibilizada", recolle o comunicado, que salienta a importancia de que feitos como o ocorrido o pasado día 1 sexan denunciados por calquera persoa que teña constancia deles, e non só pola vítima. "O compromiso tamén o temos todas e todos; se presenciamos unha agresión temos o deber cidadán de denunciala", lembra.
"Queremos unha cidade libre de violencias machistas e libre de lgtbfobia, por isto é fundamental e nunca suficiente o traballo que estamos a realizar neste ámbito", quere facer notar a concelleira de Igualdade e Diversidade, que pon como exemplos a recente creación do Espazo municipal das Diversidades, no centro cívico da Cidade Vella, a articulación do plan por unha cidade libre de violencias machistas --un proceso participativo posto en marcha coa veciñanza para asentar as bases dun pacto social, na procura dun consenso amplo en favor do rexeitamento social contra este fenómeno e para avanzar cara á tolerancia cero ante calquera tipo de violencias machistas, promovendo ademais modelos alternativos de convivencia de forma conxunta--, ou o Plan PIPE que se desenvolve coa Policía Local --e que inclúe un conxunto de accións formativas e en materia de xestión policial, de cara a previr as identificacións con nesgo discriminatorio, mellorar a eficacia do corpo municipal na súa loita contra os delitos de odio e impulsar a participación cidadá-- como parte do labor que está a facer o Concello para poder erradicar estes delitos machistas "que coartan á diversidade e liberdade sexual das persoas e vulneran claramente os dereitos humanos".
Comunicado-da-Concellaria-de-Igualdade-e-Diversidade-.pdf (23 KB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible