Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de xaneiro de 2025

A Cabalgata de Reis variará lixeiramente o seu percorrido inicial, con paso pola avenida Fernández Latorre en troques da rúa Ramón y Cajal

A medida tomouse para evitar os puntos máis expostos ao vento. Manteranse os mesmos horarios previstos inicialmente

A Cabalgata de Reis prevista este domingo 5 na Coruña variará moi lixeiramente o seu percorrido inicial, que ao seu paso polo barrio de Catro Camiños discorrerá finalmente pola avenida Fernández Latorre en troques da rúa Ramón y Cajal. O resto do traxecto, con saída desde a rolda Camilo José Cela, en Monelos, e chegada a María Pita, manterase.

Esta medida "tómase co obxectivo de reforzar a seguridade da cidadanía en base ás condicións meteorolóxicas previstas esta fin de semana e, concretamente, o domingo", expuxo o concelleiro Gonzalo Castro. O motivo para este cambio no percorrido inicial é o de evitar as zonas máis expostas ao vento.

O Concello sigue pendente da evolución meteorolóxica nas próximas horas, mais cos datos dispoñibles a Cabalgata manterase o día 5 cos horarios previstos e cumprindo con todos os requisitos de seguridade que segundo os criterios dos técnicos fan viable o evento. 

A saída, este domingo ás 18.00 horas desde a rolda Camilo José Cela, en Monelos

A comitiva partirá este domingo 5 desde o barrio de Monelos. Concretamente desde a rolda de Camilo José Cela, como xa fixo na última edición, ás 18.00 horas. 

O percorrido discorrerá pola avenida de Monelos e irá cara Alcalde Pérez Ardá e, xa a continuación, pola avenida Fernández Latorre e a Costa da Palloza, saíndo cara Linares Rivas e a praza de Ourense para emprender a marcha final polos Cantóns e a Marina, rematando como sempre na praza de María Pita, onde os reis saudarán aos nenos e nenas desde o balcón do Palacio Municipal.

Este ano a Cabalgata de Reis contará con 13 carrozas, seis municipais e sete de patrocinadores, seis trens e 18 espectáculos escénicos e de animación. Volverá a haber un tren solidario e participará a Fundación ENKI e un camión de bombeiros. A temática invernal, con fadas, animais, bonecos de luz e cor, acróbatas, seres máxicos e demais personaxes fantásticas que acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar.

Ademais, as e os figurantes que participarán este ano irán vestidos cunha indumentaria inspirada no ceo e nas estrelas, unha homenaxe polo 40 aniversario da apertura da Casa das Ciencias e o seu planetario, que se celebrará neste ano 2025.

Catro espazos específicos para persoas con mobilidade reducida

No contexto da Cabalgata de Reis, o Concello habilitará catro espazos diferenciados para facilitar o seguimento da comitiva ás persoas con mobilidade reducida.

Haberá superficies PMR nos seguintes puntos:

  • Esquina de confluencia entre as rúas Alcalde Pérez Ardá e Ramón y Cajal, fronte á estación de bus.
  • Praza de Ourense,
  • Avenida da Marina, diante da sede da Autoridade Portuaria.
  • Lateral da praza de María Pita, preto da rúa Troncoso.

Documentos:

Descarga aquí o PERCORRIDO ACTUALIZADO da Cabalgata de Reis 2025 na Coruña (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión