Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xaneiro de 2025

Os cortes de tráfico no itinerario da Cabalgata de Reis, que sairá desde Monelos en dirección a María Pita, activaranse mañá ás 17.30 horas

O percorrido, que arrincará na rolda Camilo José Cela, pasará pola avenida de Monelos, Alcalde Pérez Ardá, Fernández Latorre, Linares Rivas, praza de Ourense, os Cantóns, Marina e, finalmente, a praza de María Pita

O Concello vén de definir as alteracións ao tráfico previstas este domingo 5 co gallo da Cabalgata de Reis, que arrincará ás 18.00 horas desde a rolda Camilo José Cela, entre o Barrio das Flores e Monelos.

Tras a actualización do percorrido inicial, notificada este venres por mor da previsión meteorolóxica, o trazado final pasará pola avenida de Monelos e Alcalde Pérez Ardá para, posteriormente, cruzar o barrio de Catro Camiños a través de Fernández Latorre e a Costa da Palloza, paso previo á incorporación á avenida Primo de Rivera e Linares Rivas. Xa a continuación, a comitiva real seguirá o seu camiño cara a praza de Ourense, chegando despois aos Cantóns, a Marina e, xa finalmente, a praza de María Pita.

Neste sentido, o Concello ten previsto activar o dispositivo especial de tráfico ás 16.30 horas, cortando na súa totalidade a rolda Camilo José Cela, punto de partida da Cabalgata.

Xa ás 17.30 horas iniciaranse os cortes de tráfico no itinerario da comitiva. As rúas polas que discorre a celebración irán reabríndose ao paso de vehículos de forma progresiva, a medida que avancen as carrozas.

Os preparativos na rolda Camilo José Cela e a praza dos Freixos comezarán xa pola mañá

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, lembrou que os preparativos para a posta en marcha da comitiva real arrincarán este domingo pola mañá, co acondicionamento dos espazos necesarios na rolda Camilo José Cela e a praza dos Freixos, unha medida necesaria para delimitar a zona de saída da Cabalgata.

Recomendable evitar o uso de vehículos particulares na contorna do percorrido

A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, apuntou hoxe á importancia de evitar, na medida do posible, o uso de vehículos particulares nas rúas ubicadas na contorna do percorrido da Cabalgata, "especialmente naquelas máis próximas á praza de Ourense", por ser o embudo que cataliza o paso das carrozas en dirección aos Cantóns.

A este respecto, tanto para acceder como saír da Coruña, as autoridades recomendan evitar o centro da cidade, usando estradas periféricas ou aquelas algo máis afastadas do percorrido da Cabalgata. Por exemplo, desde Durmideiras ou Monte Alto, saíndo polo Paseo Marítimo en dirección a Riazor e a Terceira Rolda. E, no caso do Ensanche, por Juan Flórez en dirección a Alfonso Molina.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión