Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

2 de octubre de 2024

En marcha as obras de construción do novo centro de rehabilitación de Adaceco, que se establecerá sobre un terreo municipal cedido polo Concello

A alcaldesa, Inés Rey, celebrou este primeiro paso para a posta en marcha da instalación, e puxo en valor “a perseveranza e espírito de superación” das persoas que integran a asociación

A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe no acto de colocación da primeira pedra do novo centro de rehabilitación integral da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco), que se construirá sobre un terreo de titularidade municipal que o Concello lle cedeu á entidade por un período de 75 anos, co obxectivo de que a entidade dispoña dun espazo adecuado ás súas necesidades actuais.

Rey puxo en valor "a perseveranza e espírito de superación" das persoas que integran Adaceco, "que hai case un cuarto de século deron un paso á fronte para buscar solucións que lles axudasen ás persoas afectadas por dano cerebral adquirido, tamén para apoiar as súas familias". Neste sentido, a alcaldesa apuntou a importancia de dúas figuras clave na historia da asociación: Juan Luis Delgado, actual presidente de Adaceco, e Carmen Fernández Quiroga, presidenta de honra e primeira mandataria da entidade, "persoas que en todo momento loitaron por mellorar a calidade de vida das e dos afectados por DCA".

A este respecto, e atendendo ás demandas de Adaceco, o Concello deu este ano dous pasos fundamentais para facilitar a construción do novo centro de rehabilitación en Eirís. En primeiro lugar, coa aprobación definitiva do estudo de detalle, e, xa en agosto, coa concesión da licenza para erixir o edificio, que se construirá nunha parcela cunha superficie de case 2.000 metros cadrados. Terá unha planta baixa e dúas alturas.

"Na Coruña tiñamos unha conta pendente coas entidades que traballan pola saúde da cidadanía e, no caso de Adaceco, polo importante labor que desenvolve, era preciso buscar unha nova localización na que a asociación leve a cabo o seu traballo nas mellores condicións", expuxo a alcaldesa esta mañá.

Un compromiso colectivo

Ademais de Inés Rey, no acto deste mércores tomaron parte Juan Luis Delgado, presidente de Adaceco; Raúl Estradera, director de Comunicación e Relacións Institucionais de Inditex; Belén do Campo, delegada territorial da Xunta; Pedro Blanco, delegado do Goberno; e as concelleiras e concelleiros Yoya Neira, Nereida Canosa e Francisco Díaz Gallego.

Na súa intervención, a alcaldesa fixo fincapé na importancia de "incidir na concienciación para que toda a sociedade, no seu conxunto, se implique en causas coma esta", e puxo como exemplo o persoal traballador de Inditex que, coas súas doazóns, custeou case a metade do importe do proxecto para edificar o novo centro de atención de Adaceco.

"Como coruñesa, cidadá e rexedora, é un orgullo ver como a nosa xente amosa o seu compromiso para axudar a dar un xiro de 180 graos na mellora da calidade de vida das persoas que nos rodean", dixo.

Rey destacou que este compromiso social é compartido polo Concello, que este ano incrementou a súa achega económica a Adaceco co obxectivo de contribuír ao programa de asesoramento e orientación ás familias coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido.

"Sabemos que aínda hai moito traballo por facer, que desde as administracións públicas debemos seguir reforzando as liñas de apoio tanto a pacientes como ás súas persoas achegadas, e coido que actos como o de hoxe, nos que damos un paso definitivo para saldar esta conta pendente desde hai tantos anos, axúdanlles ás persoas afectadas e ás súas familias a mirar ao futuro con algo máis de optimismo", indicou a alcaldesa.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión