Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de setembro de 2024

O castelo de San Antón conmemora este sábado a Noite Internacional da Observación da Lúa, cunha sesión divulgativa aberta ao público

O Concello colabora coa Agrupación Astronómica ÍO no desenvolvemento desta xornada na que as persoas asistentes poderán gozar de actividades de observación con telescopios no xardín do castelo

O Concello colabora coa Agrupación Astronómica ÍO na conmemoración da Noite Internacional da Observación da Lúa, unha actividade anual convocada pola NASA a escala mundial e que, no caso da Coruña, suporá a apertura do castelo de San Antón este sábado 14 de setembro para o desenvolvemento dunha sesión divulgativa aberta ao público.

De 20.00 a 23.00 horas, as persoas asistentes poderán vivir a observación, apreciación e coñecemento da Lúa, e tamén a súa conexión coa ciencia e a exploración planetaria da NASA. Todo isto, nunha xornada na que o equipo da Agrupación Astronómica ÍO facilitará telescopios ás e aos participantes, nun evento que terá lugar no xardín traseiro da planta alta do castelo.

Cómpre destacar que a asistencia á actividade é de balde e non precisa de inscrición previa, mais haberá capacidade limitada, respectándose a orde de chegada. O obxectivo é que as e aos asistentes poidan gozar da observación no telescopio e das explicacións divulgativas, que se irán repetindo a medida que chegue máis público, polo que poderán participar todas as persoas que se acheguen ao castelo.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor esta iniciativa, coa que o Goberno de Inés Rey reforza a súa programación de actividades culturais e científicas "nunha xornada que ten un carácter interxeracional e que contribúe a visibilizar un dos grandes enclaves patrimoniais da nosa cidade, o castelo de San Antón, un espazo privilexiado que, pola súa versatilidade, posibilita levar a cabo propostas divulgativas como esta, ao aire libre".

Neste sentido, no caso de que a previsión meteorolóxica non fose favorable para o desenvolvemento das actividades de observación, o Concello informará ao respecto nas súas canles oficiais, con antelación ás mesmas.

Máis información sobre a Noite Internacional de Observación da Lúa, nesta ligazón.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión