25 de abril de 2018
O concelleiro José Manuel Sande asistirá ao acto de apertura da mostra. A continuación, ás 21.00 horas, acompañará ao alcalde, Xulio Ferreiro, na inauguración da instalación ‘Lume e ferro, a produción queimada’, na Fundación Luis Seoane
Os espazos culturais municipais acollerán desde hoxe dúas novas exposicións. Esta tarde, ás 20.00 horas, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, inaugurará na Casa de Cultura Salvador de Madariaga Ilustrando Galicia. 2016-2017, unha mostra que pretende achegar á veciñanza a realidade máis recente da ilustración de libros no país. A exhibición reúne a obra gráfica de 23 artistas entre os que se atopan creadores e creadoras galegas, ou que se estableceron en Galicia, de ampla traxectoria, así como unha nova xeración que inicia a súa andaina neste eido. Así, o público coruñés poderá coñecer a obra de Marcos Viso, Lucía Cobo, Dani Padrón, David Pintor, Marina Seoane, Óscar Villán, Nuria Díaz, Xan López Domínguez, Víctor Rivas, Andrés Meixide, María Brenn, Xosé Cobas, Marc Taeger, María Lires, Manuel Uhía, Ánxeles Ferrer, Jacobo Fernández Serrano, Ignacio Hernández, Olaya Naveira Souto, Ana Pedreira, Antonio Seijas, Luz Beloso e Rodrigo Chao.
A maior parte das ilustracións pertencen a libros dirixidos ao público lector de entre 6 e 12 anos, e que abranguen historias humorísticas, fantásticas, imaxinativas, cheas de movemento e cor. Na exposición poderase observar as diferencias entre ilustrar texto narrativo e poético, e haberá ocasión para coñecer os álbums ilustrados, volumes de gran formato nos que texto e ilustración se complementan para constituír unha nova linguaxe na que a parte visual é a que achega a maior parte do significado. Por último, a veciñanza da Coruña tamén terá a oportunidade de ver o traballo máis recente vinculado aos libros-disco, vinculados ao público infantil e que recollen música e cancións que se presentan en exemplares ilustrados.
Ilustrando Galicia. 2016-2017 poderase visitar desde hoxe e até o 3 de xuño no horario habitual da na sala de exposicións da Casa de Cultura Salvador de Madariaga, o recinto municipal especializado na exhibición de ilustración e banda deseñada: todos os días, de 12.00 a 14.00 horas, e de 18.00 a 21.00 horas en Durán Loriga, 10.
Instalación na Fundación Luis Seoane
Esta tarde tamén, contra ás 21.00 horas, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inaugurará na Fundación Luis Seoane a instalación de Pepe Galán Lume e ferro, a produción queimada, un traballo realizado especificamente para o patio da institución cultural. A peza, que se poderá ver até o 8 de xullo, o escultor coruñés expresa a preocupación das e dos artistas visuais por afrontar a súa profesionalización e a súa dignidade como traballadoras e traballadores da arte a través do efecto simbólico do lume. A instalación forma parte do proxecto A volta dunha ausencia, iniciativa coa que Galán retoma a súa actividade expositiva, e na que a escultura segue a ser o seu principal vehículo de expresión.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible