18 de xaneiro de 2018
O concelleiro Xiao Varela salienta que esta cesión “supón regularizar a situación destes terreos e garantir a súa titularidade e xestión públicas, que non estaban garantidas na situación na que se atopaban ata agora”
O Concello formalizou este xoves co Ministerio de Defensa a cesión definitiva de 17 parcelas na Maestranza, uns terreos duns 90.000 metros cadrados que pasan a incorporarse desde hoxe ao patrimonio municipal. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o director do INVIED -o organismo autónimo Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa- asinaron esta mañá a acta de entrega ao Concello das fincas, que abranguen solo desde o Hospital Militar ata a rúa Veramar, o que inclúe os viais e xardíns da contorna da Reitoría, o solo da Fundación Luis Seoane e a antiga Comandancia de Obras. "O goberno local logra culminar a regularización deses terreos, pendentes da cesión definitiva desde o ano 1984 e do paso de varios gobernos municipais, e permite aumentar o patrimonio de solo municipal e blindar ese terreo para o uso público", sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, que recorda que este acordo con Defensa chega despois de moito traballo e meses de negociación.
"Esta cesión permítenos acadar o obxectivo de incorporar solo novo ao patrimonio do Concello e blindar a potestade municipal", incide o responsable municipal, que indica, en relación ás naves da Comandancia de Obras, que a cesión supón ademais un cambio de natureza dos terreos, considerados até agora como Ben Patrimonial e que pasan a ter consideración de Ben de Dominio Público, o mesmo que as prazas e os parques, o que supón a maior blindaxe para unha parcela pública, o que impide que, a partir deste momento, esta poida venderse e garante que os seus usos sexan públicos". A este respecto, Varela destaca que a consecución desta nova consideración do solo da Comandancia está na liña coas pretensións do goberno local para a parcela da Solana, "que é que sexa de dominio público para evitar a súa venda e blindar un uso para a cidadanía". "Agora, tanto os terreos da Comandancia como o resto de fincas afectadas pola cesión pasan a ter titularidade e xestión cen por cen públicas", subliña, e sinala que o acordo serve ademais para regularizar a situación destes espazos e adaptalos ao planeamento vixente. A este respecto, o acordo para a entrega dos terreos da Maestranza ao Concello explicita que o mesmo supón a cesión das fincas, "destinadas a viais, espazos libres, zonas verdes e dotacións públicas, de acordo coas determinacións do planeamento urbanístico".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible