Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2017

A Xunta de Goberno local aprobará a saída do Concello do Plan de Axuste, “o que permitirá levantar moitos dos vetos impostos polo Executivo central que afectan á veciñanza”

O Pleno municipal deberá autorizar posteriormente unha modificación orzamentaria para amortizar --con cargo ao remanente líquido de tesourería do pasado ano-- o crédito ligado ao Plan de Pago de Provedores que o anterior Executivo municipal subscribiu en 2012. “Unha vez máis damos exemplo de que o Goberno local sabe xestionar ben”, di a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito

A Xunta de Goberno local aprobará este venres a previsión da Concellería de Facenda de amortizar de forma anticipada o pago do crédito solicitado en 2012 polo anterior Executivo municipal vinculado ao Plan de Pago a Provedores posto en marcha polo Ministerio de Facenda naquel momento e que tiña por finalidade a cancelación de facturas pendentes de pago a provedores municipais, transformando deste xeito a débeda comercial en financeira. A intención do Goberno local é que o pago anticipado se realice grazas ao superávit resultante da liquidación do orzamento municipal de 2016, de forma que o Concello poida saír do citado plan e das imposicións que traía aparellado a través do Plan de Axuste. Non obstante, unha vez aprobado en Xunta de Goberno, para levar a cabo esta amortización, o grupo de Goberno deberá impulsar a correspondente modificación orzamentaria que deberá conseguir o apoio do Pleno municipal. Deste xeito, o Concello daría por amortizado a operación de crédito de 7,6 millóns de euros solicitada polo anterior Goberno en 2012 (do que quedan algo máis de 5 millóns) e que foi aparellada a un plan de axuste que marcaba unha serie de criterios "para garantir a viabilidade da operación". "Amortizar de forma anticipada este crédito aparellado ao Plan de Axuste é moi importante xa que nos permitirá levantar moitos dos vetos impostos polo Executivo central", indicou a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, que salientou que "saír do Plan de Axuste traducirase nun aumento da nosa autonomía no ámbito económico-financeiro, ademais de reducir a débeda municipal".

Vieito destacou que "a boa xestión do Goberno local, que entre outras cousas conseguir que o Concello teña a débeda viva máis baixa desde 2012, fará posible abandonar este Plan de Axuste e todos os recortes á cidadanía que viñeron ligados ao mesmo". "Unha vez máis estamos a dar sobrado exemplo que este Goberno local sabe xestionar e sabe facelo ben", comentou a edil.

"A amortización deste crédito debe pasar polo Pleno xa que é necesario autorizar un suplemento de crédito no capítulo 9 dos orzamentos, o de pasivos financeiros, de cara a aumentar os créditos para a amortización da débeda con cargo ao remanente líquido de tesourería do pasado ano", comentou Vieito, que manifestou o desexo de que a modificación conte co apoio suficiente do Pleno para saír adiante. "Quero pensar que non teremos problemas á hora de sumar apoios tendo en conta, en primeiro termo, que saír do Plan de Axuste é unha situación que beneficia directamente ao Concello e á cidadanía e en segundo lugar porque a aprobación do mesmo contou en 2012 cos votos en contra de todo o arco municipal exceptuando o PP", fixo notar.

Vieito apuntou a que a adhesión ao Plan de Axuste por parte do Concello trouxo consigo unha serie de medidas de axuste, "como por exemplo, que no 2012 comezaron a cobrarse taxas polas vodas en María Pita, algo que este Goberno tombou o pasado 2016". Outra das medidas que se contemplaron foi a posta en marcha e implementación dun convenio coa Deputación para a xestión en vía de apremiou de sancións de tráfico impostas a non residentes na Coruña. "Por outro lado tamén se aplicaron recortes nos fondos destinados aos contratos municipais de limpeza e de xestión de residuos", destacou.

"A saída do Plan de Axuste non só nos outorga maior autonomía, senón que é unha condición indispensable para poder participar en calquera novo ente, como por exemplo un Consorcio", unha fórmula que podería empregarse á hora de garantir entre varias administracións que os terreos da fachada atlántica da cidade teñen uso e xestión pública. En concreto o Plan de Axuste indicaba que, estando acollido ao mesmo, as entidades locais non poderían "adquirir, constituír ou participar de forma directa ou indirecta na constitución de novos organismos, entidades, sociedades ou consorcios".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible