Concello da Coruña

Concello da Coruña

III Concurso Imaxina Coruña 2023-24

O Servizo de Educación, en colaboración co Servizo de Cultura, organiza a III edición do programa IMAXINA CORUÑA, para o curso escolar 2023-2024.

O programa Imaxina Coruña nace como unha iniciativa municipal de carácter innovador que pretende difundir a cultura científica e tecnolóxica entre o alumnado de secundaria.

A organización proporá un tema que servirá de marco para que o alumnado participante desenvolva un proxecto orixinal empregando ferramentas científicas, tecnolóxicas e matemáticas (STEM) que teña como finalidade contribuír á resolución dun problema real da sociedade. O proxecto finalizará coa presentación pública dos experimentos ou materiais creados que cheguen á fase finalista.

Servizo municipal:

Museos científicos, Educación

Tipo de actividade:

Outras, Complementaria

Titularidade do centro:

Público, Concertado, Privado

A quen vai dirixido?:

Aos centros educativos con sede na cidade da Coruña e área metropolitana (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) que conten con grupos de alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Cada centro poderá solicitar participar cun máximo de 3 grupos.

Os grupos poderán contar entre 2 e 4 participantes, que só se poderán inscribir nun grupo. Todos os grupos deberán ser mixtos para fomentar os principios de igualdade na ciencia que defende este concurso. Non se admitirá máis dun proxecto por grupo.

Un profesor ou profesora das materias relacionadas liderará o grupo ou grupos participantes e responsabilizarase do alumnado que os integra. O persoal docente designado por cada centro servirá de ligazón co persoal municipal responsable do programa.

Poderán participar un máximo de 40 grupos. A selección dos participantes realizarase por rigorosa orde de entrada da solicitude por centro, de tal maneira que, se se superan as previsións, a prioridade establecerase por centros, é dicir, se un centro presenta varios grupos a prioridade será a participación do maior número de centros posibles fronte ao maior número de grupos por centro.

Horario:

    Obxecto:

    • Fomentar actitudes positivas da ciencia e da tecnoloxía, dando respostas, mediante a experimentación ou o deseño, ás cuestións que promovan un planeta sostible.
    • Favorecer e mellorar o desenvolvemento de valores educativos como: creatividade, traballo en equipo, solidariedade e autonomía.
    • Impulsar e fomentar iniciativas entre o alumnado.
    • Apoiar e incentivar o persoal docente dos centros educativos na súa tarefa de formación.
    • Dar visibilidade a iniciativas innovadoras que desenvolvan os alumnos/as
    • Incentivar a participación das mozas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía, na procura da ruptura da fenda de xénero nesta materia.

    O programa proporcionaralles apoio aos centros participantes mediante un asesoramento por especialista na materia, e ofrecerá premios incentivadores que priman as mellores iniciativas tanto do alumnado participante como dos centros educativos.

    Para realizar a valoración dos proxectos presentados e seleccionar aos gañadores o concello contará coa colaboración de persoas expertas en educación e comunicación científica e persoas novas con experiencias en actividades científicas.

    TEMÁTICA

    Nesta III Edición a temática do concurso é ARTE,CIENCIA E TECNOLOXÍA

    DESENVOLVEMENTO

    O concurso vén determinado polas seguintes fases, desde o mes de novembro de 2023 ata o mes de abril de 2024.

    Fase I.- Preparación do proxecto: de novembro de 2023 a marzo de 2024.

    • Xornada presencial ou telemática sobre ciencia cidadá nunha das instalacións dos museos científicos coruñeses. (18 de outubro de 2023, ás 17.00h na Domus)
    • Tutorización e asesoramento durante a elaboración dos traballos por parte do persoal especialista e persoal dos Museos Científicos Coruñeses, a través de correo electrónico e outros medios telemáticos.

    Fase II.-Presentación da memoria final

    O prazo de presentación da memoria final finalizará o venres 22 de marzo de 2024 debendo entregarse en formato PDF a través do correo electrónico imaxina@coruna.gal.

    A memoria debe ser orixinal, inédita e innovadora e conter:

    • Título do proxecto.
    • Nomes, apelidos e DNI do alumnado participante.
    • Nomes, apelidos e DNI do profesor que liderou o reto.
    • Hipótese, materiais, resultados e conclusións
    • Deberanse entregar tamén imaxes, táboas, gráficos, fotografías ou calquera outro elemento que de soporte á memoria presentada.
    • A memoria deberá presentarse usando a letra Arial 11 e non poderá superar as 20 páxinas.
    • Quedarán excluídas as memorias que non se axusten estes requisitos.

    Fase III.- Valoración da memoria

    • A valoración das memorias realizarase coa posta en común das valoracións dun xurado sénior composto por un mínimo de 3 membros, todas elas persoas de recoñecido prestixio na educación e a comunidade científica, actuado como secretario un/unha técnico/a do Servizo Municipal de Educación.
    • Este xurado seleccionará, en base as memorias presentadas, os proxectos que pasarán á final e que participarán na Feira de ideas onde se presentarán devanditos proxectos.

    Fase IV.- Feira de Ideas e Premios "Imaxina Coruña". Data prevista: sábado 13 de abril de 2024 , na Domus.

    • A feira Imaxina Coruña celebrarase en horario de mañá e/ou tarde nas instalacións da Domus.
    • Aos proxectos finalistas facilitaráselles un espazo (posto) rotulado co nome do centro ao que representan, así como co título do proxecto.
    • Neste espazo o alumnado presentará ao público os seus proxectos e poderá acompañalos de vídeos expositivos, materiais publicitarios, audiovisuais, teatrais ou calquera outra ferramenta ou medio que estime oportuno co fin de conseguir un maior atractivo e atención sobre a súa proposta.
    • Un xurado júnior composto por un mínimo de 3 mozos/os con experiencia en actividades científicas (membros do club da ciencia, participantes en feiras científicas, premiados en proxectos de ciencias ou tecnoloxía, STEMBac...), asesorados por persoal dos Museos Científicos, visitarán os espazos de exposición para valoralos.
    • Unha vez visitados os espazos, o xurado retirarase a deliberar para comunicar o veredicto dos proxectos premiados. Para a devandita valoración o xurado deberá ter en conta: a autenticidade das investigacións, a súa orixinalidade, o seu rigor científico e tecnolóxico, o sentido crítico, a súa viabilidade, capacidade para mellorar a vida das persoas e todos aqueles aspectos que demostren curiosidade e constancia.
    • O xurado levantará acta do desenvolvemento e conclusións do fallo, para o que actuará de secretario un/a técnico/a de o SME.

    • A decisión do xurado será inapelable. Pódese declarar deserto algún dos premios se así o considera.

      REMIOS

      a) Premios para os proxectos

        Os premios virán establecidos en función de distintas categorías:

        • Premio á sustentabilidade
        • Premio á innovación
        • Premio ao compromiso social.

        Para cada unha das categorías deste concurso establécese como premio a invitación a participar ou visitar unha feira científica estatal, incluíndo gastos de desprazamento e aloxamento para os equipos gañadores e os docentes (máximo 5 acodes/grupo, incluído o docente). Para esta edición a feira elixida é:

        Os grupos premiados que vaian participar na devandita feira científica deberán de adaptarse as normas de participación establecidas nela.

        b) Premio aos vídeos dos proxectos

        Aqueles grupos concursantes que presenten un vídeo relato do seu proxecto, será publicado en youtube e sometido a votación popular os 3 días anteriores á celebración da feira.

        O gañador da votación popular será premiado cun estabilizador.

        As características do vídeo deberán ser as seguintes: duración máxima de 2 minutos; formato horizontal; resolución mínima de 720p e peso máximo de 50M.

        c) Premio ao centro educativo

        Ademais, cada centro educativo onde estea matriculado o alumnado premiado nas 3 categorías sinaladas recibirá un cheque regalo por importe de 500,00 euros para gastar nun establecemento comercial da cidade da súa elección.

        Este importe deberá destinarse para a adquisición de material científico e tecnolóxico para a aula participante no concurso.

        Cando:

        Dende o 09/10/2023 ata o 25/06/2024

        DATAS

        • Período de inscrición: do 9 de outubro de 2023 ao 5 de novembro de 2023.
        • Xornada presencial de formación: 18 de outubro de 2023, ás 17.00h na Domus
        • Presentación memorias: 22 de marzo de 2024
        • Feira de Ideas Imaxina Coruña: sábado 13 de abril de 2024, na Domus.
        • 1º premio, participación en Zientzia Azoka, en Bilbao, https://zientzia-azoka.elhuyar.eus (1 día) entre o 22 e o 25 de maio de 2024.

        Inscricións:

        Dende o 09/10/2023 ata o 17/11/2023

        Inscrición centros

        Ficha de solicitude xeral (a cubrir polo centro) e Ficha de solicitude específica (a cubrir polo centro)

        Contacto:

        DISMEDIA DESENVOLVEMENTOS TIC, S.L.

        981 100 546

        imaxina@coruna.gal

        Organiza:

        Servizo de Educación e Servizo de Museos Científicos

        Máis información:

        Organiza:

        Servizo Municipal de Educación.

        Tel. 981 184 200 ext. 10259

        Servizo de Museos Científicos

        Tel: 981 189 844 ext. 20075

        Documentos:

        Bases III Concurso Imaxina Coruña 2023-24 (381 KB)

        Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

        Que che parece esta sección?

        -101-101-101

        Síguenos en

        Tes un navegador demasiado antigo!

        Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

        Iniciar sesión