9 de novembro de 2019
O inventariado rexistrará as carencias en materia de seguridade dos inmobles que superan as nove plantas e as recomendacións para acceder a eles da mellor forma
Seguridade Cidadá realizará un inventario dos edificios altos da cidade debido á situación de perigo que presentan a meirande parte deles ao incumpriren algunhas das medidas de prevención e protección en caso de incendio, tanto na evacuación das persoas ocupantes como na extinción. En concreto, na Coruña están rexistrados preto de 70 bloques de 15 ou máis plantas, polo que a unha parte deses pisos non poden acceder os Bombeiros con vehículos de altura; outros 80 suman entre 12 e 14 plantas e moitos están entre 9 e 11. Nestas dúas últimas categorías chegarían co Bronto. Se a iso se lle suma que a maior parte son inmobles de certa antigüidade que non teñen a obriga de cumprir coas normas de seguridade actuais e non dispoñen de ascensor, fai que as intervencións se prolonguen varios minutos debido tamén a todo o material que teñen que portar as persoas operarias.
Nese inventario recompilarán información sobre o ano de construción, o seu uso (vivendas, oficinas...), os sectores de incendio, as saídas de evacuación, as comunicacións do edificio,
o número de ascensores, a ventilación e os locais con riscos especiais como a sala da caldeira e combustibles. Tamén quedarán rexistradas outras cuestións como a cantidade de extintores, os BIES, columna seca, sistemas de detección e alarma de incendio e a instalación automática de extinción (rociadores).
O persoal encargado de facer o informe comprobará se os bloques contan con mantemento e documentarano con fotos, igual que os hidrantes. Deste xeito, definirán a entrada recomendada para os bombeiros e valorarán a posible evacuación ou confinamento das e dos residentes afectados. Por outro lado, definirán o percorrido así como o tren de saída ideal e confirmarán se existe un acceso pola fachada, o tipo de fiestras e onde poderán situar o vehículo de altura. Igualmente deixarán arquivada a mellor forma de facer o tendido (oco de escaleiras, mangueiras, extras...).
Cada edificio terá unha ficha con toda esa información á que terán acceso nos ordenadores de control, nas unidades móbiles dos sarxentos e no propio inmoble, nun apartado habilitado para iso e que poderá conter tamén unha copia das chaves dos cuartos das caldeiras e das caixas dos ascensores.
O estudio farase por fases cunha primeira que abranguerá os de 14 ou máis plantas e cunha segunda para os que acadan os 12 e 13 pisos. Para realizalo, desde o Concello contactarán coas persoas responsables das comunidades de veciñas e veciños, que autorizarán a presenza e a quen lles pedirán colaboración de cara a facer os informes o máis completos posibles. O inventario poderá ampliarse a garaxes e empresas que contan con convenios con bombeiros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible