25 de septiembre de 2024
O concelleiro Gonzalo Castro participou hoxe no acto de presentación do certame, que inclúe actuacións na Fundación Luís Seoane, o planetario da Casa das Ciencias e as igrexas da Orde Terceira e As Capuchinas
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá no acto de presentación da sétima edición do Modulartec, un encontro cultural orientado á creación sonora que se desenvolve na cidade desde hai máis dun lustro, e que inclúe unha ampla oferta de concertos, conferencias, obradoiros e actuacións en directo, asociadas á música creada mediante a síntese modular.
A posta de longo da programación desta nova edición tivo lugar na Fundación Luís Seoane, unha das localizacións dun Modulartec que se realizará os días 3, 4 e 5 de outubro e que contará, ademais de coa propia Fundación Luís Seoane, coa colaboración da rede municipal de Museos Científicos Coruñeses.
Será precisamente no pioneiro da rede, a Casa das Ciencias, onde se abrirá o Modulartec deste ano. O xoves 3 de outubro, ás 21.00 horas, Rói Earan -XEaranX- abrirá o encontro deste ano cunha actuación no planetario. XEaranX é un estudoso e músico dende moi novo, que aos seis anos comezou co piano e aos sete iniciouse na gaita. Tras tocar en varias bandas de rock, formouse en arpa celta e especializouse na música tradicional e folk de Galicia.
Ademais, o mesmo xoves 3 e tamén no planetario, Borja Bernárdez, artista visual e metade do colectivo MIL111, presentará o seu novo proxecto en solitario, 'MAKYO'.
Un taller de formación con sintetizadores modulares
A xornada do venres 4 arrincará ás 18.30 horas na Fundación Luís Seoane, cun taller formativo deseñado para músicos, produtores e entusiastas da música electrónica que desexen profundar na creación de live sets utilizando instrumentos, hardware e sintetizadores modulares. Para inscribirse no taller é imprescindible enviar un correo electrónico ao enderezo lab@modulartec.com antes do mércores 3 de outubro, co nome completo e os datos do DNI.
Xa posteriormente, ás 21.00 horas, comezarán as actuacións de Francisco López, recoñecido internacionalmente como unha das figuras máis importantes do panorama da arte sonora e a música experimental. López foi galardoado catro veces con mencións honoríficas no concurso do Festival Ars Electronica e recibiu o Premio Qwartz 2010 á mellor antoloxía sonora.
Tras López será a quenda de L.A.R. Quicios, a partir das 22.30 horas.
Parautas pechará a programación da última xornada, na Fundación Luis Seoane
O sábado 4, última xornada do Modulartec 2024, contará con actividades repartidas entre a igrexa da Orde Terceira, a das Capuchinas e a Fundación Luís Seoane.
A programación do día comezará ás 17.00 horas en San Francisco, con Elena Córdoba, artisticamente coñecida como Novia Pagana, produtora musical, compositora e creativa audiovisual que conta cunha sólida traxectoria de postas en escena a través de concertos en diversos actos relacionados co teatro, o cinema, a danza, o deseño e as artes sonoras.
Xa ás 19.00 horas, nas Capuchinas, actuarán Laura Moyano e Juanma Cidron. A xienense, cun amplo percorrido profesional en xéneros como o ensemble barroco, a música de cámara, a ópera e a electrónica, estará acompañada por Cidron, que volve ao Modulartec tras a súa presenza no cartel do ano 2020.
O peche da xornada terá lugar na Fundación Luís Seoane e correrá a cargo de Collapse, ás 21.00 horas, seguidos de Iván Pavlov, artista sonoro e músico establecido entre Francia, Suecia e Rusia. A súa actuación, ás 22.00 horas, precederá á de Parautas, pseudónimo de Carlos Gómez, produtor e DJ santiagués que escolleu este nome en homenaxe ao seu bisavó. Actuará ás 23.00 horas.
No acto desta mañá, Gonzalo Castro estivo acompañado por Ricardo Ramos, director do Modulartec.
18 de noviembre de 2024
15 de noviembre de 2024
6 de noviembre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible