19 de xuño de 2024
Inés Rey: “A ciencia necesita ser cada vez máis innovadora pero tamén máis diversa e paritaria”
Máis de 1.000 profesionais da informática danse cita esta semana na Coruña, con tres días de xornadas realizadas en Palexco
A alcaldesa, Inés Rey, interveu esta mañá na apertura do VII Congreso Nacional de Informática que se realiza na Coruña ata o vindeiro venres día 21 de xuño. Tamén abriron o congreso José Luis Escrivá, ministro de Transformación Dixital e Función Pública do Goberno de España; Nieves Rodríguez, presidenta da organización do Congreso Español de Informática (CEDI); Inmaculada García, presidenta da Sociedade Científica Informática de España; Ricardo Cao Abad, reitor da UDC; e Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública.
Rey reivindicou a necesidade de incorporar máis mulleres no grao de Enxeñaría Informática, onde a fenda na taxa de matriculación entre mulleres e homes é este curso do 82%. "A matriculación feminina no grao de Enxeñería Informática pasou de estar no 10% histórico a situarse este curso no 18%, case o dobre, pero para unha sociedade onde as mulleres somos un pouco máis da metade da poboación segue sendo pouco", explicou a alcaldesa. Lembrou que non é algo exclusivo do ámbito científico e chamou a sumar esforzos para que as mulleres sexan cada vez máis nas ramas STEM: "A ciencia necesita ser cada vez máis innovadora pero tamén máis diversa e paritaria", dixo.
A rexedora explicoulles ás persoas congresistas a vinculación histórica da Coruña coa ciencia a través da rede de Museos Científicos ou o MUNCYT, xunto coa Universidade da Coruña: "Cando en ningún outro sitio de Galicia se podía estudar informática, A Coruña recibía os primeiros alumnos e alumnas na súa facultade, do mesmo xeito que agora recibe alumnado de Nanotecnoloxía, Enxeñaría de Datos ou Intelixencia Artificial", sinalou. Ademais, Rey situou a posta en marcha da AESIA como proxecto estratéxico para consoliderar o liderado da Coruña no sector das novas tecnoloxías, froito do puxante ecosistema empresarial e académico da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible