25 de abril de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación completa do ciclo, que suma oito actuacións entre maio e decembro
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este venres a programación completa da segunda edición de Folk no Colón, un ciclo que se desenvolverá no Teatro Colón entre os meses de maio e decembro con grandes referentes da música tradicional galega, que suma neste segundo ano nomes internacionais como os escoceses Capercaillie.
"Este ciclo nace desde o convencemento do Goberno de Inés Rey de reivindicar as nosas raíces musicais e darlles o espazo que merecen nun dos escenarios máis emblemáticos da nosa cidade", sinalou Gonzalo Castro durante a rolda de prensa de presentación, na que estivo acompañado por Pepe Ferreirós (Milladoiro), Serxo Nunhes (Tiruleque) e Anxo Xesteira (Treixadura).
Durante o acto, os representantes dos grupos asistentes puxeron en valor o compromiso da cidade coa música tradicional. "Esperamos que A Coruña sexa faro e guía de Galicia na defensa da nosa música de raíz", afirmou Pepe Ferreirós, membro fundador de Milladoiro, quen destacou o papel exemplar do Concello da Coruña á hora de dignificar e visibilizar o patrimonio musical galego.
As entradas para os espectáculos anunciados no día de hoxe poñeranse á venda ao longo deste venres. Para os concertos de Treixadura e Abraham Cupeiro, xa anunciados, a venda xa está habilitada.
"Folk no Colón, nesta segunda edición, medra e amplía o seu cartel con grandes referentes da música galega e internacional", apunto Castro. O ciclo comezará o vindeiro 16 de maio coa actuación de Treixadura. Seguirá o 6 de xuño con Abraham Cupeiro, que presentará 'Loira', o seu último traballo.
Tras o verán, produciranse a meirande parte das actuacións, a partir de outubro, comezando coa primeira formación internacional do ciclo, os escoceses Capercaillie, que farán parada na cidade na súa próxima xira europea. Xa en novembro será a quenda de Milladoiro, outra das formacións de referencia da música galega, con case medio século de historia. Tamén en novembro actuará Felisa Segade, histórica pandereteira e cantareira de Leilía que presenta o seu terceiro disco, 'Cantares e contares'.
O ciclo pecharase en decembro con outros dos grandes nomes da música tradicional. Por unha banda, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre amosará todo o seu repertorio o día 20. O día 26 será a quenda de Carlos Núñez, o intérprete de música galega máis internacional, que volve a citarse co público coruñés nas datas de Nadal.
II Folk no Colón
22 de maio de 2025
19 de maio de 2025
15 de maio de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible