Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

1 de maio de 2017

As Bibliotecas Municipais organizan concertos, un roteiro literario pola cidade e unha xornada sobre pequenas editoriais con motivo da celebración do Día das Letras Galegas

As actividades complementan a programación municipal da Concellería de Culturas que se presentará nos próximos días

O Concello da Coruña organizará, este mes de maio, distintas actividades con motivo da celebración, o próximo 17 de maio, do Día das Letras Galegas, unha efeméride que este ano se dedica ao escritor Carlos Casares. Co gallo desta data, e dentro da programación prevista polo Goberno local para as próximas semanas, as Bibliotecas Municipais da Coruña organizan distintas actividades enfocadas a dar a coñecer a obra do autor homenaxeado e doutras mulleres da cidade, así como para afondar no papel que xogan as pequenas editoras galegas no fomento da lingua galega.

Así, o próximo venres, 5 de maio, terá lugar na biblioteca do Centro Ágora a xornada Ramalletes literarios, unha iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor as letras galegas e o  traballo que fan as pequenas casas editoriais á hora de promover contidos alternativos en galego para o gran público, á vez que abren as portas as primeiras creacións de autoras e autores emerxentes. A xornada, aberta ao público, comezará ás 09.30 horas cunha visita ao centro, para dar a continuación paso, ás 10.30 horas, a unha charla coloquio na que participarán as editoras galegas Apiario, Patas de Peixe e Chan de Pólvora. Tras unha pausa para o café, Cristina Montero presentará a súa proposta de danza contemporánea Calvario e, ás 12.30 horas, o grupo desprazarase até o lugar da editora Apiario, na que se realizará unha visita guiada.

Esta iniciativa de apoio ás letras galegas, na que se pretende poñer en valor o idioma como valor de futuro e emprendemento, trasládase tamén ás redes sociais, nas que as Bibliotecas Municipais convidan á cidadanía a subir unha fotografía dun libro en galego, acompañado dun elemento natural --como unha flor ou ramallete--, e os cancelos #ramalletesbmc e #letrasgalegas2017.

Outra das actividades que terán lugar esta semana, e cuxo prazo de inscrición xa está aberto, é o Roteiro literario: En feminino, unha proposta na que a escritora Mercedes Queixas convida á veciñanza a percorrer as diferentes rúas da Coruña que levan nome de muller, co obxectivo de visibilizar o seu peso na historia da cidade, e dar a coñecer o seu traballo. O roteiro, que comezará ás 18.30 horas e terá unha duración de hora e media, iniciarase na rúa María Wonenburger, na zona do parque de Vioño, e rematará na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil, na rúa Durán Loriga. Durante o traxecto, a veciñanza coñecerá a obra de mulleres coma Mariana Pineda, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán ou Modesta Goicouría. Para participar nesta iniciativa é necesario realizar a inscrición previa na web municipal das bibliotecas.

 Xa na semana seguinte, o luns 8 ás 19.30 horas, a Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano acollerá un concerto de Xardín Desordenado, cuxo programa incluirá cancións con textos de Carlos Casares. Dous días máis tarde, o mércores 10, a agrupación repetirá esta homenaxe ao escritor na biblioteca de Estudos Locais. Tamén comezará ás 19.30 horas.

A programación municipal en relación ao Día das Letras Galegas 2017 completarase con outras actividades, que serán presentadas nas próximas datas polo edil de Culturas, José Manuel Sande.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible