23 de decembro de 2024
A conclusión dos traballos para a remodelación e ampliación da avenida está prevista no segundo semestre do ano 2026, aproximadamente
A alcaldesa, Inés Rey, e o director xeral de Carreteras del Estado, Juan Pedro Fernández Palomino, visitaron esta mañá as obras de remodelación para ampliar a avenida Alfonso Molina, unha intervención na que o Goberno central e o Concello están a traballar de forma conxunta desde hai un ano, e cuxa conclusión está prevista no segundo semestre do ano 2026, aproximadamente.
A rexedora amosou hoxe o agradecemento e implicación do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, "tanto do ministro Óscar Puente como do seu equipo, cunha intervención que a cidade demandaba desde hai máis de vinte anos e que, agora, é unha realidade" coa que se busca solucionar os nudos que provocan a miúdo as retencións de vehículos na principal porta de acceso á Coruña.
Cada día, uns 50.000 vehículos saen da AP-9 en dirección á Coruña. Son só unha parte dos máis de 120.000 que, a diario, absorbe especificamente a avenida Alfonso Molina. "A ampliación da avenida, en máis de dous quilómetros en ambos os lados, axudará a mellorar as conexións, tamén a facilitar a distribución dos vehículos pesados que chegan desde A Pasaxe en dirección aos polígonos da cidade, permeabilizando máis a comunicación na vía", indicou Inés Rey.
Tal e como se informou previamente, na presentación do proxecto para a ampliación de Alfonso Molina, está previsto levar a cabo un plan de integración ambiental, "que limite e minimice o impacto con barrios limítrofes como Xuxán e Matogrande". Entre as actuacións previstas destaca a creación de novas sendas peonís e ciclables, tamén de áreas verdes nas que o arboredo faga de elemento divisorio e protector entre as áreas residenciais e a estrada.
O director xeral de Carreteras del Estado, Juan Pedro Fernández, precisou hoxe que, ao longo deste último ano, "se llevaron a cabo múltiples actuaciones, a menudo invisibles para el conductor", mais necesarias "para que ya en los primeros meses del 2025 se ejecuten las obras en la carretera, con la ampliación de estructuras".
Fernández apuntou á boa sintonía existente co Concello e a Dirección General de Tráfico (DGT) "para minimizar el impacto en la movilidad, sabiendo que es una intervención compleja y costosa, pero que será muy positiva y beneficiosa para la ciudad". A este respecto, a alcaldesa pediu "paciencia e comprensión", sabendo que haberá alteracións ao tráfico nos vindeiros meses. "Levamos moitos anos agardando esta obra", expuxo Rey.
A previsión do MITMA é que os traballos para remodelar e ampliar Alfonso Molina, que suporán un investimento de máis de 20 millóns de euros, estarán finalizados a finais do ano 2026.
Evitar o trenzado de carrís, unha das claves da actuación
No acto desta mañá, Rey e Fernández supervisaron as actuacións que se están levando a cabo na contorna da Agra do Foxo, moi preto do vial de acceso que desde a AP-9, facilita a entrada á cidade. Neste punto, o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible (MITMA) está a delimitar o futuro carril que permitirá mellorar a circulación do tráfico rodado que provén da Pasaxe.
A este respecto, e grazas ao retranqueo dun muro efectuado nas instalacións da antiga Fábrica de Armas, os vehículos que, desde a ponte da Pasaxe, accedan á cidade por Alfonso Molina, poderán entrar directamente a Matogrande sen trenzar ningún carril, xa que o novo vial irá pegado aos muros da Cidade das TIC, o que suporá unha mellora substancial da seguridade e o tráfico.
23 de decembro de 2024
12 de decembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible