26 de xaneiro de 2018
O alcalde, Xulio Ferreiro, preside esta tarde o acto de entrega do Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Webber esta tarde no Pazo de María Pita
A edil Rocío Fraga recolleu onte, no marco do V Seminario Sobre Xestión Policial da Diversidade, un galardón aos servizos policiais municipais polo seu labor en materia de protección animal
O Concello da Coruña recibirá esta tarde, no Pazo de María Pita, o Premio Internacional de Políticas de Protección Animal da Fundación Franz Weber, un galardón outorgado pola organización sen ánimo de lucro e que pon en valor o traballo realizado polo goberno local para a posta en marcha de diversas políticas para o benestar animal, que se suma ao que recolleu na noite de onte a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, durante a celebración do V Seminario sobre Xestión Policial da Diversidade, celebrado en Fuenlabrada, en recoñecemento do traballo da Patrulla Verde do 092 neste ámbito. Fraga, responsable da área de Seguridade Cidadá do Concello, recolleu o premio, que outorga a Plataforma para a Protección Animal, acompañada por membros dos servizos municipais de seguridade. "O recoñecemento vén poñer en valor o traballo que o goberno local e a Policía Local están a realizar nestes dous últimos anos, nos que se favoreceu a aposta por un corpo comunitario, sensible ás diversidades e ao medio ambiente, como referenda a aposta pola participación no programa PIPE, ou mesmo o aumento de axentes na propia Patrulla Verde, que desenvolve un labor fundamental de cara a sensibilizar á cidadanía en relación ao coidado do espazo público e medio ambiente", expresou a concelleira, que está participa no encontro, que o ano pasado "tamén recoñeu a boa xestión das diversidades da Policía Local da Coruña a través do galardón Daniel Wagman, outorgado pola Plataforma pola Xestión Policial da Diversidade. "Que unha cidade como A Coruña reciba, dous anos seguidos, premios pola xestión e boas prácticas, é un indicador de que estamos a avanzar no bo camiño", afirmou a edil.
En canto ao acto de concesión do galardón da Fundación Franz Weber comezará ás 19.00 horas e estará presidido polo alcalde, Xulio Ferreiro, e permitirá "poñer en valor"-segundo apunta a concelleira de Medio Ambiente, María García- o compromiso do executivo coruñés coa implantación de políticas de respecto e coidado ao medio natural e de benestar animal, así como "o inxente labor feito ao longo destes dous anos polo Concello, para reverter a situación na que se encontraba a cidade neste eido". Como expón a edil, o goberno municipal tivo entre as súas prioridades a eliminación de calquera actividade que implique o maltrato animal "desde o primeiro día, como foi rematar coas axudas ás touradas nas Festas, ou o emprego de seres vivos en citas como a Feira das Marabillas ou na Cabalgata de Reis". A edil tamén destacou os "numerosos recursos e ferramentas municipais que se destinan "á cocienciación e a implicación cidadá para favorecer a corresponsabilidade e a convivencia entre persoas e animais no espazo público", e nas que están implicadas diferentes áreas. "A cuestión animalista é tranversal, e así debe ser abordada", sentencia García.
No acto, que terá lugar no salón de sesións do Pazo Pazo municipal, tamén estará presente o director da Fundación Franz Weber, Leonardo Anselmi, así como outros representantes da entidade, que ofrecerán dous parladoiros. Así, Irene Torres, avogada da Fundación, abordará o marco legal do benestar animal no que se sitúa o Concello, tanto no ámbito autonómico como local, e Rubén Pérez, responsable de campañas da entidade, dará conta das actuacións en materia de protección animal postas en marcha polas asociacións e voluntariado á fin de colaborar coas medidas postas en marcha polo goberno local e que veñen de seren premiadas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible