1 de maio de 2024
Neste momento o servizo conta con máis de 60 animais de compañía dispoñibles para adopción ou acollida temporal: 25 felinos e 41 cans
O Concello da Coruña habilitou unha nova web do Centro Municipal de Animais de Compañía, máis intuitiva e accesible para as persoas usuarias. Nesta nova versión, o Goberno de Inés Rey quixo destacar a adopción e acollida de animais co obxectivo de incentivar esta opción entre as familias coruñesas. Pode consultarse no enderezo adopcionanimales.coruna.gal.
Neste momento o servizo conta cun total de 66 animais de compañía dispoñibles en réxime de adopción, 25 felinos e 41 cans, con imaxes e datos na web sobre o animal e os requisitos precisos para iniciar o procedemento. Entre eles as taxas estipuladas e recollidas na Ordenanza Municipal: 39,83 euros para a implantación do chip e 18,30 euros de vacinas. Existe tamén un programa de acollida temporal de animais de compañía cuxa información está tamén dispoñible.
Ademais, a nova web dispón de información xeral sobre os traballos realizados polo servizo municipal de recollida de animais como a recollida de animais extraviados, dispoñible as 24 horas; reclamación de animais ou asesoramento para a obtención da licenza PPP para cans potencialmente perigosos. Tamén existe información sobre o control das colonias felinas e tamén das normas de convivencia de animais vixentes.
Destaca o apartado sobre os espazos dispoñibles para cans, como áreas ou praias caninas. Na actualidade, A Coruña dispón dunha superficie estimada de 16.500 metros cadrados de espazo para cans en parques, repartidos en cinco áreas caninas: Santa Margarida, o parque Adolfo Suárez, Mesoiro, Eirís e Bens. Ademais, o Goberno de Inés Rey aprobou o pasado ano unha nova ordenanza de animais que incluía a cala de Bens como praia canina durante todo o ano, avanzando na ampliación e mellora de espazos para cans da cidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible