Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

19 de outubro de 2016

A Xunta de Goberno local dará luz verde este venres a unha nova proposta de modificación das ordenanzas fiscais “baseada nunha maior progresividade e xustiza redistributiva”

A concelleira de Facenda presentou esta mañá ante a prensa as liñas xerais das novas modificacións que buscan “un estímulo da actividade económica, e teñen un marcado carácter social”. Entre elas, destacan a cota cero na taxa de aperturas para traslados e traspasos que non supoñan un aumento de actividades económicas, así como bonificacións para aqueles locais de nova apertura de menos de 150 metros cadrados e a introducción da cuota cero na taxa do lixo para as persoas en situación de vulnerabilidade

A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, presentou esta mañá ante a prensa a proposta de modificación de Ordenanzas Fiscais para 2017 que se levará este venres á Xunta de Goberno local, onde serán aprobadas. O proxecto deberá ser en última instancia, non obstante, aprobado no Pleno. Segundo explicou a responsable municipal as medidas proxectadas polo grupo de Goberno "teñen como obxectivo seguir afondando na consecución dunha maior progresividade e xustiza redistributiva". O proxecto baséase nunha serie de alicerces como son "estimular á actividade económica, así como aplicar medidas de carácter fiscal e democratizador". "As medidas de estímulo á actividade económica son relativas a conceptos tributarios que afectan principalmente ao pequeno comercio, como son as licenzas de apertura e os traspasos, mentres que as medidas de carácter social buscan acadar unha regulación máis homoxénea dos beneficios fiscais para as persoas con menos recursos, introducindo criterios de renda", comentou a edil, quen tamén quixo destacar as medidas de carácter democratizador "que tratan de favorecer un uso igualitario por parte da cidadanía de recursos públicos, tales como a utilización dos centros cívicos ou dos museos científicos".

Entre outras modificacións plantexadas polo Executivo para o vindeiro ano destaca a da ordenanza fiscal número catro, no que que atinxe á taxa de aperturas. "Proporase unha regulación da ordenanza fiscal que derive no establecemento dunha cota cero para todo tipo de traspasos e negocios, sempre que non supoña un aumento de actividades económicas. A esta medida engádeselle unha bonificación do 25% na taxa de apertura de locais de menos de 150 metros cadrados", destacou Vieito. Igualmente, entre as medidas de carácter social destaca a aplicación de criterios de progresividade no pago da taxa do lixo. "Igual que o ano pasado o fixemos coa auga, o noso obxectivo é establecer unha cota de pago cero para os e as perceptoras da Risga ou outro tipo de prestación equiparable. As familias con renda neta inferior ou igual ao IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) terán unha bonificación do 75%, e do 50% no caso de que a renda neta sexa inferior 1,5 veces o IPREM", comentou a concelleira.

En canto as medidas de carácter democratizador, a proposta de modificación das ordenanzas fiscais aposta por "regular o uso das instalacións e servizos dos centros cívicos e museos". "Nesa liña, configuraranse tarifas polo uso dos salóns de actos dos centros cívicos diferenciando entre xornada completa, media xornada, e por horas, favorecendo así o seu uso por parte da cidadanía", apuntou a responsable política. "Tamén se variarán as tarifas dos talleres e actividades dos centros cívicos, e activaranse unha exención de tarifas nos casos nos que unha actividade conleve recadación económica con finalidade solidaria", apuntou. Na mesma liña, modificarase a ordenanza fiscal número 16 coa finalidade de homoxeneizar os supostos de tarifas reducidas de acceso aos museos científicos e, incluirase unha ampliación de supostos de cota cero de entrada á Torre de Hércules e o Castelo de San Antón. "No caso das Bibliotecas Municipais tamén se procederá a modificar a ordenanza 41 que derivará na reducción das tarifas por fotocopias nestes espazos", explicou. "Así mesmo, noutra orde de medidas destaca a modificación da taxa de inmobilización, retirada e almacenamento de vehículos, introducíndose novos supostos de cota cero para a retirada, traslado e almacenamento de vehículos que estean suxeitos a unha denuncia previa por roubo", engadiu. (A totalidade das modificacións e a súa explicación recóllense no documento adxunto).

Compensación na taxa da auga

Dentro das medidas de carácter social que pretende poñer en marcha do Goberno local con esta modificación das ordenanzas, cabe resaltar as que se pretenden aplicar a través de Emalcsa para compensar e equilibrar as modificacións da taxa de depuración que haberá que aplicar en base acordos adoptados no Consello de Administración da Edar de Bens o pasado xuño e que pasan por aumentar a taxa fixa. O consello da Edar de Bens, ademais de polo da Coruña, está integrado polos concellos de Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo. Coa intención de paliar esta suba, o Goberno local aposta por bonificacións adicionais para pequenos consumidores domésticos.

Vieito comentou que a proposta do Executivo da modificación das ordenanzas fiscais para 2017 irá este venres a Xunta de Goberno co obxectivo de acelerar todo o trámite que culmine coa aprobación plenaria das mesmas. A titular de Facenda comentou que a proposta de modificación foi xa trasladada aos grupos da oposición. "A nosa intención é chegar a puntos de entendemento comúns cos grupos e poder sacar adiante estas ordenanzas fiscais, unha ordenanza da cidadanía á que hai que responder canto antes", dixo. "Concretamente, co PSOE tivemos xa o ano pasado unha serie de reunións nas que se apuntou que as futuras modificacións das ordenanzas irían nesta liña. Se eles cren en criterios redistributivos, en que as rendas máis baixas non asuman tanta carga como as máis altas, é dicir, nunha liña de progresividade, pensamos que non debería haber impedimentos a que o grupo socialista as apoiara", indicou Vieito, que reiterou "a disposición, coma sempre, deste Goberno local ao diálogo en todo o proceso antes da aprobación definitiva das ordenanzas".

Calendario Fiscal

Por outro lado, a concelleira indicou que en breve, o Concello volverá a activar outra campaña para difundir os períodos de pago e o calendario fiscal dos tributos municipais para o próximo ano. "O pasado ano establecemos unha moratoria do calendario fiscal, xa que entendemos que a xente non lle dera tempo a adaptarse a este novo almanaque. Esta nova calendarización vai acompañada dun plan de pago personalizado que permite fraccionar todos os impostos e que, para o ano que vén, contaría incluso con máis facilidades", recordou a responsable municipal. "A nosa intención é recordarlle a toda a cidadanía que pode solicitar ese pago fraccionado", dixo.  "Para o próximo ano, todos os gravámes da cesta tributaria poderan pagarse de forma calendarizada, cunha bonificación do 3% no IBI e no Imposto de Vehículos para os pagos completos", comentou.

Documentos:

Proposta de modificación de ordenanzas fiscais (117 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible