Concello da Coruña

Concello da Coruña

Rutas e contorna

Contorna da Torre

A contorna da Torre de Hércules, declarada Espazo Natural de Interese Local, é unha extensión de terreo de 47 hectáreas percorrida por carreiros, ideais para as camiñadas que nos permitirán gozar da paisaxe e da súa diversidade biolóxica, achegarnos ás pequenas calas e sorprendernos ante os cantís bañados polo Atlántico.

Este grande espazo natural en plena cidade serve de lugar de lecer onde se borran os límites entre o patrimonio natural e o cultural.

A área acolle unha gran diversidade biolóxica, presente tamén nas pozas permanentes e estacionais que existen nos rochedos litorais e no interior. Chegáronse a rexistrar máis de cincocentas especies autóctonas, entre aves, insectos, fungos e plantas. Hai que destacar a presenza dunha especie nativa considerada vulnerable, a Armeria marítima, máis coñecida como herba de namorar ou clavelina de mar. Entre as aves, cincuenta e cinco delas están incluídas en diversos catálogos e convenios de conservación, xunto con insectos e pequenos mamíferos.

A impresionante paisaxe que arrodea á Torre de Hércules ten sete hábitats de interese comunitario catalogados segundo a seguinte denominación: bancos de area cubertos permanentemente por augas pouco profundas, arrecifes, vexetación anual sobre refugallos mariños acumulados, vexetación perenne de bancos de callaos, cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas e breixos secos europeos.

Hai que engadir que a contorna da Torre de Hércules, xunto co seu Parque escultórico, foi tamén zona de baterías militares e testemuña de varios soados naufraxios ao longo da historia, coma os do petroleiro Urquiola, o mercante noruegués Rytterholm ou o Mar Exeo.

A contorna da Torre de Hércules é un lugar ideal para achegarse á natureza, un raro privilexio non só do monumento, senón tamén da cidade, xa que a poucos minutos andando desde o centro ofrece unha paisaxe sen igual e unha gran variedade biolóxica ao alcance de todos os sentidos.

A Alianza

A Torre tamén forma parte da Alianza de Paisaxes Culturais Patrimonio Mundial. Esta iniciativa está orientada a conservar a riqueza daqueles espazos declarados Patrimonio Mundial e a fomentar a investigación e divulgación dos mesmos.

  • Fauna na contorna da Torre

  • Flora na contorna da Torre

  • Que che parece esta sección?

    -101-101-101

    Síguenos en

    Iniciar sesión