Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xullo de 2024

Comezan as obras de urbanización do Sector 2 de Visma, unha intervención que suporá a creación de case 90.000 metros cadrados de áreas verdes e de lecer

O Concello xa está a xestionar o traslado das hortas urbanas do Ágora, que serán reubicadas de forma provisional, como paso intermedio á construción das novas instalacións ás que se comprometeu o Goberno de Inés Rey

Esta semana darán comezo as obras de urbanización do Sector 2 de Visma, que se desenvolverán en paralelo á construción de edificios de uso residencial dun ámbito no que se prevé a construción de case 3.600 vivendas antes do ano 2030, das que unha cuarta parte serán de protección oficial.

Tal e como se anunciou a finais de decembro, cando o se aprobou o proxecto en Xunta de Goberno Local, estímase que serán case 90.000 os metros cadrados de espazos públicos nos que se crearán novas zonas verdes, áreas de lecer e tamén de xogo. Entre as superficies que se acondicionarán para o uso e lecer das veciñas e veciños se prevé un gran parque entre a rúa Alcalde Jaime Hervada e o bordo da Terceira Rolda.

A isto sumaranse, ademais, os 86.000 metros cadrados de viario, sendas peonís e de carril bici que haberá no barrio toda vez rematen as obras de urbanización do Sector 2, aos que se sumarán case 50.000 máis reservados para equipamentos municipais.

Neste sentido, ao longo destes días, a xunta promotora comezará cos movementos de terras precisos para a execución dos traballos. Durante a primeira fase das obras, a maior parte do soar fronte ao Ágora que ten uso como aparcadoiro seguirá tendo dito uso, salvo un 30% que é imprescindible para o acceso e execución das obras de urbanización. No 2025, cando sexa necesario ocupar ese espazo, a Xunta promotora habilitará outro espazo de estacionamento. Cando finalicen as obras de urbanización teranse creado 1.786 novas prazas de estacionamento en superficie, ademais de 287 nun nuevo aparcadoiro público municipal.

"O de Visma é un proxecto estratéxico para o Goberno de Inés Rey. Significará a creación dun novo barrio da cidade despois do impulso que está recibindo Xuxán, e suporá máis de 3.500 vivendas que forman parte do Plan Estratéxico de Vivenda 2025-2030. O obxectivo é que ao longo do ano 2027 se poidan entregar as primeiras", explicou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.

A este respecto, Lage lembrou que en setembro de 2023 se constituíu o grupo de traballo asociado ao desenvolvemento de Visma, onde participan diferentes servizos municipais, concelleiros, técnicos, os representantes da Xunta de Propietarios e asesores legais dos promotores para axilizar a tramitación e darlle a maior seguridade posible a cada trámite.

"O obxecto de ter constituído este grupo de traballo foi darlle un impulso definitivo a este proxecto para que poida ver a luz durante o ano 2027. O primeiro paso relevante prodúcese en decembro de 2023 coa aprobación en Xunta de Goberno Local da licencia para a urbanización dos terreos", expuxo Lage sobre un proxecto no que o executivo local levaba a traballar catro anos para permitir a súa materialización.

Un novo emprazamento provisional para as hortas urbanas do Ágora

Tal e como se expuxo a finais de decembro, cando o Concello aprobou o proxecto de urbanización de Visma, as hortas urbanas lindeiras ao Ágora serán reubicadas, de forma provisional, nunha parcela municipal próxima ao CEIP de San Pedro de Visma.

A parcela onde están situadas actualmente as ecohortas contémplase, a futuro, como unha zona de espazos libres, como área de lecer, o que faría inviable mantelas na localización na que se atopan a día de hoxe. O Concello, a través da Concellaría de Medio Ambiente, xa está a xestionar o próximo traslado das ecohortas á contorna do colexio. O traslado farase despois do verán para que os usuarios e usuarias das hortas poidan recoller a colleita, e o próximo espazo estará listo antes da primavera do 2025, para que os usuarios poidan realizar as plantacións de tempada. 

Unha segunda vida para a Arqueta dos Frades

Cómpre destacar, ademais, que as obras de urbanización de Visma abranguen intervencións de calado no referente aos elementos patrimoniais do barrio. Por exemplo, a conservación, musealización e posta en valor da Arqueta dos Frades, actuacións na arqueta de paso ao oeste do Ágora e a descrición dos hórreos existentes no núcleo de San Pedro de Visma.

A previsión é que o treito da rúa que dá fronte á Arqueta dos Frades se urbanice cun carácter exclusivamente peonil e orientando o pavimento peonil desta rúa cara a arqueta situada ao oeste do Ágora. Ademais, proxectouse a instalación de doce balizas luminosas que delimitarán o trazado entre estas dúas arquetas, para acadar unha integración funcional dos elementos arqueolóxicos existentes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión