14 de maio de 2018
O Concello habilita novas prazas de estacionamento na contorna do casco histórico, cunha porcentaxe reservada para persoas residentes, e que se suman á opción acordada cos tres aparcadoiros soterrados próximos ao barrio para a redución de tarifas. A posta en marcha desta medida acompañarase de modificacións no sistema circulatorio como o cambio a sentido único da avenida da Maestranza, na que se ampliarán as beirarrúas para mellorar a accesibilidade. O Plan de Revitalización inclúe medidas integrais para o barrio, que incidirán na mellora do comercio, vivenda ou medio ambiente, entre outros eixes, e que se apoiarán en plans especiais ou no reforzo das subvencións para as zonas Pepri.
Os concelleiros de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, e Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, avanzaron este luns os principais cambios que suporá a peonalización da Cidade Vella que, como anunciaron, se implantará o 25 de xuño, como un dos eixos do Plan de Revitalización municipal para este barrio, cuxas liñas básicas serán presentadas esta mesma tarde á veciñanza, nunha xuntanza informativa que terá lugar ás 19.30 horas no colexio Dominicos. Trátase, segundo observou Varela, "dun tema central no programa de goberno, unha intervención que entendemos que será modélica en canto ao espazo público na cidade e que abordamos de xeito integral, para ser xerme e catalizador doutras que están por vir". "Falamos dun Plan de Revitalización dirixido a dinamizar a Cidade Vella no seu conxunto e a loitar contra o illamento que percibe a xente deste barrio respecto ao resto da cidade", destacou, para salientar que a súa elaboración desenvolveuse "dunha maneira participada, buscando equilibrios entre as demandas de todos os axentes que habitan a Cidade Vella". "Queremos mellorar a calidade de vida da veciñanza desta zona e entendemos que con este proxecto mellorará tamén a calidade de vida do resto da cidade, porque imos romper ese illamento e abrir, tamén, a Cidade Vella ao resto da Coruña", subliñou o responsable de Rexeneración Urbana, quen indicou que a peonalización se porá en marcha unha vez rematado o curso escolar, para atender á demanda dos centros, "entes con gran relevancia na operatividade co cambio circulatorio".
"Este plan de revitalización vén saldar unha débeda histórica da Coruña coa Cidade Vella", considerou o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, quen detallou os cambios e restricións que se realizarán respecto da circulación de vehículos na Cidade Vella, así como da eliminación das prazas de estacionamento en superficie dentro dos muros do barrio e as novas posibilidades que se ofrecen na contorna. O edil explicou que o apartado de mobilidade dentro do plan de revitalización da Cidade Vella ten como obxectivo "eliminar o estacionamento no interior do barrio, é dicir, darlle valor e recuperar o espazo público interior, dunha calidade urbana e histórica extraordinaria". Así, dende o día 25 de xuño, estacionar na Cidade Vella estará prohibido, con dúas únicas excepcións "controladas e taxadas": as persoas que teñan unha tarxeta de mobilidade reducida e praza autorizada no barrio e a residencia de maiores. Tal e como indicou Díaz Grandío, o estudo realizado polo Concello revela que hai 400 vehículos que contan cun garaxe dentro do casco histórico da cidade e que, ademais, cada noite aparcan na rúa arredor doutros 200 vehículos.
Para gañar este espazo de aparcadoiro para a cidadanía, o Concello traballa en dúas liñas principais. "Por un lado, cos tres aparcadoiros soterrados da contorna da Cidade Vella -Parrote, Maestranza e Marina Coruña-, cos que conseguimos unhas tarifas tremendamente beneficiosas para residentes e persoas que traballan neste ámbito, que chegan ao 50% de redución", nun proceso que, como sinalou, foi longo "pero no que hai que agradecer a implicación da asociación de veciños e veciñas e tamén ás concesionarias por entender a súa transcendencia e ofrecer estas tarifas". Por outro, esta liña de traballo complétase coa xeración de novas prazas en superficie, de aparcamento libre, na contorna do barrio. "Estarán no Campo de Estrada, na rúa Maestranza e no Lugar das Ánimas, facendo especial fincapé nunha zona exclusiva para residentes cerca do Oceanográfico, no que só poderán deixar os vehículos as persoas residentes e comerciantes da Cidade Vella", apuntou Díaz Grandío. Con estas dúas iniciativas ofértase un número de prazas para residentes maior das 200 que se se suprimirán no interior da cidade, tal e como fixo notar o edil de Rexeneración Urbana.
O acceso de vehículos na Cidade Vella acoutarase tamén dende o día 25 de xuño a persoas autorizadas, o que tamén se acompañará de cambios na circulación da contorna e as conseguintes adaptacións para o servizo de autobús urbano. Así, terán permitido circular as persoas que dispoñan de tarxeta de residente, as que posúan a de mobilidade reducida e unha praza de garaxe no interior do barrio, os comerciantes que estean dentro da muralla e o transporte público como os taxis, e tamén se establecerán permisos temporais para casos concretos, "como xa se habilitan noutras zonas peonalizadas da cidade". Isto suporá unha limpeza do censo actual, no que hai contabilizadas 1.000 tarxetas, "para eliminar a xente que cambiou de lugar de residencia, e tamén unha substitución das tarxetas actuais". Este proceso farase de maneira gradual, polo que convivirán os dous sistemas -a tarxeta actual e o novo adhesivo que terán os vehículos dos e das veciñas residentes- ata finais de ano e permitirá tamén solicitar este distintivo á veciñanza das rúas Paseo da Dársena, Santiago, General Alesón, María Barbeito, Campo da Estrada, Maestranza, e María Pita (entre os números 1 e 11), que se atopan fóra do sistema actual. O edil destacou que non se instalarán barreiras físicas que restrinxan a entrada na Cidade Vella e que será a Policía Local a que controle a circulación dos vehículos se limite aos que están autorizados.
Para a mellora da contorna da Cidade Vella introducirase un cambio circulatorio na rúa Maestranza, que pasará a ser dun único sentido, de subida, entre o hospital Abente y Lago e a rúa Campo da Estrada. "Esta modificación permite rachar co illamento da Cidade Vella, actuar sobre os seus bordos e mellorar a súa calidade urbana, xa que vai xerar novos espazos peonís, permitir a ampliación de beirarrúas e solventar puntos negros actuais, como o paso peonil entre a Orde Terceira e a entrada do xardín de San Carlos", apuntou Díaz Grandío. Como complemento a esta modificación no sentido da circulación haberá outras actuacións puntuais, algunhas xa realizadas, como na rúa Veramar e a glorieta co Paseo Marítimo, "que permite movementos que antes non estaban autorizados". Vanse habilitar tamén outras entradas para romper co illamento da Cidade Vella, como un cruzamento no Paseo Marítimo, á altura de Hípica, que vai permitir o xiro á esquerda e a incorporación dos vehículos que veñen do túnel do Parrote a esa área da Cidade Vella, que implicará tamén a execución dunha glorieta na zona de Hípica que mellore e facilite o acceso do transporte público.
O cambio circulatorio da Maestranza obrigará a realizar pequenas modificacións no transporte público de autobuses na zona, que afectarán á situación de dúas das paradas pero non aos seus horarios ou frecuencias. "Tras coordinalo co persoal técnico da Compañía de Transportes, vaise adiantar a parada da Hípica 30 metros, e tamén a do Museo Militar, que vai estar na cabeceira de liñas que se sitúa ao pé do Hospital Abente y Lago", indicou o edil, que incidiu en que "os tempos de paso e os horarios dos autobuses se manteñen".
Liñas estratéxicas do Plan de Revitalización
Tal e como expuxo, pola súa banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana durante a presentación, a peonalización "é unha das patas importantes do Plan de Revitalización da Cidade Vella, pero non a única, xa que se sustenta en diferentes eixes", que quedarán recollidos nun plan de acción que lle será trasladado no próximo mes á nova Mesa Cidadá da Cidade Vella -constituída hai unha semana- para a súa avaliación e mellora en común. "Falamos dun desafío importante, dun plan amplo que transcende o cambio do modelo circulatorio e que quere intervir dunha maneira integral neste ámbito", indicou Varela, que deu conta das liñas mestras dunha folla de ruta que, como subliñou, atinxen ás competencias de todas as concellerías do goberno local, a través dun traballo "coordinado e transversal", e que remite "a unha cidade próxima, esa Coruña Próxima que buscamos, unha cidade na que podes facer unha vida plena no teu entorno inmediato".
O plan fixa como primeira liña, denominada 'Cidade Vella Aberta', a mobilidade, na que son claves a peonalización e o cambio circulatorio, pero tamén outras medidas como a ordenación das terrazas. O eixe 'Cidade Vella Coidada' inclúe as accións para a mellora do espazo público como son, segundo enumerou o edil de Rexeneración Urbana, os proxectos de reurbanización xa abordados nesta contorna, como os desenvolvidos para permitir o cambio circulatorio -caso da glorieta de Veramar ou o xiro á esquerda na Hípica-, outros de curto prazo -como a ampliación de beirarrúas que se acometerá durante o verán na avenida da Maestranza, "básica para a operatividade da peonalización e para a mellora da seguridade, especialmente no ámbito dos Dominicos"- e outras a máis longo prazo, como a reurbanización das rúas Cortaduría, Damas e Rosario, ou a contorna da Fundación Luís Seoane, así como pequenas intervención de mellora de accesibilidade do espazo público -retirada de bolardos e barreiras arquitectónicas...- que se irán abordando de forma progresiva. Esta liña de actuación inclúe tamén as redes de saneamento e de servizos, que se abordarán en conxunto cos proxectos de urbanización, e a mellora de iluminación deste ámbito na que xa se está a traballar desde a Concellería de Rexeneración Urbana.
'Cidade Vella Sostible' abrangue as medidas relacionadas co medio ambiente, con accións que van desde a limpeza e o coidado do espazo público -en liña co programa municipal 'A Pé de Barrio' que se desenvolve no conxunto da cidade-, e tamén con intervención nos xardíns históricos, tanto na praza de Azcárraga como nos xardíns de San Carlos, ou a expansión do arborado, que nas últimas semanas xa supuxo unha plantación no ámbito das Ánimas. Ademais, nesta materia realizarase unha revisión da sostibilidade dos eventos que se celebran na Cidade vella, como pode ser a Feira das Marabillas, segundo anunciou o concelleiro de Rexeneración Urbana.
A liña 'Cidade Vella Activa' recolle as medidas previstas para os equipamentos deste barrio, que se concentran fundamentalmente no edificio de Veeduría que alberga o centro cívico e ao que se prevé seguir dando contido, e as naves do Metrosidero, o proxecto municipal para a creación dun novo equipamento público cidadán que dea servizo á mocidade e sirva tamén para dinamizar o barrio.
'Cidade Vella Viva' é a liña que concentra as medidas relativas á vivenda, un ámbito "moi importante e onde se pretende evitar a xentrificación deste barrio, para asegurar que a poboación que agora mesmo habita a Cidade Vella poida seguir facéndoo e non sexa expulsada polo aumento dos alugueres". Como adiantou Varela, neste eido contémplase, entre outras novidade, o aumento das contías das subvencións á rehabilitación en zona Pepri, que introducirán ademais criterios de renda para facilitar o acceso ás persoas con recursos máis limitados.
En canto ao emprego e a dinamización comercial, a liña 'Cidade Vella Dinámica' abordará un plan específico para esta área, que está a desenvolver a Concellería de Emprego e Economía Social, e que recollerá melloras como un aumento da contía das axudas á rehabilitación de locais comerciais na zona Pepri. As medidas implementadas pola Concellería de Xustiza Social e Coidados quedarán recollidas na liña 'Cidade Vella Acolledora', cunha atención especial posta no avellentamento da poboación, nun barrio que ten unha porcentaxe de fogares formados por persoas maiores de 65 anos que se achega ao 26%. Igualmente, desde a Concellería de Culturas estase a artellar nun plan específico de dinamización cultural -dentro do eixe 'Cidade Vella Creativa'- para dar máis vida a este barrio. "Estas liñas, o que tratan é de crear unha cidade de proximidade, á maneira na que traballamos en toda a cidade, de forma coordinada e integral e na que a participación tivo e terá un peso relevante", resumiu Varela, quen informou de que o centro cívico da Cidade Vella establecerá un punto informativo no que a veciñanza poderá realizar as súas consultas ou obter a información que precise en relación ao plan.
Proceso participado
Tal e como indicou durante a rolda a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, o proceso que derivará na peonalización da Cidade Vella ten detrás "un amplo traballo técnico que se desenvolveu de forma participada, con toda a cidadanía da zona, de forma que o proxecto conte co maior consenso posible". "Ao longo de todos estes meses mantivemos numerosos encontros con todos os axentes do barrio. O obxectivo das xuntanzas era informar, contrastar e recoller achegas sobre o proceso de peonalización que iniciamos e sobre as políticas complementarias de revitalización que poremos en marcha e que son amplamente demandadas pola veciñanza", comentou, á vez que agradeceu "o compromiso amosado polas distintas entidades" que veñen de participar neste proceso. Así, Delso salientou o traballo levado a cabo coa entidades veciñais e de comerciantes da zona, así como cos distintos centros escolares (Dominicos, Cidade Vella e Escolas Populares), a xerencia do hospital Abente y Lago, a Reitoría da UDC, a sociedade Hípica, a representación do Ministerio de Defensa, o Hotel Finisterre, a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega, o Arquivo do Reino de Galicia, a residencia de estudantes María Inmaculada, a residencia de maiores La Ciudad, o convento de Santa Bárbara, a Fundación Luís Seoane, a dirección do Centro Cívico da Cidade Vella, a Colexiata de Santa María, a Igrexa de Santiago, a Orde Terceira de San Francisco, Compañía de Tranvías, Asociación Acolá e Asociación de Mulleres pola Igualdade. "Grazas á participación de todas estas entidades, ademais da cidadanía, configuramos, entre todos e todas, unha proposta de consenso", salientou.
Delso insistiu, non obstante, en que este proceso participativo "manterase no tempo" xa que, unha das conclusións do mesmo foi a necesidade de implementar, de forma paralela, políticas de revitalización e posta en valor da Cidade Vella. "Somos conscientes de que o traballo dos axentes non acaba aquí, xa que debe ser continuado, por iso, para seguir traballando ao seu carón, constituímos a pasada semana a Mesa Cidadá da Cidade Vella, un órgano de participación temporal que ten como obxectivo acompañar tanto o plan de peonalización como as accións de revitalización a través dunha serie de encontros que, nun principio serán trimestrais", dixo. "É un órgano de participación plural, diverso e operativo que funcionará como un espazo de acompañamento fundamental e que está aberto a novas incorporacións", quixo salientar a responsable municipal.
Novas relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible