6 de marzo de 2017
A Cámara aproba por unanimidade a creación dun Consello Local de Saúde, así como outra moción conxunta na que se invita á cidadanía a participar dos actos e reivindicacións con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres
O Pleno municipal do Concello da Coruña vén de apoiar, cos votos positivos do grupo de Goberno e o BNG, a abstención do PSOE e a negativa do PP, o proceso de consulta popular iniciado xa polo Goberno local de forma que a cidadanía poida decidir sobre o futuro dos terreos do bordo litoral. A moción aprobada e presentada de forma conxunta polo grupo que sustenta do Executivo local e o do BNG, supón o visto e prace da Cámara ao feito de que o Goberno local siga afondando no proceso de consulta popular xa iniciado o pasado 27 de febreiro, cando foi solicitado por parte do alcalde un informe ao departamento de Asesoría Xurídica ao respecto do referendo. A moción remítese ao artigo 10 do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá (ROP), así como ao artigo 257 da Lei da Administración Local de Galicia. "A tal efecto, no prazo máis breve posible, someterase ao Pleno ordinario na súa parte resolutiva un punto separado da súa orde do día co obxecto de que se debata e se aprobe, se procede, esta consulta popular", reza a moción. "Queremos que a veciñanza responda ao desafío de decidir como quere que sexa a cidade dos próximos séculos", indicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela.
Segundo o texto aprobado polo Pleno municipal, a consulta popular incluirá, cando menos, unha pregunta, previo ditame de axuste á legalidade en relación coas competencias municipais, cunha posible resposta afirmativa, negativa ou en branco. A moción indica que o "Goberno municipal terá moi en conta o resultado desta consulta popular nas súas relacións, acordos ou convenios coas distintas administracións públicas". Por outro lado, o documento aprobado tamén insta ao alcalde a trasladar o debate á comisión de portavoces, de cara a "acadar os apoios necesarios". Ferreiro, así mesmo, será o encargado de trasladar a decisión do Pleno municipal á Xunta de Galicia. Ademais, o texto que recibiu o visto e prace da Cámara tamén acorda que o Pleno municipal apoie de forma pública a manifestación convocada pola Comisión Aberta en defensa do Común para o próximo 7 de maio.
Mocións conxuntas
Dentro das mocións aprobadas destaca tamén a presentada con carácter conxunto por todos os grupos con presencia no Pleno municipal con respecto á celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. A mesma consiste en "apoiar publicamente e chamar á participación das veciñas e veciños nos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos feministas locais e comarcais con motivo desta data". Do mesmo xeito, o Pleno acorda, coa aprobación por unanimidade desta moción, "instar ao Goberno da Xunta de Galicia a elaborar un estudo sobre o impacto, grao de cumprimento e vixencia da Lei Galega para a Igualdade de Mulleres e Homes en colaboración co Parlamento galego, e participado por axentes sociais, sindicais e organizacións e colectivos feministas, para valorar a necesidade da elaboración dunha nova lei". Outro dos puntos recollidos no Pleno pasa por solicitar á Xunta "a inclusión nos pregos de contratación das empresas penalizacións e restricións de contratos por causa de discriminación por xénero ou orientación sexual, así como rescindir, de acordo coa legalidade vixente, os contratos municipais con aquelas empresas que teñan sido sancionadas por falta moi grave debido a casos de acoso laboral". Tamén foi aprobada, co único voto en contra do PP, outra moción relativa ao 8 de marzo, neste caso do PSOE en solitario, que solicita un maior investimento por parte do Goberno central nos recursos contra violencia de xénero, así como a derrogación da reforma laboral, polas "desigualdades salariais que conleva".
A Cámara municipal tamén aprobou por unanimidade unha moción conxunta para a creación dun Consello Local de Sáude. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, explicou que este órgano de carácter consultivo ten como obxectivo funcionar como "un instrumento de participación cidadá que se constitúa como lugar de debate e achegas de cara a desenvolver políticas destinadas a mellorar a saúde da poboación coruñesa". A moción foi presentada en base a unha petición do colectivo SOS Sanidade Pública, que entende que este órgano de carácter consultivo pode ser un espazo de participación multisectorial da cidadanía coruñesa. A responsable municipal recordou que "o Concello é o ámbito de convivencia por excelencia, polo que ten un papel esencial na vida das persoas". Por iso, "é un lugar idóneo para articular unha reorientación das políticas públicas cara á saúde".
Lei de Identidade de Xénero
Noutra orde de asuntos, o grupo de Goberno, por boca da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou outra moción, que acadou o apoio do Pleno, (cos votos favorables do grupo de Goberno e o BNG e o PSOE e a negativa do PP) para instar ao Parlamento de Galicia a que debata e aprobe nesta lexislatura unha Lei de Identidade de Xénero de Galicia, elaborada a partir da proposta realizada o pasado febreiro polas asociacións Amizando, Colectivo Trans Adulto, Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans e Ultreia LGTBI. "A normativa autonómica pola Igualdade de Trato e a Non Discriminación de persoas Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia revelouse como claramente insuficiente, e descoñecedora de cal é a realidade das persoas trans, que afrontan multitude de trabas, problemas e diversas formas de discriminación na súa vida cotiá", resaltou Fraga. "Á histórica visibilización das persoas transxénero, súmaselle nos últimos anos a loita de familias con menores trans. Non obstante, é debido á pasividade do Goberno galego que estas persoas, aínda hoxe, non poidan gozar dos mesmos dereitos que o resto da poboación. É preciso acabar con esta situación", indicou. O PSOE solicitou tamén nunha moción a aprobación dunha Lei de Identidade de Xénero. A citada moción foi aprobada cos votos favorables do seu grupo e o PP, e a abstención do grupo de Goberno e o BNG.
Tamén saíu aprobada por unanimidade unha iniciativa do grupo socialista para instar a Institucións Penitenciarias a suplir o déficit da plantilla da prisión de Teixeiro. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, recordou a necesidade de que se atallen as deficiencias de persoal de todas as institucións públicas, "no caso das penitenciarias, co obxectivo principal de facer realidade o principio de reinserción social".
Noutra orde de asuntos, e a respecto dunha moción do PP que foi rexeitada e que facía referencia ao servizo municipal de licenzas, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, manifestou que os títulos habilitantes que son os que permiten executar obras revelan que durante os últimos 18 meses de Goberno do PP concedéronse 5.026 autorizacións, fronte ás 6.158 autorizacións realizadas polo actual Executivo local. "E todo isto respectando á legalidade urbanística, e facendo un urbanismo para a maioría", dixo. Tamén foi rexeitada unha moción do PP na que se pedía apoio para a aprobación dos Orzamentos do Goberno central.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible