Urbano Lugrís, Museo de Belas Artes da Coruña
Tanto na arte como na literatura, a Torre de Hércules deixou a súa pegada.
Son dignas de destacar as obras de Luis Seoane, as paisaxes inquietantes de Urbano Lugrís, sempre presididas pola Torre, as vistas un tanto subxectivas de Francisco Lloréns, Francisco Fernández Moratinos ou de Alejandro González Pascual, sen esquecer as panorámicas de Ferrant. Pero sen dúbida, o artista que deu unha versión máis libre da Torre foi Pablo Ruiz Picasso. Cando aínda estaba a descubrir os segredos da pintura, durante os anos que viviu xunto á súa familia na Coruña, pintou varios óleos da Torre e un debuxo no que a transforma nunha suxestiva "torre de caramelo".
Un capítulo moi destacado na vinculación da Torre de Hércules coa arte hai que dedicarllo ao multifacético Luis Seoane, artista coruñés nado en Buenos Aires que non só escribiu sobre o monumento, senón que tamén fixo a súa achega plástica coa Homenaxe á Torre de Hércules, unha publicación que en 1946 foi escollida pola Pierpont Morgan Library e o American Institut of Graphic Arts como un dos mellores libros ilustrados entre 1935 e 1945. Houbo outro español galardoado na mesma ocasión e polo mesmo motivo, Pablo Ruiz Picasso, pola ilustración da Historia natural de Buffon.
A Homenaxe á Torre de Hércules de Luis Seoane reúne 49 ilustracións prologadas por Rafael Dieste, que parecen adiantar o programa pictórico que o artista vai desenvolver ao longo da súa vida creativa. Así, a Torre convértese na orixe e no eixe da fantasía do poeta e do pintor, que dende a altura do monumento ou dende a distancia do emigrante afirma que "tamén algunha vez quixen ver a costa de Irlanda da que falaban os vellos coruñeses e non busquei o horizonte despexado dun bo día claro... Senón que me abondou con pechar os ollos para vela, e aínda así era unha tarde de espesa néboa".
Luis Seoane. Homenaxe á Torre de Hércules
Literatura
Os testemuños literarios son de grande interese. Destacan os artigos de Emilia Pardo Bazán, os contos de Wenceslao Fernández Flórez, os sainetes de Linares Rivas ou os poemas de Amor Meilán e de Emiliano Balas. Tamén Álvaro Cunqueiro, Emilio González López, César Antonio Molina, o mencionado Luis Seoane, Manuel Rivas e Rafael Dieste se ocupan da Torre de Hércules dende o punto de vista literario. E non podemos deixar de mencionar a moitos viaxeiros, desde John Adams e Alexander von Humboldt, no século XVIII, a Camilo José Cela e Víctor Luis Molinari, no XX.
Nese contexto, o faro é a luz que orienta o camiño e que conduce ao porto, é a imaxe do regreso, da feliz navegación, e por iso se converteu nun símbolo, nunha icona que pasou a formar parte da memoria colectiva da nosa sociedade. Así, cando a finais do século XIX e principios do XX os barcos transoceánicos cargados da emigración galega, camiño de Latinoamérica, partían do porto da Coruña e enfilaban a bocana cara ao Novo Mundo, ao pasar xunto á Torre minoraban as máquinas dos vapores e facían soar as súas sirenas por tres veces, nun ritual amargo e emotivo de despedida. Era o último adeus ante o faro, símbolo da terra que deixaban atrás, para todos eses homes e mulleres que cargados de ilusión abandonaban a súa terra por un futuro mellor.
Pero a emigración galega, enraizada á terra natal, levaba nas súas lixeiras equipaxes a imaxe da Torre de Hércules, que empezou a brillar de novo con forza desde o outro extremo do océano grazas aos artigos que os intelectuais publicaron en revistas da emigración. Non hai unha soa delas que entre 1890 e 1960 non conte cun artigo dedicado á Torre, onde a morriña e a saudade se fan evidentes.