20 de octubre de 2024
A competición desenvolveuse esta fin de semana na praia do Matadoiro, cunha grande afluencia de público aos diferentes eventos
Andy Criere e Lucía Machado proclamáronse este domingo campión e campioa de España de surf na modalidade Open tras a disputa da última xornada do campionato 'A Coruña King and Queen of the Bay'. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de entregarlles os trofeos, nun acto celebrado xunto a fonte dos surfistas.
A competición celebrouse durante esta fin de semana na praia do Matadoiro e reuniu a medio cento dos e das mellores surfistas do país. A delegación máis numerosa foi a de Galicia con 11 persoas. Tamén participaron oito deportistas de Canarias, 12 do País Vasco e 10 de Cantabria e sete de Asturias. Destacou a presenza do deportista olímpico Andy Criere, Yago Domínguez (País Vasco) e Luis Díaz (Canarias). Na proba feminina as favoritas foron as canarias Lucía Machado e Sol Borelli e a asturiana Enara Palacios.
Por outra banda, o surfista de Zarautz Rubén Vitoria acadou o Trofeo Tito Fariña á mellor ola do campionato, conseguindo unha impresionante puntuación de 9,25. Este trofeo, que lembra a memoria do surfista local xa falecido Tito Fariña, foi entregado polo seu amigo e lenda do surf coruñés, Chicho Torreiro, nun emotivo momento no que rendiu homenaxe a unha figura emblemática da cidade.
A competición congregou a un gran número de asistentes e afeccionados ao mundo do surf na contorna da praia do Matadoiro, onde se levaron a cabo durante os últimos tres días numerosas actividades, todas elas gratuítas. Con este campionato o Goberno de Inés Rey volveu a amosar a capacidade que ten para organizar grandes eventos deportivos na cidade.
A competición deportiva estivo financiada polo Plan de Sostibilidade Turística A Coruña Sostible e Dixital, cuxas actuacións son financiadas a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.
25 de octubre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible