Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de xullo de 2024

A Tia Carroll Band abre mañá a nova edición do Festival Internacional +QJazz, cun concerto aberto ao público na praza de Azcárraga

A artista californiana, integrante do Salón da Fama do Blues, actuará a partir das 21.00 horas na Cidade Vella, acompañada pola súa banda

A Coruña acolle desde mañá unha nova edición do Festival Internacional +QJazz, unha proposta cultural na que o Concello colabora estreitamente coas principais salas de música en directo da cidade na posta en marcha dunha programación que inclúe ata seis concertos de prestixiosos artistas e agrupacións da escena jazzística mundial, nacional e galega.

Será Tia Carroll, toda unha integrante do Salón da Fama do Blues, a encargada de abrir o calendario de concertos do festival, cunha actuación aberta ao público, con acceso de balde, que terá lugar na praza de Azcárraga a partir das 21.00 horas.

A reputada artista californiana, unha das grandes voces do blues e o soul na actualidade, medrou escoitando a figuras como Tina Turner ou Stevie Wonder para, xa sobre as táboas, traballar a carón de lendas como Ray Charles. Carroll, que días atrás amosou a súa emoción pola súa volta a España e describiu esta experiencia como algo "marabilloso e espectacular", convidou á cidadanía a asistir e gozar da actuación prevista este martes na Cidade Vella.

A volta do Festival Internacional +QJazz forma parte da ampla programación cultural promovida polo Goberno de Inés Rey nesta tempada estival, con eventos previstos en todos os barrios. 

Christian McBride pechará o festival o día 9, no Teatro Colón

Xa este mércores 3, tras o concerto inaugural da Tia Carroll Band, será a quenda de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, dous músicos que se adentran nunha mestura de jazz, folk e música clásica. Ferreiro, coruñesa residente en Madrid, presentará o seu novo traballo 'Camiño'. A actuación terá lugar no Jazz Filloa, en dúas sesións (21.45 e 23.00 horas).

A programación do +QJazz continuará o 4 de xullo na Sala Mardi Gras (21.30 horas), coa actuación da Joe Lastie's New Orleans Sound. Lastie, criado nunha saga familiar de grandes artistas á batería, acompañou durante a súa traxectoria a Irma Thompson, Allen Toussaint e The Blind Boys of Alabama, entre outros.

O festival seguirá o venres 5 co concerto do James Carter Organ Trio no Garufa Club (22.00 horas), onde tamén terá lugar a actuación de Los Hot Chocolates, xa o sábado 6 (22.30 horas).

O prato forte do festival será o Christian McBride Quintet, que actuará no Teatro Colón o martes 9 de xullo, ás 21.00 horas, na xornada de clausura. McBride, baixista, compositor e director de banda, gañador de oito premios Grammy, estará acompañado na Coruña de catro talentos emerxentes: a saxofonista Nicole Glover, a guitarrista Ely Perlman, o pianista Mike King e a baterista Savannah Harris.

As entradas da nova edición do Festival Internacional +QJazz xa están á venda. No caso do concerto previsto no Teatro Colón, a través da páxina web de Ataquilla e no despacho de billetes do quiosco da praza de Ourense. Tamén se poden adquirir os pases para as actuacións que terán lugar no Garufa Club, Jazz Filloa e Sala Mardi Gras.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión