Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

25 de octubre de 2024

As entradas para asistir aos concertos de Morissette e Richie xa están á venda desde este venres

Alanis Morissette e Lionel Richie actuarán no Coliseum da Coruña no vindeiro 2025

O calendario de concertos previsto no Coliseum incorpora dúas novas figuras internacionais que dan un pulo máis á programación prevista o ano que vén, con Lenny Kravitz xa confirmado

Dúas novas estrelas da música internacional sumaranse ao calendario de concertos previsto o ano que vén no Coliseum, que incorpora á súa programación a Alanis Morissette e Lionel Richie, dous artistas consagrados e aclamados a escala mundial, gañadores de premios Grammy ao longo da súa traxectoria.

Morissette, canadense de nacemento, é unha das cantautoras máis influentes da época contemporánea. O seu percorrido ten un punto de inflexión coa publicación do álbum "Jagged Little Pill", que en 1995 a elevou ao cume do pop internacional, colleitando o aprecio da crítica e tamén dun público que, xa máis recentemente, tras a pandemia, apoiou a Morissette na súa volta aos escenarios, pouco despois da estrea do seu noveno álbum de estudio, "Such pretty forks in the road". Foi nunha xira masiva que a levou por cidades dos Estados Unidos, Canadá, Sudamérica, Europa e Asia.

Agora, a cantante de Ottawa regresa cunha nova xira, "Triple Moon Tour", que durante o pasado verán deixou un balance de 600.000 entradas vendidas para 35 datas en Norteamérica. A continuación da xira xa en continente europeo suporá o seu desembarco na Coruña, nun concerto que terá lugar o 9 de xullo de 2025.

O primeiro concerto de Lionel Richie en Galicia, na Coruña

Tamén a finais de xullo, concretamente o día 31, será o turno de Lionel Richie, que actuará no Coliseum dentro da súa xira europea 'Say hello to the hits'.

Será a primeira vez que a superestrela internacional actúe en Galicia, e fará parada na Coruña no contexto dun intenso calendario que arrancará en Belfast o 31 de maio, con 27 espectáculos previstos en 16 países do continente.

'Say hello to the hits' é un tributo máxico ao legado de Richie, un dos grandes compositores e artistas da música e tamén unha icona cultural, que ao longo do seu percorrido profesional gañou premios Grammy, Oscar e Globos de Ouro, vendendo máis de 125 millóns de discos.

Os concertos anunciados súmanse ás grandes figuras que actuaron ao longo dos últimos anos na Coruña, dentro dunha estratexia posta en marcha polo Goberno de Inés Rey para converter a cidade nun referente para os grandes eventos no noroeste peninsular.

A venda de entradas habilitouse este venres

As persoas interesadas en adquirir entradas de cara aos concertos de Alanis Morissette e Lionel Richie na Coruña xa poden facelo desde esta mañá.

No caso dos pases para asistir á actuación da artista canadense, habilitouse a súa venda a través das webs de Ataquilla, Livenation e Ticketmaster. Tamén se poden mercar fisicamente no despacho de billetes da praza de Ourense, aberto en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas. O custo parte dos 45 euros, máis gastos de distribución.

Para adquirir as entradas do concerto de Lionel Richie, as opcións dispoñibles son as páxinas web de Ataquilla, Livenation, Ticketmaster e El Corte Inglés. Os pases, a partir de 55 euros.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión