Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Deportes

coruna.gal

2025 - Convocatoria bolsas para deportistas individuais

16 de Abril de 2024 - CONVOCATORIA

O Concello da Coruña, dentro da súa competencia de promoción do Deporte, e consciente das dificultades que teñen moitos e moitas deportistas individuais para poder levar a cabo os seus adestramentos e competicións, polo elevado custo que supoñen os desprazamentos, licenzas federativas, equipamentos, etc., considera necesario aprobar unha liña de axudas a deportistas individuais, que teñan o carácter de bolsas.

En concreto, estas bolsas convócanse para apoiar a deportistas que practiquen deporte individual, como medio de fomentar e promover o deporte coruñés e, desta forma, conseguir logros deportivos para a cidade da Coruña.

Con estas bolsas preténdese apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación co perfeccionamento técnico e a obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas como facilitando a súa participación en competicións deportivas de alto nivel.

Establécense, por tanto, as bases reguladoras de bolsas para a mellora e perfeccionamento de deportistas empadroados no Concello da Coruña que destaquen na participación de competicións oficiais de carácter individual nas distintas modalidades deportivas durante o ano 2025.

Estas bolsas son compatibles con outras axudas públicas ou privadas para a mesma finalidade.

A continuación publicase un EXTRACTO das Bases que rexeran esta convocatoria, pode consultar as bases completas no documento adxunto na seguinte ligazón ou ao pé da páxina:

BENEFICIARIOS

Poderán ser beneficiarias das bolsas as persoas físicas de nacionalidade española que sexan deportistas federadas, en deporte individual, de calquera modalidade, especialidade e categoría, que cumpran cada un dos seguintes requisitos:

  • Para os efectos desta convocatoria e en relación co deporte individual, inclúense as especialidades deportivas que por regulamento deban ser practicadas por 2 persoas e que non teñan representación individual.
    • Aclárase que a práctica deportiva e a súa competición en parellas, dobres ou mixtos, quedan excluídas cando poidan realizarse de forma individual. A modo de exemplo: tenis dobre ou tenis dobre mixto.
  • Ter unha idade mínima de 12 anos e máxima de 40 anos cumpridos na data do último día de prazo de presentación de solicitudes. Exceptúase a idade máxima en caso do deporte adaptado para persoas con discapacidade.
  • Levar empadroadas no Concello da Coruña un prazo mínimo de 2 anos, consecutivos ou non, dentro dos 5 anos anteriores ao exercicio en que se realice a solicitude.
  • Demostrar arraigamento na cidade da Coruña, que se realizará a través dalgunha das seguintes formas:•    Nacer na cidade da Coruña.
    • Vivir, e/ou adestrar regularmente na cidade da Coruña.
    • Estar matriculada nun centro oficial de estudos na cidade da Coruña.
    • Ter un contrato de traballo nunha entidade con sede na cidade da Coruña e exercelo dentro da cidade.
    • Ter vínculos familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade na cidade da Coruña.
  • Estar en posesión dunha licenza federativa durante as dúas tempadas anteriores a esta convocatoria e que siga vixente para o ano 2025 expedida pola federación deportiva que corresponda.
  • Pertencer a un club deportivo cuxo domicilio social radique na cidade da Coruña, salvo naqueles casos en que poida xustificarse que non existe na cidade entidade deportiva coas categorías de competición da persoa solicitante.
  • Acreditar nivel deportivo na especialidade, polo menos, nos dous anos anteriores á solicitude, e ter proxección de futuro.
  • Que se atopen ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias coa Axencia Tributaria estatal, o Concello e a Seguridade Social.
  • Non estar a cumprir sanción firme por infracción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva, cualificada como grave ou moi grave.
  • Non estar incursas en causa de exclusión ou prohibición para obter a condición beneficiaria de subvencións (art. 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de subvencións).
  • En todo caso, quedan excluídas as categorías Máster ou similar.

CATEGORÍAS DE BOLSAS

As bolsas clasifícanse , para os efectos desta convocatoria, nas seguintes categorías:

  • TIPO 1: Bolsas para deportistas que participasen nos Xogos Olímpicos 2024 e non obtivesen ningunha bolsa na anterior convocatoria do Concello da Coruña.
  • TIPO 2: Bolsas para deportistas que participasen nos Xogos Paraolímpicos 2024 e non obtivesen ningunha bolsa na anterior convocatoria do Concello da Coruña.
  • TIPO 3: Bolsas para deportistas que participen nun Campionato do Mundo.Poderán optar aqueles/as deportistas que estean en condicións de participaren nestes campionatos.
  • TIPO 4: Bolsas para deportistas que participen nun Campionato de Europa.Poderán optar aqueles/as deportistas que estean en condicións de participaren nestes campionatos.
  • TIPO 5: Bolsas para deportistas que participen nun Campionato de España.Poderán optar aqueles/as deportistas que estean en condicións de participaren nestes campionatos.4.6.    
  • TIPO 6: Bolsas para deportistas que participen nun Campionato Galego-Xunta de Galicia.Poderán optar aqueles/as deportistas que estean en condicións de participaren nestes campionatos.

CRÉDITO ORZAMENTARIO

O importe global das axudas obxecto da presente convocatoria é de CENTO VINTE MIL EUROS (120.000,00 €), gasto imputable á aplicación orzamentaria 52.341.48116 do Orzamento municipal de 2025.

DISTRIBUCIÓN GLOBAL ENTRE TIPOS DE BOLSAS

O importe global distribuirase, sempre que as solicitudes presentadas o permitan, cos seguintes límites máximos:

  • Bolsas TIPO 1: 3 bolsas por un importe de 5.000 euros cada unha.
  • Bolsas TIPO 2: 3 bolsas por un importe de 5.000 euros cada unha.
  • Bolsas TIPO 3: 7 bolsas cun importe de 3.500,00 euros cada unha.
  • Bolsas TIPO 4: 6 bolsas cun importe de 2.500,00 euros cada unha.
  • Bolsas TIPO 5: 24 bolsas cun importe de 1.500,00 euros cada unha.
  • Bolsas TIPO 6: 29 bolsas cun importe de 500,00 euros cada unha.

PROCEDEMENTO

O procedemento de concesión das bolsas para deportistas individuais obxecto da presente convocatoria tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Cada deportista poderá presentar unha única solicitude de bolsa, de acordo co que establece a Base 6.1, e indicará de modo claro o tipo de bolsa e a modalidade deportiva para a que solicita esta axuda. Por tanto, só poderá solicitarse e concederse unha única bolsa por persoa.

En caso de solicitar bolsa para unha modalidade deportiva que dispoña de diferentes especialidades ou probas, só poderá presentar solicitude para unha delas. Se se incumpre este requisito e se solicita bolsa deportiva para máis dunha proba, ningunha das solicitudes será valorada, o que producirá a exclusión da persoa solicitante do procedemento.

O erro na clasificación da bolsa non dá lugar á perda do dereito á axuda. A Concellería de Deportes pode cambiar a clasificación da bolsa cando exista un erro ou cando, de acordo coa documentación presentada, se comprobe que lle corresponde outro tipo de bolsa.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES 

As solicitudes de subvención deberanse presentar OBRIGATORIAMENTE no formulario web da plataforma municipal establecido na sede electrónica do Concello da Coruña: 

Ou picando na seguinte ligazón: https://sede.coruna.gal/sede/gl/tramites-e-servizos-electronicos/guia-de-procedementos-e-servizos/detalle-de-procedementos/bolsas-deportivas-para-deportistas-individuais/contenido/1453753426128

PRAZO 

As solicitudes de subvención deberanse presentar obrigatoriamente de modo telemático a través deste trámite, utilizando o modelo oficial establecido, no prazo de 20 días naturais que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación dun extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

A documentación xustificativa para as persoas beneficiarias da bolsa deportiva, que incluirá obrigatoriamente o vídeo realizado preferentemente no lugar da competición, deberá presentarse ante o Concello da Coruña, Concellería de Deportes, unha vez alcanzados os obxectivos anuais establecidos no proxecto e, en todo caso, antes do 31 de xaneiro de 2026.

DOCUMENTACIÓN

A solicitude de subvención deberá incluír a seguinte documentación (resumo, consultara as Bases Completas):

a) Solicitude, que se deberá cubrir e presentar no formulario web.

b) DNI ou NIF da/do deportista solicitante. En caso de deportistas solicitantes menores de idade tamén é obrigatorio presentar o DNI ou NIF da/do titor/a legal.

c) Certificado de empadroamento actualizado na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, no que conste a antigüidade no empadroamento, así como as modificacións sufridas nos últimos 5 anos.

d) Documentación acreditativa do arraigamento familiar (dependendo do caso, segundo a base 3):

  • Acreditación de ter nacido na cidade da Coruña: mediante o certificado de nacemento ou o DNI.
  • Acreditación de vivir e/ou adestrar regularmente na cidade da Coruña: facturas ou recibos de subministracións (luz, gas, auga) ou documentos equivalentes a nome da persoa deportista ou do/a titor/a legal, no caso de ser menor de idade, así como documentos acreditativos de asistencia a instalacións deportivas situadas no municipio da Coruña.
  • Xustificante de matrícula nun centro oficial de estudos da cidade da Coruña para o curso 2024-2025, así como certificado do centro que xustifique a asistencia regular e o aproveitamento dos estudos da persoa solicitante.
  • Contrato de traballo nunha entidade con sede na cidade da Coruña e xustificante de que a persoa solicitante exerce o seu desempeño laboral nun lugar de traballo situado dentro do termo municipal da Coruña.
  • Acreditación de ter vínculos familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade na cidade da Coruña: mediante o libro de familia ou calquera outro documento con valor equivalente.

e) Copia da licenza federativa vixente expedida pola federación deportiva correspondente que acredite a modalidade deportiva para a que solicita subvención, así como das licenzas federativas das dúas tempadas anteriores.

f) Certificado emitido pola federación correspondente, no que se recollan os resultados obtidos nas dúas últimas tempadas, con indicación da clasificación lograda en cada un dos campionatos de igual categoría para o que se solicita a bolsa.

g) Certificado acreditativo da federación deportiva correspondente no que se acredite que a persoa solicitante non está a cumprir sanción firme por infracción disciplinaria ou administrativa en materia deportiva cualificada como grave ou moi grave.

h) Proxecto deportivo para a tempada 2025, con mención expresa e obrigatoria das probas, campionatos e fase clasificatorias nos que a persoa deportista teña previsto participar durante o ano 2025. O proxecto deportivo deberá incluír ademais un plan completo de adestramentos. O proxecto deportivo debe cubrirse no Anexo 1 adxunto a esta convocatoria.

i) Declaración responsable das subvencións ou bolsas solicitadas e as que lle foron concedidas para a mesma actividade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional. Esta declaración xa está incluída no fomulario web.

j) Declaración responsable de non estar incursa ou incurso en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria á que se refire o artigo 13 da LXS. Esta declaración xa está incluída no fomulario web.

k) Certificación dos datos bancarios da persoa beneficiaria da subvención (orixinal expedida pola entidade bancaria). Só para aqueles7as solicitantes que non consten dados/as de alta no Concello da Coruña.

l) Compromiso de levar no seu uniforme, material e/ou equipamento deportivo o logotipo do Concello da Coruña, nun lugar visible e de tamaño polo menos equivalente ao logotipo dos seus principais patrocinadores, así como de facer constar, no caso de dispoñer de páxina web ou redes sociais, que a persoa deportista recibe unha axuda municipal. Esta declaración xa está incluída no fomulario web.

m) Deberá achegar ao proxecto deportivo un epígrafe específico no que reflicta o modo de cumprimento deste compromiso, no que se especifique o detalle con fotografías, bosquexos ou documentación gráfica específica. Deberá cubrirse no Anexo 1.

n) Certificado acreditativo de atoparse ao corrente do cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria estatal, o Concello da Coruña e a Seguridade Social. Só en caso de non autorizar a dita consulta ao Concello da Coruña.

Documentos relacionados

  • BASES - Convocatoria bolsas para deportistas individuais - 2025 (1 MB)

Descargar ZIP cos documentos relacionados.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible