O documental será presentado polo seu director, Bill Carter, e por Alma Catel, unha das protagonistas, que dialogarán co público ao final da proxección.
13/12/2012
Xa rematou
20.30 horas.
Miss Sarajevo, documental dirixido por Bill Carter e producido por Bono, de U2.
Bolonia, 18 de xullo de 1993. Concerto de U2, vira ZOO TV, 50.000 asistentes. Tras entoar varias das súas cancións máis coñecidas, o líder da banda anuncia unha conexión en directo con Saraievo, unha cidade en guerra. Nas enormes pantallas de televisión aparece Bill Carter xunto a dous cidadáns de Saraievo que contan como é a vida baixo as bombas, Vlado e Darko. Ambos piden axuda para parar a guerra e aproveitan para saudar as súas familias e esposas ás que non ven dende hai meses. Unha chamada que deixa o estadio sobrecollido. Esta será a primeira das 13 conexións por satélite que fixo a banda con Saraievo e que deu a coñecer as penurias polas que estaban a pasar os habitantes da cidade. Ao finalizar a xira máis de 700.000 fans de U2 escoitaran en vivo e en directo os horrores dunha guerra que estaba a só dúas horas de voo de onde se realizaban os concertos. Foi o froito da iniciativa dun mozo estadounidense que chegou á ex Iugoslavia coa intención de axudar e que acabou facendo posible que o pobo de Saraievo contase a súa historia ao mundo, polo menos ao mundo dos mozos europeos que asistían a concertos de rock.
Tras finalizar a xira, Bill Carter dirixe Miss Sarajevo, o documental producido por Bono, coa intención de que a historia desta traxedia non caese no esquecemento e no que se ve o empeño dos seus habitantes por seguir gozando da vida. A realización, nun garaxe ás escuras, do concurso de beleza Miss Sarajevo, dá nome a esta película; todo un canto á capacidade de supervivencia e superación humana.
Duración: 30 minutos
O documental será presentado polo seu director, Bill Carter, e por Alma Catel, unha das protagonistas, que dialogarán co público ao final da proxección.
Bill Carter, escritor, xornalista, fotógrafo e realizador de documentais. O seu primeiro libro, Fools Rush in, lévanos á viaxe que fixo o autor dende Alaska a Saraievo, cidade na que viviu durante un ano en 1993. Coa súa tremenda vontade de parar unha guerra, Carter logrou implicar a U2 para que nos concertos da xira Zoo TV conectasen en directo coa cidade asediada e desen a coñecer, a través das súas pantallas xigantes, a traxedia a miles de mozos europeos. En 1995 dirixiu o documental Miss Sarajevo, producido por Bono, que foi galardoado con numerosos premios.
Alma Catal naceu en Saraievo en 1980. Tiña 13 anos cando Bill Carter a entrevistou para o seu documental Miss Sarajevo. Dous anos despois, Carter gravou unha entrevista con ela nesta cidade, aínda asediada, e na que Alma mostra a súa total desesperanza. Na actualidade é profesora de inglés nunha escola primaria de Saraievo. Alma falaranos do impacto que tivo na súa vida o encontro con Bill Carter e a súa aparición no documental Miss Sarajevo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible