Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Concello da Coruña

Cando:

29 de setembro de 2017

O Goberno local pon en marcha o Consello Municipal da Memoria Democrática, un órgano consultivo e de participación para a reparación das vítimas da Guerra Civil e a ditadura e a atención e apoio as súas familias

O alcalde anunciou a próxima constitución deste órgano durante o acto de homenaxe aos integrantes do Batallón Galicia no peirao de Oza, que desde hoxe conta cunha obra escultórica en memoria dos milicianos asasinados en 1937 na Fonsagrada

goberno local da Coruña impulsa a creación dun Consello Municipal da Memoria Democrática, un órgano consultivo e de participación vinculado ás políticas municipais para a recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da guerra civil e a ditadura e a atención e apoio á súa descendencia directa. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou a súa inminente constitución -que se plasmará nun decreto que o rexedor asinará a próxima semana- durante a súa intervención na homenaxe á memoria dos homes que formaron parte do coñecido como Batallón Miliciano de Galicia, asasinados na Fonsagrada en 1937, un acto celebrado esta tarde xunto ao faro de Oza, e organizado polo Concello en colaboración coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).

Como avanzou Ferreiro, o Consello nace coa finalidade de promover a reparación moral e a recuperación da memoria persoal e familiar daquelas persoas que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza relixiosa durante a Guerra Civil e a ditadura, e para dar resposta ao establecido na Lei de Memoria Histórica e atender ás demandas das vítimas en termos de verdade, xustiza e reparación, "dentro do compromiso inalterable deste goberno local coa memoria". "Seguimos avanzando no traballo para a recuperación da memoria e a reparación e a restitución da dignidade ás vítimas, como a fixemos coa retirada do rueiro da cidade de todo referente da represión franquista, o que supón a adecuación á Lei de Memoria Histórica pero tamén un acto de xustiza para coas vítimas da ditadura, para a súa descendencia e para a cidade", salientou alcalde, que avanzou a futura creación dunha Oficina Municipal de Atención ás Vítimas, en consonancia coa moción impulsada polo grupo de goberno e aprobada polo Pleno municipal o pasado mes de febreiro.

O Consello da Memoria Democrática estará aberto á participación, tanto dos grupos municipais, como de asociacións, entidades, investigadores e historiadores que traballen pola recuperación da memoria histórica. A proposta do goberno local inclúe, ademais da representación do propio goberno coruñés -a través do alcalde, como presidente, e o concelleiro de Culturas- e do resto de grupos municipais, a dous membros designados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e representación do Ateneo Republicano de Galicia, da Real Academia Galega, do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, ademais de dous membros designados pola Universidade da Coruña e dous profesionais da investigación ou historiadores de recoñecido prestixio designados polo alcalde, e tamén á directora do Arquivo Municipal.

Entre as funcións deste órgano estará a emisión de informes sobre aqueles proxectos ou programas relativos ás políticas municipais dirixidas á recuperación da memoria persoal e familiar das  vítimas da guerra civil e a ditadura e á atención e apoio aos seus descendentes directos, especialmente no referente á oficina de atención ás vítimas, así como o asesoramento e a proposición de medidas que contribúan á recuperación da memoria, ao restablecemento dos dereitos dos descendentes das vítimas e á mellor comprensión social das causas e consecuencias da persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a ditadura. Do mesmo xeito, o Consello terá entre as súas competencias a de garantir a participación plural dos diferentes axentes sociais na formulación das políticas municipais de recuperación da memoria e apoio aos descendentes das vítimas, e a de impulsar a coordinación e cooperación con outras administracións públicas e entidades privadas que traballen na consecución dos obxectivos de recuperación da memoria democrática, ademais de promover espazos de estudo e debate en relación coas materias da súa competencia.

O acto celebrado esta tarde no peirao de Oza pechouse co descubrimento dunha peza  escultórica en homenaxe aos integrantes do Batallón Galicia realizada polo artista Jorge Pastor e que quedará instalada no porto de Oza, lugar no que a milicia partiu cara a Asturias o 5 de xaneiro de 1937, a bordo na lancha La Libertaria. Na homenaxe participaron, xunto co alcalde e representantes da ARMH, a familia de José Moreno Torres, comandante do Batallón Galicia, e representantes de entidades veciñais, sindicais e sociais da cidade- rendeuse homenaxe aos integrantes do Batallón Galicia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible