12 de febrero de 2016
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, manifestou, tras a concentración en repulsa polo último crime machista, “que a educación é o camiño para frenar agresións que derivan directamente das violencias machistas”
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga e o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, reuníronse esta mañá con representantes do grupo Accesibilidade Coruña, órgano conformado por técnicos e técnicas de accesibilidade de diversas entidades vinculadas á diversidade funcional. Segundo explicou Fraga, con esta reunión, o Concello da Coruña “retoma e impulsa unha senda de colaboración iniciada en 2011 e que foi esmorecendo nos últimos anos”.
Desta forma, o Grupo Accesibilidade Coruña, coa coordinación do departamento de Igualdade e Diversidade, e a colaboración das concellerías de Mobilidade Sostible e Rexeneración Urbana, fará achegas ao Goberno local en materia de accesibilidade. “Iniciamos un proceso de relación estable e contacto permanente mediante o cal localizaremos e poñeremos o til naquelas actuacións máis urxentes e necesarias en materia de accesibilidade, prestando especial atención ás demandas dos colectivos que presentan diversidade funcional”, comentou a concelleira. O Grupo Accesibilidade Coruña conta con técnicos de diversas asociacións como a ONCE, Aspronaga, Cogami, Grumico, a Liga Reumatolóxica e a Asociación de Persoas Xordas da Coruña. “A nosa intención é a de manter contactos periódicos”, apuntou a responsable de Igualdade e Diversidade, que recordou que no pasado este grupo de asesoramento só tiña co Concello unha reunión anual.
Segundo relata a concelleira, na xuntanza de hoxe, os e as representantes do Executivo municipal manifestaron a intención de revisar unha proposta de ordenanzas de accesibilidade que “foi encargada, mediante contrat, polo Goberno anterior e que quedou nun caixón”. Así mesmo, tamén se acordou a posta en marcha, nun futuro, de xornadas formativas para o persoal municipal de cara á sensibilización coas diversidades funcionais.
Concentración contra a violencias machistas
Por outro lado, e en base ao protocolo de actuación ante as violencias machistas, acordado polo Pleno municipal o pasado outubro, este mañá tivo lugar, na entrada ao Pazo de María Pita, un minuto de silencio --ao que acudiron tanto os membros da Corporación como traballadores e traballadoras municipais-- en repulsa polo último asasinato machista perpetrado en Becerreá (Lugo). A concelleira de Igualdade indicou que a concentración serviu non só para condenar este crime, senón tamén a grave agresión que sufriu unha muller na Coruña estes días, así como o ataque homófobo que tivo lugar en Compostela. “Esta deriva de agresións, relacionadas todas coas violencias machistas, teñen que atallarse dende a educación”, indicou Fraga.
Así, a responsable municipal explicou que a súa área de Goberno leva a cabo numerosos talleres en centros educativos, que pretende estender e ampliar. “Normalmente, estes talleres de concienciación se imparten en Secundaria, pero cremos que tamén se deben dar en Primaria, para abordar este tema canto antes”, comentou a concelleira, que indicou a intención do seu departamento de poñer en marcha este ano un maior número de programas educativos a este respecto. “Estamos estudando tamén a posibilidade de que estes talleres tamén se leven a cabo en centros cívicos, para que poidan acceder a eles aqueles estudantes cuxos centros non solicitan estes programas, así como actividades destinadas a pais e nais”, salientou.
Por outro lado, Fraga convidou á cidadanía a participar na concentración contra o asasinato machista convocada polo Movemento Feminista que terá lugar este sábado, ás 20.00 horas no Obelisco, así como a que terá lugar na mesma ubicación mañá, ás 12.00 horas, pola agresión homófoba de Compostela, e que foi organizada neste caso por colectivos LGTBQI e feministas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible