9 de octubre de 2018
O alcalde e a responsable do departamento acompañarán aos veciños e ás veciñas para amosarlles sobre o terreo as liñas de acción propostas polo Concello, así como recoller as súas suxestións. O paseo polo espazo, no que se creará a segunda gran área verde da cidade dentro do proxecto Bosques da Coruña, está convocado o xoves 11 de outubro ás 17 horas, con saída do aparcadoiro do cemiterio de Feáns.
A Concellería de Medio Ambiente presenta este xoves o proxecto do Bosque de Breogán, un novo espazo verde que recuperará unha área degradada en Feáns, nun roteiro aberto á veciñanza, no que se poderá coñecer a zona e a súa situación, así como as liñas de actuación que o goberno local ten previsto para convertelo nun gran espazo verde periurbano que potencie a naturalización da cidade. O Bosque de Breogán é o segundo dos grandes parques que ten previsto acondicionar o Concello dentro do programa municipal Bosques da Coruña, e que se sumará ao proxecto do Bosque das Cinco Illas no barrio de Os Rosales.
O alcalde, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Medio Ambiente, María García, acompañarán á veciñanza durante o roteiro durante o cal se poderá ver sobre o terreo as medidas previstas polo Goberno local para a recuperación e mellora do espazo, de 83.000 metros cadrados na súa zona central, entre as que se inclúen a plantación de especies autóctonas de árbores e de sotobosque, a creación dunha rede de sendeiros e a instalación de mobiliario para o lecer e o descanso. O paseo, que servirá para recoller as suxestións e impresións da cidadanía, está convocado para o vindeiro xoves día 11 ás 17 horas. A saída terá lugar do aparcadoiro do cemiterio de Feáns e será preciso levar calzado adecuado para terreos forestais.
O futuro Bosque de Breogán, que está en fase de anteproxecto, estará situado nos terreos do Concello entre o cemiterio de Feáns e a Urbanización Breogán. Esta zona, como indica a edil García, foi especialmente castigada pola construción de infraestruturas e tamén polo depósito de restos de obras, polo que o proxecto do Concello está dirixido á recuperación da zona, como maneira "de incrementar a naturalización da cidade, dotar ao municipio de máis zonas verdes e priorizar a conservación da natureza urbana e á biodiversidade". A proposta do Concello para o espazo consiste en acondicionar catro áreas con diferentes características, tipoloxías de vexetación e usos, nas que predomine a natureza e nas que se limite a intervención para manter a súa condición de bosque. Ademais, crearase unha rede de sendeiros principais e outra secundaria, de máis de catro quilómetros, para facilitar o tránsito e se potenciarán os antigos camiños. A iniciativa ten un orzamento inicial estimado de 450.000 euros, que se sufragará maioritariamente con fondos DUSI. O proxecto EIDUSCoruña está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (antes POCS).
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible