12 de abril de 2025
A iniciativa continuará na súa modalidade en liña durante os meses de abril e maio
As Bibliotecas Municipais da Coruña participaron esta semana no proxecto internacional Learn to Check, unha iniciativa educativa e divulgativa que pretende reflexionar sobre a desinformación e achegar a verificación dixital e a educación mediática á sociedade. Este proxecto ofrece ás bibliotecarias e bibliotecarios participantes formacións, recursos en aberto e colaboración mediante diferentes accións.
A delegación das Bibliotecas Municipais Coruñesas participou o pasado martes na xornada inaugural, estando presentes en diferentes eventos programados nos que se contou coa presenza de máis de 70 bibliotecarios e bibliotecarias do país. Este proxecto está enmarcado nas XXVI Xornadas de Xestión da Información de SEDIC e levou por lema: 'Non esquecer: Leccións aprendidas en innovación e serendipia na xestión da información'.
"Desde o Goberno de Inés Rey cremos que nos tempos que corren é máis necesario que nunca verificar as informacións que chegan á cidadanía e por iso apoiamos que o persoal das Bibliotecas Municipais participe nesta iniciativa", dixo Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. O obxectivo do proxecto é fortalecer o papel das bibliotecas como axentes crave na loita contra a desinformación, a través dunha formación especializada en AMI. Participaron bibliotecas de Andalucía, Murcia, A Rioxa, Galicia, Asturias, País Vasco, Estremadura, Canarias, Castela-A Mancha, Madrid, Castela e León, Comunidade Valenciana, Navarra e Aragón.
Agora a formación continuará en modalidade en liña durante os meses de abril e maio. A partir de xuño, o equipo de Learn to Check acompañará aos profesionais no deseño e desenvolvemento de actividades AMI adaptadas ás necesidades das súas comunidades. Ademais, os participantes terán a oportunidade de integrarse nunha rede internacional de bibliotecas comprometidas coa alfabetización mediática e compartir experiencias con outros profesionais de Irlanda, Portugal e outros países europeos.
22 de abril de 2025
21 de abril de 2025
20 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible