21 de novembro de 2017
A Cámara referendou a proposta presentada polo grupo de goberno para garantir a aprobación destes proxectos tras os recortes esixidos polo PSOE, cos votos a favor do executivo municipal e o grupo socialista, a abstención do BNG e o voto en contra do PP
O Pleno municipal, reunido este martes en sesión extraordinaria, aprobou un modificativo polo cal o Concello destinará algo máis de 5 millóns de euros procedentes do remanente líquido de tesourería do 2016 a desenvolver ao longo do ano que vén unha serie de investimentos financeiramente sostibles a través de proxectos "que xerarán emprego na cidade e mellorarán o espazo público e a calidade da vida nos barrios". Se ben a intención inicial do executivo municipal era destinar 9 millóns de euros a este concepto, a proposta que se levou a Pleno reduciu até os 5 millóns, por esixencia do PSOE, a partida destinada a investimentos na cidade, mentres que incrementou até os 4,5 os millóns adicados ao pago de débeda. O modificativo foi aprobado cos votos a favor dos e das concelleiras que conforman o goberno local, así como do grupo socialista, a abstención do BNG e o rexeitamento do PP.
A proposta de investimentos financeiramente sustentables validada hoxe polo Pleno destina 1.151.965 euros á renovación do firme no polígono dos Rosais, así como 240.892 euros á renovación e rehabilitación de calzadas na Rolda de Outeiro, en concreto no denominado tramo II, que vai dende a avenida de Arteixo á avenida do Ferrocarril. Tamén se reservarán importantes partidas no que atinxe á mellora da iluminación en distintas partes da cidade: en concreto, 1.532.161 euros serán para actuacións neste ámbito nos Rosais, Rolda de Outeiro, Manuel Murguía e avenida de Labañou, mentres que 186.064 euros de destinarán ao proxecto de mellora da iluminación do Parque Europa, así como 250.000 euros á subministración e instalación de luminarias viarias de alta eficiencia na Grela Bens. Máis de 353.263 euros deste modificativo terán como destino afrontar actuacións de mellora e ampliación da iluminación pública en Matogrande, 35.879 euros para o mesmo concepto no Iglesario da Grela e 298.871 euros serán empregados en instalar sistemas de telexestión e de protección de última xeración en centros de mando de iluminación pública.
Por outro lado, contémplase un investimento de 266.771 euros para a substitución de dúas electrobombas de augas fecais na EBAR de San Roque, mentres que se adicarán 395.945 euros á implantación de novas bocas de rega e á substitución ou reparación de elementos xa existentes. En canto aos mercados, dos 234.194 euros precisos para a culminación do proxecto de acondicionamento para dotar ao mercado de Elviña de obradoiros de traballo, este modificativo reserva unha partida de 134.194 euros. Tamén se mantén un investimento de 209.330 euros para a adquisición de licenzas de software aplicadas ao programa municipal de axuda a domicilio.
Redución
A aprobación en Pleno deste modificativo prodúcese logo de que a pasada semana, a cámara municipal tombase a proposta do grupo de goberno para dar luz verde a un modificativo que posibilitase levar a cabo os investimentos financeiramente sostibles. Os votos en contra de PP e PSOE imposibilitaron aprobar a proposta presentada polo grupo de goberno aínda a pesar de que, na busca de chegar a consenso, este rebaixou até os sete millóns a partida destinada a investimentos, aumentando até os 2,5 millóns a cantidade que se destinaría á amortización de débeda. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, recordou ao respecto que "o Concello non ten neste momento unha situación de faga necesaria a amortización de máis débeda este ano tendo en conta, por exemplo, que a porcentaxe de débeda con respecto a recursos correntes é do 28,41%, fronte á media estatal que en 2016 foi do 46,31%". "Este Concello está máis de tres veces por debaixo dos límites de endebedamento máximo marcados polo ministro Montoro na lei de facendas locais", insistiu á edil, que incidiu nas medidas adoptadas polo executivo municipal. "Este Concello ten hoxe a débeda viva máis baixa dos últimos 10 anos, moi por debaixo da media do resto de municipio do Estado e cumprindo, ademais, cos parámetros de redución de débeda marcados para este ano, tanto de forma ordinaria, como extraordinaria", dixo.
Así, e ao respecto da petición do PSOE de que se dedicase unha maior parte do remanente á amortizar débeda bancaria na vez que de a xerar investimentos na rúa, Vieito manifestou que "existiron varias xuntanzas co grupo socialista". "Comezamos a traballar neste plan porque contábamos co seu apoio. Na Comisión de Facenda, sen ir máis lonxe, nunca puxeron enriba da mesa a necesidade de amortizar máis débeda", evidenciou. "O noso obxectivo como goberno é sacar adiante proxectos que beneficien á cidade, por iso cedemos, co obxectivo de poder devolver os veciños e veciñas en servizos e investimentos os aforros do concello. Poñemos os intereses de cidade sempre por enriba de fins partidistas", comentou.
O proxecto inicial do goberno local propoñía realizar proxectos de investimentos por valor de 9 millóns de euros que, catro millóns máis dos aprobados hoxe en Pleno. A concelleira de Facenda recordou os proxectos que tiveron que ser excluídos da partida dos investimentos financeiramente sostibles. Así recordou plans como a reurbanización da rúa Casares Quiroga (526.353 euros), a mellora da eficiencia enerxética do Castrillón (216.735 euros) e Monte Alto norte (224.759 euros), ademais de actuacións de modernización da iluminación pública da rolda de Nelle no tramo entre Fernando Rey e Avenida Finisterre (235.456 euros), así como na Ronda de Outeiro (332.737 euros), as restauracións de carpinterías exteriores de madeira do Palacio Municipal (199.086 euros), instalacións de paneis de tráfico de información variable (155.000 euros), obras de reparación de humidades nos aseos da Torre de Hércules (14.000 euros), adquisición de licenzas de software (217.049 euros) e actuacións na planta de Nostián (1,8 millóns de euros).
Ao fío do repaso dos proxectos que quedaron 'fóra' dos investimentos financeiramente sostibles, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, apuntou que "o goberno local tratará de atopar encaixe o ano próximo para aqueles que sexan de carácter esencial". Así, e para exemplificar o compromiso coa cidade e coa realización de intervencións de mellora da accesibilidade e o espazo público en todos os barrios, o edil recordou que só o seu departamento realizou 202 obras, que teñen un custo de 11 millóns de euros. "Son 202 obras que responden ás demandas históricas dos barrios, porque este goberno, ao contrario que o anterior, si sabe onda está Monte das Moas, ou a rúa Páramo, ou o Camiño do Correlo ou a Marola", apuntou, á vez que recordou que o executivo municipal leva concedidas no que vai de ano 752 licenzas de carácter urbanístico, mentres que o PP, no seu último ano completo, firmou 562.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible