14 de outubro de 2024
Coa posta en marcha desta medida, o Goberno municipal busca adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade
A Xunta de Goberno Local dará luz verde este mércores aos trámites para completar o procedemento necesario para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) asuma a xestión do parque municipal de vivendas, unha iniciativa impulsada coa finalidade de adaptar o patrimonio residencial do Concello ás necesidades de vivenda social que se detecten na cidade a medio e longo prazo.
Inés Rey lembrou que, a día de hoxe, son máis de 400 os inmobles do Concello destinados a arrendamentos sociais, e a estes bens patrimoniais hai que sumar 26 locais, 76 prazas de garaxe e 63 rochos.
A data de inicio que marca o encargo a EMVSA para xestionar o Banco Municipal de Vivenda será o vindeiro 26 outubro e terá vixencia, de inicio, entre os anos 2025 e 2026. O Concello ten previsto destinar algo máis de 2 millóns de euros á esta iniciativa, que vai en sintonía con outra medida aprobada recentemente: a posta en marcha dun novo programa de asesoramento e orientación ás persoas arrendatarias para facilitarlles o acceso a vivenda na cidade.
Vivenda pública en Xuxán
O Concello tamén levará á Xunta de Goberno Local a licitación do servizo de asistencia técnica para a dirección das obras de construción dun edificio de 50 vivendas na parcela Z-37 en Xuxán, cun orzamento de 245.181 euros, repartidos en tres anualidades ata 2026.
As obras, que contan cunha cofinanciación do 22,92% a cargo dos fondos Next Generation da UE, pertencen ao programa de axudas á construción de vivendas en alugueiro social e edificios enerxeticamente eficientes. "A construción destas vivendas forma parte do noso compromiso coa sustentabilidade e o acceso á vivenda, seguindo os procedementos do Green Building Council España (GBCe)", conclúe Inés Rey.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible