6 de abril de 2018
Daniel Díaz Grandío participou este venres na Comisión de Seguimento da Área Metropolitana de Transporte da Coruña, na que demandou a necesidade de que o goberno autonómico “cubra con servizo de autobús as primeiras saídas da mañá e as derradeiras chegadas de avións a Alvedro”
O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, recordou este venres que "o éxito que está a ter o Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano ao centro da cidade radica, en boa medida, en que o Concello da Coruña apostou, dende o principio, por unha penetración escalonada, pausada e estudada". Así se manifestou este venres, en alusión á proposta feita pública esta semana dende a Consellería de Infraestruturas de unificar as dúas seguintes fases de penetración previstas. O responsable municipal indicou que "o goberno local estudará a proposta, non obstante, iso será unha vez se lle comunique de feito oficial, non mediante titulares de prensa, e no órgano competente". Neste sentido, referiuse á xuntanza que terá lugar a vindeira semana da comisión bilateral entre Concello e Xunta por este motivo. "Hai que ter en conta que, nun principio, a Xunta quería levar a cabo un plan de penetración que podía derivar nun caos circulatorio, ao ser definido de xeito practicamente unilateral e sen ter en conta a necesidade de escalonar as entradas. Hai aproximadamente un ano, por estas datas, congratulabamonos de que finalmente a administración autonómica aceptaba os nosos requirimentos, elaborados en base ao amplo traballo efectuado polo persoal municipal", recordou. "Querer introducir novos cambios tan só 12 meses despois, cando o proceso está a funcionar de xeito correcto, non nos parece que sexa de recibo; non obstante, estudaremos todas as opcións que se nos propoñan, como sempre facemos", indicou o edil.
Díaz Grandío fixo estas consideracións no marco da Comisión de Seguimento da Área de Transporte Metrolitano da Coruña, xuntanza convocada pola Xunta de Galicia e que tiña por obxecto renovar o convenio de transporte metropolitano que deriva, entre outras cuestións, na interoperabilidade de pago cunha mesma tarxeta das viaxes urbanas e interurbanas. Ao fío, o titular de Mobilidade Sostible incidiu na "necesidade de que o novo Plan de Transporte Público de Galicia que prepara a Xunta teña en conta a vontade e os plantexamentos dos concellos da área metropolitana da Coruña". Así, recordou a vontade da posta en marcha dunha rede de transporte metropolitano que sexa xestionada por unha autoridade única, tal e como demandan os concellos da contorna.
Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Mobilidade Sostible tamén reclamou á Xunta de Galicia a necesidade de mellorar o servizo de transporte público entre a cidade e o aeroporto de Alvedro. "Esa liña é de competencia exclusiva do goberno autonómico. Hoxe, expresamos a nosa intención de reclamar que se mellore esa conectividade, especialmente para dar servizo aos e as viaxeiras das primeiras e as últimas horas da xornada", dixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible