3 de xuño de 2024
O Concello abre mañá, martes, o prazo de inscrición nas actividades previstas na fin de semana do 15 e 16 de xuño. A participación é gratuíta, formalizando inscrición previa por vía telefónica
O Concello da Coruña abre mañá o prazo de inscrición nos obradoiros e percorridos guiados previstos no Castelo de San Antón e o Castro de Elviña na fin de semana do 15 e 16 de xuño, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey co gallo das Xornadas Europeas de Arqueoloxía.
A programación inclúe, por exemplo, talleres infantís de arqueoloxía nos que as nenas e nenos viaxarán ao pasado para coñecer a moda prehistórica, experimentando con tecedoras. Este percorrido pola prehistoria tamén se levará a cabo a través das pinturas rupestres, cun obradoiro no que a rapazada asistente aprenderá técnicas e ferramentas coas que cada participante dará forma á súa propia obra de arte prehistórica.
Ademais, no Castro de Elviña haberá escavacións simuladas nas que as nenas e nenos serán, por un día, os arqueológos e arqueólogas do xacemento. A isto sumarase un obradoiro no que a cativada terá que completar unha serie de probas grupais para descubrir os segredos que agocha a paraxe.
Tamén haberá obradoiros para adultas e adultos. O sábado 15, o Castro de Elviña acollerá un taller de experimentación no que as persoas asistentes descubrirán, de primeira man, os avances tecnolóxicos que cambiaron para sempre o modo de vida da prehistoria: o lume, a industria lítica e ósea... O taller, dunha hora e media de duración, terá lugar ás 19.00 horas, con 20 prazas dispoñibles.
A alcaldesa convidou a cidadanía a participar nas actividades organizadas pola rede de Museos Históricos da Coruña, "que contribúen a visibilizar e poñer en valor o noso patrimonio, cunha perspectiva interxeracional e amena que lles permitirá, tanto ás persoas adultas como aos máis pequenos, descubrir o pasado da nosa cidade e das culturas que a habitaron".
Percorridos guiados por San Antón e o Castro de Elviña, o sábado 15 e o domingo 16
Ademais dos talleres creativos, o Concello tamén oferta percorridos guiados por San Antón e o Castro de Elviña, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico da cidade, así como o día a día das e dos profesionais que traballan tanto no castelo como no xacemento arqueolóxico.
As visitas guiadas en San Antón terán lugar o sábado 15 (12.00 e 18.00 horas) e o domingo 16 (12.00 horas). Haberá 25 prazas por quenda, en sesións dunha hora e cuarto de duración.
No caso do Castro de Elviña haberá percorridos guiados tanto o sábado 15 como o domingo 16, ás 12.00 horas, con 25 prazas por quenda.
A participación nas actividades é gratuíta, mais é preciso formalizar inscrición previa. As persoas interesadas en solicitar praza nos obradoiros e percorridos guiados poderán facelo a partir deste martes 4, ás 10.00 horas, a través do telefóno 981 189 850.
Actividades relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible