20 de septiembre de 2024
Dende esta tarde ás 16.00 horas abrirase en Palexco a ‘Feira da corredora’, con postos solidarios e deportivos vinculados á carreira da muller
Nereida Canosa presentou as actividades que terán lugar con motivo do evento, coa carreira o domingo a partir das 10.00 horas
Este domingo 22 de setembro celebrarase unha nova edición da Carreira da Muller na Coruña con récord de inscrición de participantes. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, presentou esta mañá as actividades que se levarán a cabo no evento, xunto con Montse Vázquez, presidenta Bolboretas Coruña; Vanessa Rama, de Oysho Running Club; Henar Calleja, voceira da Carreira da Muller; e Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
A carreira terá un percorrido de 6,5 quilómetros con saída e meta na avenida de Buenos Aires, fronte ao complexo deportivo de Riazor. Na saída homenaxearase a Sofía Toro, ouro olímpico e campioa do mundo de vela. Así mesmo, na presentación da carreira, entregóuselle a Amparo Alonso Betanzos unha boneca científica, no marco do proxecto #MásQueunaMuñeca da Carreira da Muller, Wanawake e Proxecto Esperanza. "'Elas andaron para que nós poidamos correr' é un lema utilizado en múltiples campañas para falar das mulleres referentes e reivindicalas e ese lema colle con esta carreira máis forza que nunca, xa que esa marea rosa inundará as rúas da Coruña para reivindicalas" explicou. Canosa lembrou o compromiso do Goberno de Inés Rey coa igualdade e a promoción do deporte dende unha perspectiva social.
Nesta nova edición, undécima na Coruña e no marco do 20 aniversario do circuíto, a carreira conta xa con case 7.000 persoas inscritas, 1.000 máis que o ano pasado. "Agradézollelo aos milleiros de coruñesas que este domingo amosarán o compromiso da Coruña coa igualdade, correndo por elas, polas loitadoras e tamén polas que xa non están a pesar de seguir loitando", sinalou Canosa. O obxectivo nesta edición 2024 da Carreira da Muller será superar en toda España o millón e medio de mulleres participantes dos últimos 20 anos, reunindo un total de 100.000 mozas nas liñas de saída das 9 probas que compoñen o circuíto nacional.
Así mesmo, a proba ten un compoñente solidario polo que ao finalizar o circuíto realizarase unha achega á Asociación Española Contra o Cancro de 80.000 euros e nesta edición, con motivo do 20 aniversario, tamén se realizarán doazóns de 1.000 € a Wanawake Muller, Fundación GEICAM, Asociación Clara Campoamor e a Asociación de Creadoras. En total, a cifra doada nestes 19 anos anteriores ascendeu 1.779.277 €, que se destinaron na súa maior parte á Asociación Española Contra o Cancro e a todo tipo de proxectos solidarios e científicos, fundacións e ONG. "Este ano a esa colaboración tamén se suman Bolboretas Coruña e ACADAR, que reivindican os dereitos das mulleres con discapacidade", explicou Nereida Canosa..
Ao acto tamén acudiron Marta López, da Xunta Directiva de ACADAR, Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia; Mikel Lois, da Asociación Española Contra o Cancro A Coruña; Seila Canosa, xestora de vendas de Galicia de TotalEnergies Electricidade e Gas; Dolores Estrada, directora Fundación San Rafael; Laura Sousa, directora da Piadina; Lucía Santos, coordinadora de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis; e Claudio Orjales, director de Termaria Casa da Auga.
Actividades paralelas
Logo da carreira, realizarase na zona de meta un festival de fitness e aeróbic, Ballet Fit e Zumba a partir das 11.00 horas. Ademais, Rocío DJ estará animando a zona de meta para que sexa unha gran festa deportiva.
Así mesmo, dende hoxe ás 16.00 abrirase a feira da corredora en Palexco. Estará hoxe e mañá, das 16.00 ás 20.00 horas, con diferentes postos solidarios e deportivos nos que participarán os patrocinadores da carreira.
Mañá, sábado 20, está prevista unha sesión de adestramento a partir das 10.00 horas da man de Oysho Running Club que sairá dende o Palacio de Deportes Riazor. Posteriormente, realizarán unha charla motivacional con Amagoia Eizaguirre baixo o título "A meta está en ti". O que o running me ensinou sobre a vida" a partir das 12.00 horas no Quiosco Alfonso, con capacidade para 80 persoas e inscricións xa abertas en liña.
Carreira da Muller Virtual
Tamén será posible inscribirse gratuitamente ás carreiras "virtuais" das nove cidades sedes do circuíto nacional, o que lles permitirá ás corredoras que o desexen sumar os 6,5 quilómetros de maneira individual en calquera lugar do mundo. A inscrición á proba virtual tamén incluirá a opción de poder recibir a camiseta Oysho oficial da Carreira da Muller 2024.
26 de septiembre de 2024
22 de septiembre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible