Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de maio de 2024

O festival Mar de Mares comezará o 8 de xuño e o seu mercado estará en San Agustín

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, presentou a undécima edición deste evento de concienciación ambiental

O Festival Mar de Mares regresa á Coruña para festexar a súa undécima edición. Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño, arrancará o festival cun programa caracterizado pola ecoloxía, activismo, ciencia, cultura e unha ampla oferta de lecer e gastronomía para concienciar á cidadanía sobre a vital importancia dos océanos. Outra das grandes novidades desta edición é o traslado do Mercado Mar de Mares ao Mercado de San Agustín.

A gran cita co mar, que se desenvolverá entre os días 8 e 16 de xuño e fará da cidade a capital da divulgación do medio mariño, presentouse esta mañá nun acto presidido pola concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, e que contou tamén coa presenza de Silvia Oviaño, directora artística de Mar de Mares, e Iván Domínguez, chef do restaurante NaDo e encargado do clásico almorzo mariñeiro do Festival.

"O Goberno de Inés Rey promove numerosas accións de concienciación entre a cidadanía sobre o cambio climático e o risco que supón para os nosos mares", sinalou a concelleira, que destacou que "non se entendería que este acontecemento tivese lugar noutro sitio que non fose A Coruña, unha cidade bañada case por completo polo Atlántico".

Este ano Mar de Mares estrea novo lema, "Énchete de océano", co que convida tanto aos seus fieis seguidores e seguidoras durante os últimos dez anos como a novos públicos de todas as idades a mergullarse de maneira activa en expresións artísticas, encontros inspiradores, propostas culturais, activismo ou na gastronomía, que, durante case dúas semanas, volverán encher as rúas da cidade de actividades divulgativas e de lecer para todos os públicos. Un programa que contará con novas propostas pero sen perder de vista os seus clásicos. 

Máis de trinta actividades para gozar do mar de mil maneiras, a bordo dun barco ou en terra; observando a súa paisaxe ou participando na súa limpeza, degustando exquisitos bocados ou bailando ao son de cantos mariñeiros, debatendo sobre o futuro dos océanos ou descubrindo o pasado da nosa cidade. Nesta edición, a nova localización do Mercado Mar de Mares, no mercado de San Agustín, permitirá contar con novos formatos de actividades á vez que se manteñen as favoritas do público como concertos, obradoiros para nenos e nenas, faladoiros, showcookings, degustacións e moito máis. 

Nesta edición volverá programarse a Gran Limpeza de Fondos Signus, que reunirá a decenas de mergulladores e voluntarios no litoral da cidade. Terá lugar tamén o II Foro Azul Mar de Mares, unha xornada para descubrir todas as opcións de futuro da economía mariña. 

Festival Mar de Mares

Desde a súa creación, e contando sempre co apoio do Concello da Coruña, Mar de Mares traballa por un futuro máis sostible promovendo a reflexión e convidando a cidadanía a tomar partido polos mares, co obxectivo de celebrar toda a riqueza que achegan os océanos e o compromiso coa súa defensa e coidado. Ao longo destes anos, o festival consolidouse como un espazo de reflexión grazas aos seus completos programas e á participación de referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar e que nos agasallaron con marabillosas historias sobre os océanos. 

Nestes once anos, o festival reuniu preto de 350 relatores e relatoras, realizou unhas 400 actividades e fixo dez edicións polas que pasaron case 300.000 persoas. Recolléronse ata o de agora doce toneladas de lixo do mar e participaron 33 grupos musicais, ademais de numerosos cociñeiros e cociñeiras de recoñecido prestixio a nivel galego.

Un festival avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, sendo un dos eventos da Década dos Océanos da ONU e colaborando con grandes referentes na divulgación como os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC. O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal e conta co apoio do Concello.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión