Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xuño de 2024

No último ano, o Goberno de Inés Rey executou un total de 42,77 millóns de euros en obra pública

Inés Rey fai balance dos últimos cinco anos: “A Coruña está vivindo a transformación urbana, social e cultural máis importante das últimas décadas”

A rexedora presentou esta mañá o balance ‘Cinco anos modernizando A Coruña’, con atención ao primeiro ano deste mandato

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o balance 'Cinco anos modernizando A Coruña' no que fixo análise do traballo realizado dende a chegada á alcaldía no 2019. Rey, acompañada do Goberno municipal, explicou que estes primeiros cinco anos supuxeron grandes transformacións en mobilidade, espazo público, infraestruturas, benestar e posicionamento da cidade: "A Coruña está vivindo a transformación urbana, social e cultural máis importante das últimas décadas", sinalou.

A alcaldesa destacou que hoxe A Coruña é unha cidade mellor que no 2019. "Hoxe A Coruña ten 5.000 habitantes máis que no 2019, gañou poboación e apunta a traspasar a barreira dos 250.000 habitantes, un obxectivo que nos temos marcado", apuntou. Tamén fixo referencia á taxa de paro, a máis baixa rexistrada, xunto co desenvolvemento de barrios como Xuxán e Visma. "Hoxe A Coruña volve ser, sen discusión, o motor de Galicia e ademais o é cunha maior calidade urbana", aseverou.

A alcaldesa detallou as principais transformacións relativas ao cambio no modelo de cidade do último lustro. En materia de mobilidade urbana, Rey sinalou os avances seguindo unha dobre perspectiva: ampliación e mellora do espazo público e aposta polo transporte sostible.

Respecto ao espazo público, lembrou os máis de 55.000 metros cadrados gañados no pasado mandato xunto coa humanización e mellora de 30 rúas e prazas, hoxe xa 45 intervencións. Puxo como exemplo a tranformación das rúas Ramón Cabanillas e as dúas fases de Alcalde Marchesi, cosendo a Rolda Peonil que conta con máis de 3,5 quilómetros e á que neste mandato se sumará a Sagrada Familia coa humanización prevista da rúa. "Había moito tempo que non se actuaba con tanta determinación nese cinto de barrios populares como o está a facer este goberno", indicou.

En canto aos avances no último ano, Rey anunciou que o Concello leva executados un total de 42.775.671 de euros en obra pública. Destacou a posta en marcha do Plan de Humanización e Investimentos nos Barrios da Cidade, con máis de 26 millóns de euros e deu conta das 112 intervencións en contratación, adxudicadas, iniciadas ou executadas dende xuño de 2023, nas que se mobilizan un total de 51 millóns de euros. Delas, 17 intervencións correspondentes a 9,53 millóns foron destinadas a mellora do espazo público.

En relación á posta en valor do espazo público, nestes últimos cinco anos, o Concello reparou e renovou 97.297,63 metros cadrados de aceras e nestes orzamentos municipais incrementouse a partida de mantemento de firmes e beirarrúas, superando os 10,3 millóns de euros. A alcaldesa tamén avanzou que o Goberno está traballando na nova Ordenanza de Terrazas e que nos vindeiros meses se reunirán co sector para tratar o documento. "O noso obxectivo é que quede definida antes de que remate 2024" aseverou.

A rexedora destacou como mellora dos espazos os 16 proxectos da segunda convocatoria dos Next Generation, dos cales 4 xa están en marcha: o reordenamento da rúa Bergondo con Casanova de Eirís, a reurbanización da rampla do Matadoiro, a mellora da accesibilidade da rúa Castaños e as 16 paradas accesibles do bus urbano, que se suman ás máis de 50 xa executadas nos últimos 5 anos. Tamén lembrou as 10 intervencións en parques infantís, 25 nos últimos cinco anos por máis de 750.000 euros, e que incorporan xa xogos inclusivos. "Neste sentido podo comprometer a presentación do Plan de parques infantís 2025-2030 nos vindeiros 6 meses, co obxectivo de que haxa un parque infantil a menos de dez minutos para cada familia", sinalou Rey.

Como principais intervencións iniciadas neste último ano, sinalou a reurbanización de San Andrés e o Mercado de Monte Alto como exemplos, xunto coa rehabilitación da Casa Veeduría. "A intervención rematará este ano e o noso compromiso é que antes de que finalice 2024 estará aberto, ao igual que estarán finalizadas as obras do Centro de Baixa Esixencia e do novo Centro Cívico do Birloque", expuxo.

Tamén fixo fincapé do inicio do convenio para o Parque do Agra do Orzán, polo que o barrio pasará a contar con preto de 5.000 metros cadrados de espazo de uso libre, e o proxecto de renovación dos Cantóns, fase cero da integración do Porto na Cidade. Nesa liña, a rexedora destacou a sinatura do procotolo Coruña Marítima e definiuno como "un acordo histórico entre administracións, necesario para levar a cabo a maior transformación urbana da Coruña".

Rey anunciou que este mes de xuño se aprobará a creación da comisión "Coruña Marítima", liderada pola alcaldesa e na que participarán representantes de todas as administracións implicadas.

En canto a transporte público, destacou o servizo de BiciCoruña como aposta polo desenvolvemento sostible e comparou as cifras de uso respecto a 2019. "No 2019, de xaneiro a decembro, o servizo tiña un total de 206.946 usos. Agora, antes de rematar o primeiro semestre de 2024, superamos xa o medio millón con 507.140 usos, máis do dobre na metade de tempo" detallou a rexedora. Tamén lembrou a ampliación do servizo prevista a cargo dos fondos Next Generation, con 90 estacións e 562 bicicletas eléctricas na flota. "Só o ano pasado aforramos á emisión á atomósfera de 752 toneladas de monóxido de carbono grazas ao uso da bici fronte ao vehículo privado" explicou.

Tamén fixo referencia ás bonificacións do transporte urbano, xunto co MITMA e a Universidade da Coruña, e estableceu como reto a modernización do servizo de autobús. "O meu compromiso é sacar a licitación a redacción dos pregos antes de que remate o ano, co obxectivo de iniciar un proceso participativo que nos permita avanzar na modernización dun servizo que precisa adaptarse aos novos tempos" explicou.

Respecto ao cambio no modelo económico, a alcaldesa situou o liderado tecnolóxico da Coruña como exemplo de avance industrial. "Como Goberno entendemos ese cambio, esa crecente necesidade e quixemos impulsalo coa Cidade das TIC e AESIA, os dous principais proxectos tecnolóxicos institucionais da cidade, consolidando A Coruña como polo de atracción de talento" explicou. Rey comprometeuse a constituir a sociedade xestora antes de que remate o ano. Tamén en liña co desenvolvemento tecnolóxico, lemboru que A Coruña é sede permanente de Ecosystems 2030, un dos eventos TIC máis importantes do mundo.

A alcaldesa tamén lembrou que nestes cinco anos, o Concello da Coruña reforzou a súa rede de Benestar Social, coa aprobación da gratuídade das Escolas Infantís Municipais, a posta en marcha do programa Coruña Acompaña para combatir a soidade non desexada ou a creación de novos espazos para a mocidade, como as Naves do Metrosidero ou o Remanso, xunto coa pista multideporte José Toubes. "Hai cinco anos os rapaces e rapazas facían botellón nos xardíns de Méndez Núñez, hoxe recuperaron o seu esplendor e Atochas e Catro Camiños enchéronse de mocidade", sinalou. En canto ao último ano, Rey lembrou a posta en marcha do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental, con medidas a desenvolver ata o vindeiro 2018, e comprometeuse a iniciar a redacción do Plan Municipal de Inclusión antes de 2025. Tamén situou o desmantelamento da pasaxe como fin dunha loita de case catro décadas, que culminou o pasado mes de abril, relocalizando a todas as familias do poboado en vivendas.

Inés Rey situou o impulso ás novas infraestruturas como unha das cinco grandes tranformacións da cidade, ben en colaboración con outras administracións, como a Pasarela de Pedralonga, a Estación Intermodal, o enlace ferroviario a Punta Langosteira ou o Novo CHUAC; como as propiamente municipais desenvoltas nos barrios, con novos espazos deportivos como o Centro Deportivo do Castrillón. Rey comprometeuse a sacar a licitación a xestión dos Centros Deportivos do Castrillón e San Diego antes de que remate o ano, xunto co Plan Director das Instalacións Deportivas co obxectivo de mellorar a rede de espazos para uso dos clubs da cidade. Na mesma liña, tamén se comprometeu á licitación das obras para rehabilitar Santa Lucía e o novo contrato da Planta de Residuos de Nostián nos próximos seis meses.

A alcaldesa tamén lembrou que nos vixentes orzamentos municipais recóllese a posta en marcha do Plan de Vivenda 2024-2030, dotado con 13,22 millóns de euros co obxectivo de dar resposta á crecente necesidade de vivenda. Destacou algunhas partidas específicas como os máis de 1,8 millóns de euros para iniciar a construción dun edificio con 50 vivendas de réxime público en Xuxán. A ela sumarase a promoción pública de Marqués de Pontejos, comprometéndose a que quede rematada este mesmo ano. "Este Plan de Vivenda 2024-2023 permitirá construción de máis de 4.000 vivendas no período 2024-2030, co desenvolvemento urbanístico dos polígonos con vivenda de protección como o do Polígono de Visma" sinalou. Lembrou que en decembro se aprobou o proxecto de urbanización co que se prevé a creación dunha bolsa de case 3.600 novas vivendas, das que un 26% serán de protección oficial.

Na mesma liña puxo en valor a aprobación do Plan Estratéxico 2030-2050, tamén recollido nos Orzamentos Municipais 2024 e que terá a Isabel Pardo de Vera á fronte da dirección técnica. Comprometeuse a constituir os órganos do Plan no vindeiro semestre, antes de final de ano.

En materia de posicionamiento da cidade, destacou a aposta pola cultura e a nova estratexia turística como cambio no liderado da Coruña a nivel nacional e internacional. Sinalou que a cidade é hoxe destino das xiras de grandes artistas como Maná, Ricky Martin, Luis Miguel ou Rod Stewart e que nos últimos cinco anos pasaron tamén artistas e grupos como Black Eyed Peas, UB-40 ou Van Morrison. "Combinamos sempre esta visión internacional coa defensa da cultura propia de Galicia, nunha aposta que vai desde o asociacionismo da cidade a eventos xa históricos como o concerto de Tanxugueiras, con 80.000 persoas na praia de Riazor" explicou. Sumou a esa aposta cultural a estratexia MICE, acollendo grandes eventos e congresos como o Womex. En total, nestes últimos cinco anos, celebráronse máis de 500 eventos e congresos reunindo en torno a 302.000 persoas.

Rey concluíu o balance agradecendo o traballo ao resto de membros do Goberno xunto co persoal municipal e situando o diálogo como ferramenta para acadar a segunda modernización da Coruña. "Con outras administracións, tal e como demostramos dende 2019. Cos veciños e veciñas, cos que seguindo o compromiso adquirido na miña toma de posesión me veño reunindo dende setembro visitando preto de 25 asociacións veciñais no último ano" explicou.

Tamén fixo referencia aos acordos chegados co resto de representantes municipais e membros da corporación: "Así o demostran os 282 asuntos aprobados dos 285 que levamos a pleno nos últimos 5 anos, o que supón o 98,94%, dos que 222, o 78,89%, foron sen votos en contra". E argumentou que "ás veces é difícil asentar maiorías mais penso que A Coruña o demanda e o noso deber é traballar para que así sexa, deixando a un lado as diferenzas e discrepancias e buscando o que nos une. Poñendo á Coruña no centro" concluíu.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión