6 de septiembre de 2024
O Concello abrirá o vindeiro luns un prazo extraordinario ate o mes de xaneiro, con 105 prazas dispoñibles en toda a rede
Inés Rey: “A gratuidade das Escolas Infantís supuxo un investimento de case 10,2 millóns de euros dende a súa posta en marcha”
A Rede de Escolas Infantís Municipais da Coruña iniciou esta mañá o novo curso 2024-2025 con 590 nenos e nenas entre os oito centros educativos que a integran. Trátase do quinto curso consecutivo con gratuidade, logo da posta en marcha polo Goberno de Inés Rey no curso 2020-2021. En total, 590 nenos e nenas estarán no conxunto da rede, sendo a EIM Arela, en Elviña, a máis numerosa.
A alcaldesa, acompañada do concelleiro de Educación, Innovación e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, visitou a EIM Luís Seoane no inicio da actividade lectiva que este ano acollerá a 88 nenos e nenas entre os do propio centro e os da Escola Infantil de Monte Alto, instalados dende o pasado curso pola rehabilitación do Mercado.
Rey fixo balance do primeiro lustro de gratuidade da REIM, unha medida pioneira en Galicia e liderada polo Goberno local co obxectivo de axudar ás familias coruñesas: "En total, a gratuidade das Escolas Infantís supuxo un investimento de case 10,2 millóns de euros dende a súa posta en marcha" sinalou a alcaldesa.
Durante os cursos 20-21 e 21-22 o investimento foi de 2,2 millóns de euros por curso, incrementándose nos cursos 22-23 e 23-24 a 2,9 millóns de euros pola ampliación horaria de 6 a 8 horas. Dese xeito, o Concello chegará aos 13 millóns de euros de investimento este curso. "Só por poñer en contexto, a reurbanización de Xuxán contou con 11,6 millóns de euros e o Mercado de Monte Alto con 10,4 millóns, case o total do investimento realizado a día de hoxe" explicou Rey.
Case medio millón de euros en actuacións de mellora
De xeito paralelo ao investimento por gratuidade da praza nas EIM, o Concello realizou diversas intervencións de mellora nos últimos catro anos que chegan case ao medio millón de euros. Son exemplo o cambio de luminarias led realizado no 2021 na Escola Carricanta ou o arranxo da fachada na Escolas dos Cativos. Tamén o arranxo do patio e da cuberta, xunto co recente acondicionamento das aulas para acoller ao alumnado de Monte Alto, na EIM Luís Seoane.
Máis de cen novas prazas dispoñibles a partir deste luns
O Concello abrirá un novo prazo extraordinario de solicitude este luns 9 de setembro con 105 prazas dispoñibles nas oito escolas da rede. A máxima oferta, 69 prazas, é na franxa 2-3 anos e a Escola Municipal Infantil con máis oferta é a EIM Os Cativos, no barrio de Palavea.
Co obxectivo de facilitar e axilizar o ingreso na REIM o prazo amplíase ate o vindeiro 15 de xaneiro. Deste xeito, as familias poderán enviar a súa solicitude nos vindeiros cinco meses para calquera das EIM sempre que queden prazas vacantes dispoñibles.
A publicación dos listados e número de prazas dispoñibles pode consultarse na web www.edu.coruna.gal.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible