Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de xullo de 2024

O festival poñerá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho

Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch ou Susanna Martín, entre os autores e autoras da 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico

As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, cun total de 18 exposicións

A Coruña converterase un ano máis no gran referente das e dos amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. O Goberno de Inés Rey reafirma a súa aposta pola gran cita da banda deseñada de Galicia, que chega a este 2024 con moitas novidades e unha nómina de participantes de gran nivel nacional e internacional.

O autor e editor coruñés Manel Cráneo asume a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que se desvelará ao completo nos vindeiros días e que incluirá charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil.

Neste 2024, o festival reunirá a figuras como Genie Espinosa -autora do cartel desta edición da cita-, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, que contarán con exposicións monográficas do seu traballo. Viñetas quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho. As temáticas sociais, a internacionalización -cunha ollada ao mellor cómic chegado de América Latina- e a aposta polas novas voces e a banda deseñada independente e experimental serán as claves de Viñetas desde o Atlántico 2024.

A sección angular do programa desta 27ª edición do festival, bautizada neste 2024 como Viñetas Expo, concentrará 13 exposicións de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, individuais e colectivas, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras, das que pronto se coñecerán os detalles.

As sedes oficiais das exposicións de Viñetas Expo serán o Kiosco Alfonso, Palexco, o Palacio de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso e o Centro Ágora. A estes espazos sumaranse, tamén, as seguintes entidades colaboradoras: o Circo de Artesáns, a A. C. Alexandre Bóveda, a Cervezoteca Malte, a Pulpeira de Melide e o Bar 13, que organizarán un programa expositivo especial en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

"O Viñetas é un dos grandes referentes culturais de Galicia e España e, como tal, desde este Goberno municipal quixemos reforzar a nosa aposta, renovando a súa dirección e dándolle visibilidade dentro e fóra da cidade", sinalou a alcaldesa, Inés Rey. A rexedora fixo referencia á participación do festival no pasado Salón do Cómic de Barcelona, unha das citas de banda deseñada máis importantes do país, onde se presentou o cartel obra de Genie Espinosa. "Este ano estamos levando a cabo importantes esforzos para que sexa a edición do Viñetas máis completa e, como tal, estamos implicando todos os nosos recursos, como se pode ver na previsión de exposicións nas salas municipais", engadiu Inés Rey.

En palabras de Manel Cráneo, director artístico de Viñetas desde o Atlántico, "o festival coruñés de banda deseñada regresa neste 2024 cunha aposta importante na súa parte expositiva. Este anos ofrécese unha selección de exposicións oficiais exclusivas ás que se lle unen outras paralelas en colaboración con diferentes entidades e locais da cidade". E engade: "Ademais, un dos puntos fortes desta edición e a recuperación dos convidados internacionais".

Cráneo salientou que "os fíos que unen esta edición nas mostras oficiais son as temáticas sociais e a banda deseñada independente e experimental, con Genie Espinosa, Marc Torices, Susanna Martín e Yeyei Gómez. Palexco, Palacio Municipal e a Casa Museo Picasso acollerán estas exposicións".

A sala principal Kiosco Alfonso recupera a idea de convidados internacionais, centrándose este ano na outra beira do Atlántico, coa mirada enfocada no Brasil e na Arxentina, da man de Lucas Varela, Kundo Krunch e Marcello Quintanilha. Ademais, este ano súmase o Centro Ágora, destinado á banda deseñada para público infantil, cunha retrospectiva de Jorge Campos. E preto de 50 autoras e autores galegas e galegos verán a súa obra repartida nas diferentes salas deste Viñetas desde o Atlántico, fito do que moi pronto ofreceremos todos os detalles.

Avance de autores e autoras confirmadas

  • Genie Espinosa
    • Palacio de María Pita
    • Gañadora do premio ao autor revelación de Comic Barcelona 2023 e autora do cartel do Viñetas deste ano.
  • Lucas Varela
    • Kiosco Alfonso
    • Autor arxentino, os seus libros veñen publicándose en España desde hai anos, como o seu éxito Paolo Pinocchio.
  • Marcello Quintanilha
    • Kiosco Alfonso
    • Brasileiro gañador de dous premios no Festival de Angoulême e un no Comic Barcelona.
  • Kundo Krunch
    • Kiosco Alfonso
    • Premiado autor arxentino, ten xa tres obras editadas no mercado español e galego.
  • Susanna Martín
    • Palexco
    • Ten publicado numerosas novelas gráficas, e nalgunhas colaborou con autores como Miguel Á. Giner Bou ou Fermin Muguruza.
  • Marc Torices
    • Palexco
    • A súa obra La alegre vida del triste perro Cornelius obtivo o premio á mellor obra no Comic Barcelona 2024.
  • Paula Mayor: 'Rosalía oculta'
    • Sala Salvador de Madariaga
    • Premio Castelo de Banda Deseñada 2023 na modalidade xeral.
  • Cristian F. Caruncho: 'O día de San Martiño'
    • Sala Salvador de Madariaga
    • Premio Castelao de Banda Deseñada na modalidade infantil e xuvenil.
  • Yeyei Gómez
    • Casa Museo Picasso
    • Autora con obra publicada en España e Francia, gañadora do Premio Injuve en 2016.
  • Jorge Campos
    • Centro Ágora
    • Prolífico autor de Unha mestra en apuros e outros éxitos da BD galega.

A catalá Genie Espinosa asina o cartel de Viñetas 2024

O cartel da 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico está asinado pola autora barcelonesa Genie Espinosa e mantén á Torre de Hércules como motivo principal. A torre é o centro de reunión de dferentes personaxes que reflicten a diversidade social. A ilustración de cores vivas e alegres de Espinosa representa a lectura da banda deseñada como elemento común de entretemento, aprendizaxe e coñecemento e como ferramenta de inclusión social. Nel están presentes referencias a obras fundamentais do cómic, como Maus, de Art Spiegelman, ou Persépole, da iraniana Marjane Satrapi, recentemente galardoada co Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.

27 anos dunha cita internacional de referencia

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión