7 de abril de 2025
O concelleiro de Cultura e Turismo participou na presentación do ciclo Concertos do Xacobeo 2025 na cidade, que atraerá a máis de 100.000 persoas
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá o ciclo Concertos do Xacobeo 2025, con numerosas citas musicais na cidade ao longo do ano que contan co apoio do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia. No acto tamén participou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
"Desde o Goberno de Inés Rey somos conscientes do importante valor turístico que teñen os grandes eventos e por iso levamos anos potenciando e facilitando a súa celebración na cidade", sinalou Gonzalo Castro. O edil destacou a "boa sintonía" entre o goberno municipal e o autonómico coa finalidade de que A Coruña sexa un "factor clave" na recepción de turistas de Galicia, acollendo nos seus espazos abertos e pechados numerosas xiras internacionais e de gran relevancia nacional.
Na Coruña, neste 2025, os Concertos do Xacobeo apoian un total 13 grandes eventos, dos concertos de Lenny Kravitz, Paloma San Basilio ou Coque Malla, entre moitos outros, a festivais de renome como o Morriña, Wake Up!, Recorda Fest e os ciclos Gozo Festival e Maresía, que sitúan á cidade como punta de lanza da música en vivo do noroeste peninsular ao longo de todo o ano.
Entre as figuras internacionais, nacionais e galegas que actuaron ou actuarán na Coruña este ano, xa sexa en concertos individuais, ciclos ou festivais de renome, se dan cita nomes como os de Franz Ferdinand, Lenny Kravitz, Alanis Morissette e Lionel Richie -todo eles, no marco de O Gozo Festival-, Dani Fernández, Ryan Adams -no marco do ciclo Maresía-, Paloma San Basilio, Chayanne, Coque Malla, Vanesa Martín ou grandes figuras programadas no Morriña Festival, como Nathy Peluso, Ozuna, Peso Pluma e Residente, ademais dos artistas do Recorda Fest (con Álvaro de Luna, Leire Martínez ou Nena Daconte como cabezas de cartes) e o Wake Up! Festival. Os seus directos teñen lugar en grandes espazos da música en vivo da cidade, como o Coliseum, a Sala Pelícano, o Porto da Coruña, o Palacio da Ópera ou o Parque de Bens.
Deste xeito, o Concello e a axencia Turismo de Galicia apostan por situar á cidade da Coruña como un dos destinos máis atractivos para públicos de diferentes xeracións coas preferencias culturais e musicais máis esixentes e diversas. Neste 2025, os Concertos do Xacobeo atraerán na Coruña a máis de 100.000 persoas de xeito desestacionalizado ao longo de todo o ano, grazas aos directos programados tanto en recinto como o Coliseum ou o Palacio da Ópera, con máis de 50.000 espectadores nos eventos que contan co apoio dos Concertos do Xacobeo, ou nas grandes citas do verán ao aire libre: segundo datos de 2024, o Morriña concentra 40.000 persoas; o Recorda Fest, 23.000, mentres que centos de persoas acudiron ao Wake Up! Festival. No ano 2024 o principal recinto musical de Galicia, o Coliseum, tivo unha media de 7.000 espectadores por concerto, un 88 % da capacidade total do recinto.
A cita máis inmediata deste ciclo será o concerto de Lenny Kravitz deste xoves 10 no Coliseum. As últimas entradas están á venda a través de Ticketmaster, Ataquilla, El Corte Inglés e no despacho de billetes da praza de Ourense. O programa completo de Concertos do Xacobeo 2025 está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible